Xa que na aula estamos a traballar as diferentes técnicas de gravado resultounos moi didáctica a exposición "Un Humanismo moderno. Colmeiro-Seoane-Picasso-Vertés", organizada pola Asociación Amigos do Pintor Colmeiro e maila Fundación Museo de Artes do Gravado de Ribeira, coa colaboración do Concello de Vigo.
A mostra reúne significativos exemplos do traballo gráfico e da ilustración de dúas figuras cimeiras da arte galega: Manuel Colmeiro e Luís Seoane, que no exilio arxentino e durante os anos corenta desenvolven unha estética con resonancias clasicistas. En diálogo cos nosos autores exponse a famosa Suite Vollard de Pablo Picasso, cen gravados feitos en diversas técnicas: buril, punta seca, augatinta ao azucre e augaforte, elaborados entre setembro de 1930 e xuño de 1936 e as ilustracións de Dafnis e Chloé (1954) realizadas polo artista de orixe húngara Vertès, un gravador afincado en Francia que desenvolve unha obra con indubidábeis referencias picassianas nos mesmos anos que os traballos do noso exilio.
A exposición, comisariada por Carlos L. Bernárdez e Xoán Pastor Rodríguez, permanecerá aberta ao público até o 21 de novembro.
Concello de Vigo. Un humanismo Moderno.
Diálogo de xenios galegos con Picasso. Reportaxe do Atlántico Diario.
Catro xenios e unha morriña en común. Reportaxe Faro de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!