sábado, 22 de maio de 2021

A Universidade de Vigo presume de talentos [OUTRAS NOVAS]

 

A Universidade de Vigo presume de talento para captar alumnos. O IES Santo Tomei estrea a exposición itinerante Eu son UVigo! protagonizada por 17 dos seus titulados e científicos máis coñecidos.

“Con esforzo e traballo”, a Universidade axuda a “facer realidade os soños”. É a mensaxe que a institución quere transmitir con “Eu son UVigo!”, unha exposición itinerante que percorrerá institutos das catro provincias, así como centros sociais e culturais, e que está protagonizada por algúns dos seus egresados e investigadores máis recoñecidos, entre eles, a escritora Ledicia Costas, David Amor, Alba Aguión ou o enxeñeiro Diego Nodar da e empresa Alén Space. Tamén son inspiradoras as traxectorias do docente e investigador Pablo Romero, que colaborou con Netflix; Martiño Prada, que lidera desde Nova York o equipo de tradución de Spotify; Jesús Cal, do departamento de vendas e mercadotecnia de Tesla; Lorena Alba, responsable da área Loxística de Inditex; ou o catedrático Jesús Simal, un dos mellores investigadores do mundo no seu ámbito. 

A iniciativa “visibiliza” os logros da institución a través dos éxitos profesionais e persoais dos seus protagonistas e busca dar a coñecer a súa oferta de títulos nos institutos. Tamén pretende visibilizar o ámbito artístico e humanístico, porque a UVigo sempre se vincula máis ao tecnolóxico. Neste ámbito brilla con luz propia o noso mestre de debuxo Federico Fernández, Premio Nacional de Ilustración Infantil en 2002, cunha dilatada carreira como ilustrador ás súas costas.

 

Tamén queremos destacar a traxectoria da artista multidisciplinar Abi Castillo, alumna de cerámica artística na EMAO.



Parabéns a todos e todas!

Fonte: Faro de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!