venres, 14 de xuño de 2024

14-6-2024. Proxección do filme 84, Charing Cross Road [BIBLIOTECA]

O venres 14 de xuño ás 19:00 dentro da programación semanal os Venres da EMAO, imos proxectar a película 84, Charing Cross Road (la carta final) de 1987, unha Coproducción Reino Unido-Estados Unidos; Brooksfilms, Columbia Pictures, dirixida por David Hugh Jones (1934-2008). 95' VOS.

Por ese motivo e para que podamos ter máis datos, subimos a este blog a recensión que hai un tempo fixo sobre este filme Manuel M. Romón, poeta, actor e destacado cinéfilo vigués.

Hoxe imos ver unha longametraxe na que un dos actores principais é unha librería –Marks & Co- situada no número 84 da rúa Charing Cross, en Londres –de aí o título da película: 84 Charing Cross Road-. O filme estreouse en España como “La carta final”. 


É un filme anglo-norteamericano, e iso, en case tódolos sentidos. Filmouse, e está ambientado, en Inglaterra e nos EE.UU.; o seu protagonista masculino –Anthony Hopkins (1937)- naceu en Gales; a protagonista feminina –Anne Bancroft (1931-2005) naceu e morreu en Nova York; e o director –David Hugh Jones (1934-2008)- viviu e traballou en Inglaterra, onde naceu, e viviu e traballou nos EE.UU., onde morreu.

Quizais non estea de máis dicir, antes de ve-la película, que David Jones foi en 1º lugar director de teatro: de 1973 a 1978 ocupou o cargo de director artístico da Royal Shakespeare Company; deu clase na Universidade de Yale, nos EE.UU., e montou da orde de 40 obras teatrais de 1962 ó 2007 [digo isto por se vos interesa fixarvos na dirección de actores]. En 2º lugar foi director de televisión: comezou nese medio en Inglaterra en 1960, e rematou a súa carreira nos EE.UU., tamén nese medio, no 2006, dirixindo durante ese tempo máis de 40 episodios das series máis diversas e 13 tv movies [digo isto por se vos interesa fixarvos na posta en escena]. E só en 3º lugar foi director de cine: dirixiu 6 longas entre 1983 e 1999, algunhas en Inglaterra e outras nos EE.UU. [digo isto porque hai cine -dentro do cine- nesta película: unhas imaxes do marabilloso filme de David Lean Brief Encounter (Breve encuentro), do ano 1945]. 
 
1ª ed.  Reino Unido, 1971
 
Quizais tampouco estea de máis dicir que o guión do filme, escrito polo inglés Hugh Whitmore (1936-2018) –sobre todo guionista de televisión-, está baseado no libro –a memoria espistolar da que colleu o título a película- da escritora estadounidense Helen Hanff (1916-1997), e na obra teatral, baseada no libro de Hanff, do escritor inglés –sobre todo autor de teatro- James Roose-Evans (1927-2022).

E xa para rematar: o filme estreouse en 1987 e transcorre ó longo de dúas décadas: de 1949 a 1971. Pola súa banda, a librería Marks & Co, fundada nos anos 20 do século XX, pechou en decembro de 1970. No seu enderezo hoxe hai un McDonald’s.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!