O Consello Internacional de Museos (ICOM) creou o Día Internacional dos Museos en 1977 para sensibilizar o público sobre o papel dos museos no desenvolvemento da sociedade. Dende entón, cada 18 de maio miles de museos de países e territorios en todo o mundo celebran este día en torno ao tema elixido polo ICOM para cada edición —incluído o pasado 2020, cun altísimo índice de participación a pesar das limitacións impostas por un formato exclusivamente dixital.
A crise da Covid-19, propagada polo mundo enteiro, tivo graves repercusións no sector cultural a curto e longo prazo. Non obstante, tamén serviu de catalizador para innovacións cruciais que xa estaban en marcha. En particular, un maior enfoque cara á dixitalización e a creación de novas formas de experiencia e difusión, e o reforzo do potencial creativo da cultura como motor de recuperación e innovación na era post-Covid.
Co tema “O futuro dos museos: Recuperar e reimaxinar”, o Día Internacional dos Museos 2021 invita aos museos, aos seus profesionais e ás comunidades a crear, imaxinar e compartir novas prácticas de (co)creación de valor, novos modelos de negocio para as institucións culturais, e solucións innovadoras para os retos sociais, económicos e ambientais do presente.
O MARCO celebra unha data tan especial coa realización de obradoiros para público infantil e adulto, que se escalonarán durante catro días consecutivos, do 18 ao 21 de maio, xunto a visitas guiadas á exposición 4 PROXECTOS e actividades do Club de Lectura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!