mércores, 24 de abril de 2024

Exposición Colmeiro, punta seca [SERIGRAFÍA]

Visitamos a exposición Colmeiro, punta seca presentada pola Fundación Laxeiro e composta por corenta e oito gravados de Manuel Colmeiro (1901-1999) datados entre finais dos anos trinta e a década dos corenta, algúns deles inéditos, que foron reunidos e publicados nunha carpeta en 2022 pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, de Ribeira. Estes corenta e oito gravados están expostos xunto ás matrices orixinais.

 



A obra gráfica de Manuel Colmeiro (Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999), non moi abundante e realizada con tiraxes reducidas, ocupa un lugar senlleiro na súa actividade nomeadamente durante os seus anos de exilio en Buenos Aires e nos primeiros da súa marcha a París, isto é, desde finais dos anos trinta até inicios dos anos cincuenta. O proxecto de realizar a edición dunha carpeta a partir de 49 matrices do artista que posúe a familia do pintor, levado a cabo pola Fundación Museo deArtes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, é a exposición que presentamos na Fundación Laxeiro e pretende dar a coñecer esta faceta do creador galego que mesmo inclúe algunha obra inédita o que acrecenta o valor deste significativo conxunto de traballos que ilustran aspectos centrais da estética do autor e dun momento moi concreto da diáspora galega, en particular en Buenos Aires.

 




 

 Como afirma Carlos L. Bernárdez, os gravados de Colmeiro de comezos do seu exilio remiten a un clasicismo que xa estaba ben presente na súa obra da década anterior. Trátase de fórmulas plásticas que, como as doPablo Picasso da Suite Vollard, transmiten unha consciencia da condición moderna porque,para o noso pintor,o clasicismo non é unha simple volta ao pasado, senón unha reformulación do ideal clásico peneirado por unha percepción moi ligada á identidade galega. 

 Nestas obras as fontes cézannianas son fundamentais e de aí aprende o noso pintor a maneira de situar a figura na paisaxe. A esta lección vai permanecer sempre fiel e será alicerce das súas fecundas e sutís variacións formais. Na década dos corenta, Colmeiro realiza gravados en que a liña clasicista se pon ao servizo xa duns temas que serán recorrentes na súa obra e que se constitúen nunha das chaves de toda a súa produción do exilio: Galicia reconstruída desde a memoria e a muller como ideal, participandodunha das grandes liñas temáticas que caracterizan a arte galega na diáspora, como é a ausencia da Terra, que suxire o título de infinidade de obras de artistas e escritores galegos: Lonxede Lorenzo Varela; Fardel de eisilado e Homenaje a la Torre de Hérculesde Luís Seoane; Sempre en Galizade Castelao e nomes de revistas como Galicia emigrante ou Saudade

 En xeral, estes gravados transmiten unha sensación de idilio onírico no tratamento do tema, con referencias clásicas, como en Picasso, que van desde a escultura grega até a cerámica arcaica e ática. Mais non temos a sensación de estarmos perante simples citas, ben pola contra, asistimos a un mundo cheo de saudade e intensamente ligado á experiencia. 

 Rafael Dieste, nun texto escrito en 1941 e titulado “Colmeiro: breve discurso sobre a pintura co exemplo dun pintor” fai unha brillante análise do traballo de Colmeiro que ilustra de xeito moi especial o tipo de obras que agora se editan e rescatan. Dicía Dieste que o Colmeiro pintor “falaba en galego”, e certamente constrúe unha linguaxe pictórica dun forte lirismo, en que a evocación do mundo galego é unha constante. A súa obra é unha maneira de reencontro, mais tamén un xeito de permanente análise e depuración formal, que atinxe un logrado equilibrio.Os gravados de Colmeiro son, por tanto, moito máis do que simples complementos da súa pintura, iluminan o proceso de formación e plenitude do pintor e informan sobre a súa situación nos diferentes espazos culturaise, alén diso, documentan as súas máis profundas preocupacións en canto cidadán e en canto artista.

 




Máis alá do interese artístico e documental da obra que conforma esta exposición, a súa singularidade atopámola tamén naforma na que estase mostra ao público, porque non adoita ser moi frecuente mostrar tamén as matrices orixinais a partir das que se realiza o estampado e, nesta ocasión, os corenta e oito gravados son mostrados, unidos, cada un deles, á súa matriz correspondente, grazas á cortesía da familia Colmeiro que cedeu as pranchas para a súa exhibición. Deste xeito, o público ten a oportunidade pouco frecuente, de apreciarin situas semellanzas e variacións entre a matriz orixinal e o gravado final e contribuirá, sen dúbida, á comprensión dos procesos de realización de obra gráfica.

 A técnica da punta seca empregada para estes gravados é unha das máis antigas. Data do século XV e con frecuencia,é utilizada en combinación con outras técnicas coma a augaforte. O estampado destes gravados de Colmeiro foi realizado polo mestre gravador Pepe Míguez, nos talleres da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, coa colaboración da Deputación da Coruña que financiou a restauración das matrices e da Xunta de Galicia que asumiu o custe de produción. 


 https://laxeiro.org/es/

 https://www.fundartes.gal/

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!