Parabéns á nosa mestra de talla e escultura en madeira que inagurou o pasado sábado a súa exposición no Museo de Gravado de Artes en Ribeira, Rosa García: relatos do habitado.
A continuación tedes unha breve reseña da exposición que fai o director do Museo do Gravado, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría:
A artista Rosa García fainos reflexionar, coa súa exposición, sobre o
espazo, que se converte en lugar pola mirada humana, por habitalo,
deshabitalo e tamén cohabitalo. As tres series da mostra fannos
enfrontarnos nun primeiro momento en Impares ás outras formas de habitar
un espazo dende as diásporas sociais, o aniñamento que nos protexe, que
nos permite habitar o deshabitado, conservar a memoria, enraizarnos.
Facer un refuxio da nada, lograr un construto para a pertenza.
A serie Domus Domina fainos pensar na profunda relación entre a muller e
a casa, nun diálogo entre o corpo e o espazo, no que a muller ordena,
reescribir o íntimo e procura asentar a intimidade. A casa como icona, do
compartir, da espera, da responsabilidade.
Canto a Bosques e Mareas lévanos á reflexión sobre a memoria, sobre o
tempo, sobre a inestabilidade e sobre o espazo convertido en paisaxe que
constrúe un territorio e a memoria vai modelando no seu movemento,
desacordar e lembrar. As mareas son ese perpetuo movemento, o construír e
deconstruír, un lugar de memoria e de esquecemento.
Gran orixinalidade
formal e conceptual a desta exposición de Rosa García, que nos leva
dende as imaxes á reflexión profunda, a resituarnos ante o espazo, a
pensar nos lugares que habitamos, á memoria e ao refuxio, mais tamén ás
veces ao desacougo, á indeterminación e nos abre novas perspectivas de
pensamento.
Xoán Pastor Rodríguez Santamaría (Director Museo do Gravado).
Esta exposición poderá visitarse do 10 de xaneiro ao 10 de marzo de 2025.
Lugar: Sala 2 do Museo do Gravado