luns, 10 de maio de 2021

Proxectados I [DEBUXO]

O día 23 de abril inaugurouse a exposición Proxectos 19 no Espazo Emao. Tras dous anos de espera motivada  por distintas circunstancias, por fin o espazo  puido acoller esta exposición tan esperada. O alumnado de Debuxo, como o resto do alumnado que realizou os proxectos do curso Avanzado no ano 19, agardaba impaciente poder amosar os resultados. Estes proxectos teñen nomes e apelidos, teñen esforzo e dedicación e o resultado é visible se visitades a exposición. Quero amosar aos autores e autoras dos proxectos de Debuxo, de xeito que coñezades un pouco máis a tarefa realizada, os porqués destes proxectos, as motivacións e as problemáticas no proceso, para que sirva ao alumnado dos Grupos Superiores que hoxe están preparando os novos proxectos que se escollerán para o curso 21/22 no Curso Avanzado.

PAULA LAGO

Historia de Dores

Paula tiña un grande interese en colaborar coa súa nai achegando os seus debuxos aos textos que esta ten escritos co fin de, quen sabe, poder editalos nun futuro. Inicialmente buscaba unha estética coa que se sentise cómoda para "ilustrar". Acadar unhas imaxes coas que gozar do proceso, tanto da parte técnica, buscando soltura e inmediatez, como do resultado final. 

A primeira parte do proxecto consistiu en buscar, investigar na parte estética. Empapouse de obras de diversos artistas tanto de hoxe como do século pasado. Buscaba  un modo de facer que mesturase a perfección coa historia de Dores. Atopou nesa busca a Bernard Buffet, unha sorte de pintor expresionista tardío francés dos anos 60.

Obra de Buffet do ano 1960

Paula imitou a Buffet incluso copiou algunhas das súas obras. Utilizou para iso dúas técnicas coas que xogou alegremente, o pastel e a acuarela, introducindo toques de carbón. Técnicas que traballamos no obradoiro de Debuxo e que funcionan á perfección cando bailan no soporte.

Estas primeiras aproximacións desencadearon unha chea de ideas que se traduciron no que finalmente foi, unha novela gráfica. Deses primeiros traballos, copias de Buffet, só se mantivo a parte técnica. O resultado dos cadriños que compoñen a peza final en forma de libro, formato álbum ilustrado, achégase máis á pintura galega de mediados do século XX, en concreto á obra de Colmeiro. 

Outro dos retos de Paula era coñecer e aplicar con solvencia a linguaxe e os códigos da BD. 

A BD ademais dos elementos comúns da linguaxe visual posúe os seus propios e característicos elementos que a distinguen. Paula mergullose nesta linguaxe coa lectura intensiva de Novela gráfica e asimilou as súas características propias. Utilizou para o seu coñecemento libros como o de Eisner "El cómic y el Arte Secuencial", xa un clásico para  o que queira introducirse neste mundo. 

O resultado é un proxecto moi ben motivado, desenvolvido e finalizado. O obxectivo de sacar o libro autoeditado conseguiuno. Paula presentouse con este proxecto ao Premio Castelao de Banda Deseñada.

Aínda que non gañou, o éxito foi poder levalo adiante.

ANTONIO LAGOS

Se alzamos a mirada 

Antonio ten unha grande afección polo debuxo e a pintura desde hai moitos anos. Traballou toda a vida no mar como mecánico, pero a súa paixón sempre foi debuxar. De feito nas longas estancias en alta mar conta que levaba un caaderno onde bosquexaba apuntamentos. Pasar polo obradoiro de debuxo supuxo para Antonio poder desenvolver dun xeito máis profesional a afección que o acompañou sempre. Hoxe, pode que algún dos seus debuxos colgue nalgunha parede dalgunha oficina en Madrid.

Cando rematou no Curso Superior, Antonio tiña claro o que quería desenvolver como proxecto propio: Debuxar edificios emblemáticos de Vigo, traballo que xa levaba tempo argallando e materializando con máis ou menos acerto. Dándolle unha volta máis pensou que sería boa idea debuxar elementos deses edificios, que están presentes, pero que pasan desapercibidos por ubicarse en altura. Foi un acerto. 

Sen querer imitar aos urban sketchers, Antonio utiliza as mesmas técnicas coas que habitualmente traballan estes, acuarela para a mancha e o estilógrafo de diversos grosores para rotular a liña, pero en formato A3 non en caderno. Non pretende ademais un acabado de apunte.

Os debuxos teñen varias sesións intensivas, capa sobre capa de acuarela e un rotulado a conciencia. Por outra banda non son debuxos a partir do natural. Antonio realizou primeiro un labor de busca e fotografado daqueles edificios que quería reproducir e homenaxear.

A problemática principal coa que se atopou foi coa perspectiva. Os primeiros debuxos estaban ben resoltos tecnicamente pero aínda había algún erro de perspectiva que se foi solucionando a medida que o proxecto avanzaba e collía forma. Antonio puxo unha gran paixón no traballo, repetindo algunhas desas primeiras perspectivas problemáticas, sempre co obxectivo de deixar un traballo moi ben resolto, pero co grafismo do feito a man ben visible.

A medida que avanzaba o proxecto a liña debuxada tamén foi soltándose. A man que colle o estilógrafo, nos últimos traballos, xa se aprecia como baila sobre o papel con control pero con alegría, como se levase un ritmo interno marcado por un metrónomo gráfico. 

Finalmente Antonio realizou unha boa chea de imaxes que recolleu nun libro de autor no que se rexistra o nome do edificio debuxado, a data e o arquitecto. Penso que non hai moitos libros como este que estean editados. Penso no traballo de Eduardo Baamonde sobre Vigo, ou os de Natalio Arnoso que sacou o Faro hai uns anos, pero un autor que debuxase dun xeito tan a conciencia e documentado a arquitectura viguesa deste xeito, non o atopo. Este traballo é publicable.

Antonio agora está cunha segunda parte. Aí o deixo.

2 comentarios:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!