Este martes, 21 de outubro ás 19.00 horas tera lugar a inauguración da exposición Homenaxe a Aurora Murias, situada nas escaleiras da entrada de García Barbón 5 e nas vitrinas do corredor de acceso á biblioteca, poderase visitar ata o martes 11 de novembro.
Aurora Murias (1960-2025) foi alumna da EMAO nas especialidades de Cerámica, Debuxo e actualmente cursaba Pintura cando faleceu de xeito repentino no mes de abril. Estivo tamén neste último ano vinculada ao grupo dos Urban Sketchers de Vigo, asistindo a algunhas das convocatorias propostas ás que se suma alumnado e antigo alumnado da EMAO, polo que Aurora era moi coñecida e recoñecida.
Aurora foi mestra de ioga e de infantil, sendo a primeira mestra en Galicia de atención pedagóxica domiciliaria. Elaborou un proxecto pioneiro para nenos e nenas con déficit de atención onde puxo en práctica a base do ioga para tratar estes casos: Como atallar os problemas de comportamento cunha metodoloxía baseada no control das emocións, 1999-2000. Aurora segue formándose no eido da arteterapia, o debuxo primal e a cerámica. No ano 2005 sofre unha enfermidade cerebral grave que a obriga a xubilarse tomando a decisión de poñer en práctica con ela mesma o que sabía funcionaba co seu alumnado. Ese tesón e vontade de non afastarse e estar presente fíxoa unha persoa moi activa. Nas artes plásticas atopou unha motivación.
Aurora foi unha persoa moi querida e deixou unha pegada en todos aqueles que a coñeceron, por iso desde este pequeno refuxio cultural que é a EMAO, a súa casa en tres especialidades, queremos facerlle unha pequena homenaxe con esta exposición que abrangue pinturas, debuxos e algunha peza cerámica.
Adeus Aurora. Botámoste en falta.
Texto de Federico Fernández
(Mestre de Debuxo na EMAO)
(Mestre de Debuxo na EMAO)

Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!