Onte xoves 11 de novembro, tivo lugar no MARCO o I Encontro de Bibliotecas, Arquivos e Centros de Documentación de Vigo, organizado e celebrado por iniciativa da Biblioteca-Centro de documentación do MARCO.
A xornada, cuxo obxectivo era establecer unha primeira toma de contacto para facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias entre responsables e xestores dun mesmo ámbito, tivo como principal resultado o compromiso de continuidade por parte de todos os profesionais participantes.
Participantes:
Arquivo ANFACO
Arquivo da Autoridade Portuaria
Arquivo Fundación Penzol
Arquivo Municipal de Vigo
Arquivo da Xerencia de Urbanismo, Concello de Vigo
Biblioteca-Centro de Documentación MARCO
Biblioteca da EMAO Escola Municipal de Artes e Oficios
Biblioteca Fundación Penzol e Francisco Fernández del Riego
Biblioteca do Instituto Español de Oceanografía
Biblioteca Pública Juan Compañel
Biblioteca Pública Neira Vilas
Biblioteca Universitaria de Vigo
Tomando como punto de partida as intervencións dos responsables da Biblioteca Universitaria de Vigo, Biblioteca da EMAO, Arquivo da Autoridade Portuaria, Biblioteca Fundación Penzol e Fernández del Riego, Biblioteca do Instituto Español de Oceanografía, e Biblioteca-Centro de documentación do MARCO, o debate posterior centrouse no descubrimento de características e entornos compartidos, para procurar sinerxias e posibles liñas de colaboración.
As reflexións xiraron ao redor da análise das principais fortalezas e ameazas do sector para formular posibles solucións, e para evitar duplicidades en tarefas ou recursos similares encamiñados a un obxectivo común.
En palabras da responsable da Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO e promotora o encontro, Iria Fernández Mouriz, “ademais de comprometernos a mellorar a nosa comunicación interna e externa sobre as distintas programacións levadas a cabo dende as nosas institucións, definimos esta xuntanza como a primeira e a máis xenérica dunha serie, e a intención de organizar as seguintes en torno a eixos temáticos de interese compartido, para tratar os temas de xeito máis específico.”
A xornada concluiu cunha visita á Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO e un percorrido polos seus fondos, espazos e dotacións, recentemente renovadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!