Praza de España, A Coruña |
Onte unha nutrida representación do persoal da Escola de Artes e Oficios fixo unha saída a cidade da Coruña na que visitamos a exposición Steven Meisel 1993 A Year in Photographs na Fundación MOP, que se centra principalmente no traballo do fotógrafo neoiorkino durante 1993, un ano verdadeiramente decisivo na súa carreira. Doce meses de intenso traballo onde destaca, sobre todo, a colaboración coa revista Vogue, na que chegou a asinar 28 portadas e máis de 100 editoriais.
Continuamos cun apaixonante percorrido pola exposición "Picasso branco no recordo azul" no Museo de Belas Artes da Coruña, da man do seu comisario Antón Castro. Unha exposición organizada conxuntamente polo Estado español e o Estado francés nos principais museos das cidades picassianas con motivo do cincuenta aniversario da morte de Pablo Picasso, o 8 de abril de 2023, e no marco da Celebración Picasso 1973-2023. Moitas grazas a Antón pola excelente visita guíada.
Pola tarde e para rematar a xornada visitamos o estudio do deseñador, artesán e artista, Arturo Álvarez, que nos recibiu marabillosamente. Arturo Álvarez nos seus primeiros anos explora e traballa con conceptos figurativos, baseados na natureza. Nun segundo período, avanza cara á abstracción explorando formas xeométricas simples. Na actualidade, está a desenvolver novas formas de expresión e linguaxe, coa luz como tema principal e o ser humano e as súas relacións como protagonista. O recoñecemento do seu traballo, ao longo dos seus vinte e cinco anos de carreira, chegou en forma de prestixiosos premios internacionais e numerosos premios como innovador no campo da luz.
Estas visitas inscríbense dentro do programa formativo e de relacións
interinstitucionais para o profesorado e persoal da Escola. Aquí tedes
algunhas fotos deste día tan extraordinario.
Museo Belas Artes da Coruña. "Picasso branco no recordo azul"
Antón Castro |
Estudio Arturo Álvarez (Vedra. A Coruña)
Estudio do pintor John Weeden |
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!