luns, 3 de abril de 2023

Saída cultural á Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital [SERIGRAFÍA]

 A semana pasada o alumnado da especialidade de Serigrafía Artística visitamos a nave do Taller Impresiones Serigráficas e ao Museo do Gravado de Ribeira da man do seu director Xoán Pastor que nos fixo un percorrido moi ameno e didáctico polas exposicións e a biblioteca. Graciñas Xoán!. Comezaremos este breve resumo do que foi a visita coa expo dos Gravados ao linóleo de Picasso e o texto introductorio de Carlos L. Bernárdez:

 A técnica do linóleo e a súa introdución en España e Galicia
O linóleo é un tipo de gravado que ten como soporte un material industrial feito de iute que permite unha realización rápida, con facilidade de traballo, que favore a realización de obras moi sintéticas, adecuadas para crear ilustracións baratas. Estas características facían do linóleo un instrumento perfecto para a ilustración de revistas, carteis e libros de baixo custe o que facilitou o seu espallamento nas primeiras décadas do pasado século.

No contexto español, o primeiro lugar onde se desenvolve este tipo de estampación é no noso país, en Galicia. A orixe deste fenómeno está na viaxe de formación de Castelao a Francia, Bélxica e Alemaña en 1921. Xa na solicitude que presenta á “Junta de Ampliación de Estudios” o rianxeiro subliñaba o desexo de estudar diferentes técnicas de gravado como a augaforte ou a litografía. En París ve gravado clásico e estampas xaponesas e compra material para gravar e en Múnic aprende a técnica da lineografía.

De volta a Pontevedra, Castelao vai ensinar a técnica a artistas da súa cidade e o novo tipo de gravado vai ter axiña unha importante presenza en diversas publicacións. O rápido espallamento da técnica é unha historia ben coñecida, contada por Xosé Filgueira Valverde que foi testemuña deste fenómeno. Castelao e o seu amigo o pintor Carlos Sobrino desenvolven e melloran o traballo no novo medio, técnica que tamén é aprendida por un núcleo de artistas locais: Pintos Fonseca; Manuel Méndez; Xosé Sesto; Ventura de Dios, Turiñas… Rapidamente a técnica é tamén utilizada por artistas do movemento renovador da arte galega como Manuel Torres en Pontevedra, Candido Fernández Mazas e Xaime Prada en Ourense, Luís Huici e Francisco Miguel na Coruña ou Ánxel Johán en Lugo.


 

Picasso e o linóleo
A utilización por parte de Pablo Picasso (1881-1973) desta técnica é moi posterior, o artista malagueño realizou 197 gravados ao linóleo entre 1951 e 1968, a maioría entre 1959 e 1962, e neles salienta a importancia que dá ao cromatismo. Nestas obras asistimos ao retorno á característica iconografía picassina de etapas anteriores, destacando a reinterpretación dos mestres antigos e de obras primas da arte e a simplificación formal. Cómpre subliñar a intensa presenza dunha extraordinaria serie de naturezas mortas onde a cor é alicerce da composición. En conxunto, os temas destas obras son os mesmos do seus debuxos desta altura: touradas; mulleres espidas; temas clásicos como as series de bacanais; retratos de Jacqueline, a súa compañeira; variantes de Le Déjeuner sur l’Herbe de Manet…
Con todo e con iso, o propio Picasso xa se achegara ao linóleo anos antes. En 1939 realiza algunha obra nesta técnica para un volume intitulado Pour la Tchécoslovaquie. Hommage à un Pays Martyr nel presenta un gravado cunha figura coa boca aberta, imaxe que remite ao Guernica, cadro que o artista realizara dous anos antes. Ese mesmo ano tamén insire un único linóleo no album de augafortes 40 Dessins de Picasso en marge de Buffon, trátase do mundialmente coñecido A cría da pomba, obra que despois da Segunda Guerra Mundial se tranformaría en símbolo da paz.


A partir de 1945 co traslado definitivo do artista ao sur de Francia, lonxe dos estudios calcográficos e litográficos de París, Picasso procura un obradoiro máis achegado á súa morada. A solución
virá da man dun impresor de gravados ao linóleo da vila de Vallauris Hidalgo Arnéra (1922-
2007) que lle pode entregar as probas das obras ao día seguinte da realización. Este encontro
entre o xenio da arte e un modesto impresor pasará á historia do gravado.
Desde 1951 na imprenta de Arnéra Picasso vai realizar linóleos á cor para carteis como o
coñecido Vallauris-Toro (1956). Con carteis como este Picasso esta a pór os alicerces á impresión
de gravados posterior. Semella un simple divertimento mais en Picasso conxúganse con
facilidade lecer e experimento.
Este proceso atinxirá o cume en obras de notabilísima calidade como o Busto dunha
dama segundo Lucas Cranach o Mozo (1958) que interpreta a obra Retrato de dona (1564,
Kunsthistorisches Museum, Viena ) do pintor xermano.


Totalmente mergullado na nova técnica, en 1959 Picasso inventa o proceso reductivo consistente
en imprimir varias cores nunha prancha única de linóleo. É un procedemento que elimina a
materia por sucesivas cores, metodo espontáneo mais irreversíbel, non hai probas de estado
nin corrección posterior.
A atracción de Picasso pola técnica do linóleo prodúcese porque o artista acha neste tipo de
gravado unha relación colorística axeitada á economía da liña das súas composicións maduras.
A igualdade da superficie do linóleo dá lugar a unha cor plana, sen matices de modelado.
A rapidez que o linóleo posibilita provoca en Picasso un notábel entusiasmo por esta técnica
de xeito que, durante unha época, algúns do grandes logros da súa arte están centrado nesta
tipo de gravado ao que o xenio do artista conseguirá tirar o máximo rendimento.

Carlos L. Bernárdez

 













Estivemos na sala 0 na exposición Gráfica en tránsito de obra gráfica contemporánea arxentina. Interesantísimas propostas sobre a identidade, as fronteiras, os camiños, a emigración...

Unha viaxe aberta

O importante é a viaxe, non a chegada a ítaca, e no ronsel de Kavafis, un grupo de artistas arxentinos propón unha odisea na que o fundamental é o tránsito, o percorrido, a mestizaxe das artes, o diálogo. Un vieiro novo, para amosar os mundos alleos, os non convencionais. Un desexo de conxugar a tradición, a arte, a estampa, coa innovación, coa superación de fronteitras, unha dinámica ben contemporánea que fala dos problemas do noso tempo ( emigración, violencia de xénero) enfrontados ao discurso da tradición. Obras en tensión, multidisciplinares, permeables ao xogo e ao compromiso, á transgresión, en diálogo coas mesturas artísticas, sen medo á contaminación.

E así Graciela Buratti, Gustavo Larsen, Marina Rothberg e Mara Sánchez, axitan as nosas expectativas, nos descentran para lograr unha nova mirada, unha viaxe nova onde o esencial é o transitar, o movemento, a tensión, a multiplicidade, a sensibilidade. Lograr facernos reflexionar sobre os límites individuais e colectivos, sobre as rupturas, sobre as feridas íntimas e sociais. Tradición e cambio, gravado e téxtil, abstracción e comprensión, escrita e estampa. Logran estes artistas manifestar a complexidade contemporánea, o problema das identidades e as fronteiras ou remitirnos a outros lugares.

Viaxar sen chegar, físgoas entre o partir e o destino: busca do non visible, do inefable, sen fronteiras.

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría








 
A biblioteca do Museo do Gravado de Ribeira
Trátase dunha biblioteca única en Galicia polo seu valor bibliográfico e artístico, con máis de 3000 libros, así como pola cantidade de gravados que contén e pola rareza dos seus volumes, que abarcan desde o século XVI ao XXI.




Graciñas a Xoán e a todo o equipo do museo pola vosa xenerosidade e a forma tan didáctica que tedes de achegar e difundir a obra gráfica.


Emao en liña: Museo do grabado de Ribeira 1

Emao en Liña: Museo do grabado de Ribeira 2 

 http://www.fundartes.com/museo/

 https://museos.xunta.gal/es/fundartes

https://cadenaser.com/emisora/2017/05/07/radio_galicia/1494153250_204117.html

 https://www.facebook.com/MuseodoGravado

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!