mércores, 26 de marzo de 2025

1-4-2025. Xornada de portas abertas na EMAO polos Días Europeos da Artesanía 2025 [OUTRAS NOVAS]

 

Con motivo dos Días Europeos da Artesanía desde a Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo celebraremos estas actividades para facer chegar ao público o traballo artesán que está tan vivo no noso día a día desde hai case 139 anos. Os visitantes poderán coñecer os proxectos que se realizan nos nosos talleres e que tratan de conservar e potenciar a vixencia dos Oficios Artesáns na súa vertente tradicional e tamén na contemporánea.

Para iso realizaremos as seguintes actividades:

XORNADA DE PORTAS ABERTAS- Martes día 1 de abril de 2024, en horario de 12.00h a 14.00h e de 16.00h a 20.00h. Poderedes visitar os talleres de Construción Artesanal de Instrumentos Musicais de Gaita e Zanfona, Serigrafía Artística, Debuxo, Moda e Confección, Pintura, Deseño e Encaixe de Palillos, Artesanía en Coiro, Escultura e Talla en Madeira e Ourivaría. Nesta visita poderedes coñecer as nosas instalacións nun edificio centenario, o traballo que realizan os nosos alumnos no seu proceso formativo, así como o dos artesáns e artistas profesionais que realizan o seu labor docente na nosa Escola

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN:  Joyas de la raspa 1990-2025. Venres 4 de abril, 19.30h no Espazo EMAO, sala de exposicións da nosa Escola. Os 35 anos de historia desta marca viguesa de xoiería froito da formación impartida na Escola veranse reflectidos nas vitrinas da nosa sala de exposicións. 

Esperámosvos!!!

luns, 24 de marzo de 2025

Fotos da Proxección do filme "The Bookshop (A Librería)" de Isabel Coixet [VENRES EMAO]


Resumo en fotos das outras actividades da semana do 17 ao 21 de marzo [OUTRAS NOVAS]

20-3-2025. Presentación do libro "Galegas na música"

 

 

19-3-2025. Julio Verne e a música. Concerto comentado [FORUM IEV]

 

19-3-2025. Fotos para un documental producido por True Story, Kowalski Films y Feelgood Media para Movistar +

 

17-3-2025. Presentación do libro "La luna se tiñó de rojo" de Isabel Coma


venres, 21 de marzo de 2025

21-3-2025. Venres da EMAO presenta a proxección do longometraxe "The Bookshop (La librería)" [BIBLIOTECA]


Inglaterra, 1959. Unha muller decide instalarse nunha vila costeira da campiña británica, pequena e conservadora. Alí decide cumprir o seu soño: abrir a primeira librería da zona. Pero, unha empresa tan aparentemente pacífica e inocente como esa desatará todo tipo de reaccións entre os habitantes da localidade.

Baseada na novela homónima de Penelope Fitzgerald, este drama con transfondo histórico está dirixido por Isabel Coixet. Os seus protagonistas son Emily Mortimer, Patricia Clarkson e Bill Nighy. Gañadora entre outros de 3 premios Goya : mellor película, mellor dirección e mellor guión adaptado. Premios Gaudí 2018 á mellor música orixinal e á mellor dirección artística.
 
Presentado por María Jesús Cuesta (Bibliotecaria da EMAO)
Data: 21 de marzo de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

xoves, 20 de marzo de 2025

21-3-2025. Proxección do filme "The Bookshop (A Librería)" [BIBLIOTECA]

 
 
Este venres 21 de marzo ás 19:00 dentro da programación semanal os Venres da EMAO, imos proxectar a películade Isabel Coixet "The Bookshop (A Librería)" de 2017, unha coprodución de España, Reino Unido e Alemaña (Diagonal Televisió, A Contracorriente Films, a inglesa Zephyr Films e alemá One Two Films, coa participación de TVE e Movistar +). Protagonizada polos actores Emily Mortimer, Patricia Clarkson e Bill Nighy entre outros. 108' VOS
 
Neste ocasión eliximos de novo unha película baseada nun libro, trátase da novela de Penélope Fitzgerald The Bookshop, A librería, dirixida por Isabel Coixet  inaugurou a SEMINCI de 2017 con boas críticas.
Esta película ambientada en Inglaterra a finais dos anos 50 do século pasado, presenta unha historia aparentemente sinxela, a de Florence Green, unha viuva que decide facer realidade o soño que compartira co seu falecido marido, abrir un librería en Hardborourgh. Pero para a súa sorpresa, esta decisión desatará todo tipo de reaccións entre os habitantes da localidade. 
 
A película é un canto á liberdade de expresión e un ataque directo a todos aqueles exemplos de ignorancia e censura. Na librería, a cineasta regresa a un terreo moi querido, o mundo dos libros, ao que xa se asomou na súa adaptación teatral de "84 Charing Cross Road" que casualmente proxectamos na hemeroteca a finais do curso pasado. 
 
1ª ed. Reino Unido, 1978

O guión de Isabel Coixet recibiu o premio á mellor adaptación literaria de 2017 da Feira do Libro de Frankfurt. Esta longametraxe respira amor pola literatura e os libros.  
Presentouse internacionalmente no marco dunha Berlinale Special Gala da 68.ª edición do Festival Internacional de Cinema de Berlín. Foi nomeada como mellor película de ficción ou animación para os Premios Forqué e recibiu tres nomeamentos para os Premios Feroz: mellor dirección, música orixinal para Alfonso Vilallonga e mellor actor de reparto, para Bill Nighy. Nomeada a 12 Premios Goya, obtivo tres, a mellor película, a mellor dirección e ao mellor guión adaptado, tamén os Premios Gaudí a mellor música orixinal e a mellor dirección artística. “La librería” obtivo tamén cinco Medallas do Círculo de Escritores Cinematográficos a mellor película, mellor directora, mellor actor secundario, mellor guión adaptado, mellor fotografía. 

A película está está dedicada ao escritor e crítico de arte inglés John Berger.

mércores, 19 de marzo de 2025

John Berger. Selección bibliográfica [BIBLIOTECA]

 

John Berger (1926-2017) foi pintor, escritor e crítico de arte. Unha das voces máis lucidas, incisivas e inconformistas do panorama intelectual europeo do seu tempo.

Dedicouse desde moi pronto á pintura, formado na Central School of Arts de Londres, comezou a dar clases de debuxo na mesma escola onde Henry Moore impartía clases de escultura. Escribiu artigos sobre arte nas revistas Tribune, baixo a supervisión de George Orwell, e New Statment. Pronto cambiou o seu rexistro pola novela, o ensaio, a poesía, o teatro e o guión cinematográfico e televisivo.

O seu traballo abarca desde ensaios sobre fotografía, ata a explotación de traballadores emigrantes e a loita para o establecemento dun Estado palestino. Foi un dos novelistas e ensaístas máis relevantes do mundo anglosaxón e evidenciou o seu compromiso coa escritura como medio de loita política.

Autor prolífico, entre as súas obras cabe destacar G., gañadora do prestixioso Booker Prize en 1972. Entre os seus ensaios destaca Modos de ver, libro de referencia para toda unha xeración de historiadores da arte, unha introdución á crítica de arte que estivo acompañada por unha serie de televisión da BBC, serie que gañou o premio Bafta, da Academia Británica de Cinema e Televisión, considerada como un dos programas de arte máis influentes que se produciron.
 
En abril de 2009 no Centre d'Arts Santa Mónica de Barcelona e en abril de 2010, na Casa Encendida de Madrid, a cineasta española Isabel Coixet presentou unha exposición monográfica dedicada a Berger co título "From I to J. Unha homenaxe de Isabel Coixet a John Berger"

Aquí tedes os títulos que podedes consultar na biblioteca.
 

 

martes, 11 de marzo de 2025

14-3-2025. Venres da EMAO presenta "Proxectos, exposición e outras derivas" por Alejandro Novoa Domínguez [ORIENTACIÓN ]

 


(Que) Finos fíos condutores se ocultan detrás das obras de arte (proxectos/exposicións), camiños invisibles que [nos](des-)conectan cos nosos anhelos e temores.

Alejandro Novoa Domínguez, cofundador de copias de autor, leva máis dunha década acompañando a autoras e autores na procura de coherencia, estética e conceptual, pequenos conectores (activadores) que permiten a emancipación das súas obras.

Técnica, materiais, soporte teórico e tempo serán os constituíntes rizomáticos de discursos, narrativas e relatos arredor do mundo da creación artística e a súa socialización expositiva.
 
Presentado por Xosé Alberte Cea (Orientador laboral do Concello de Vigo)
Data: 14 de marzo de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

venres, 7 de marzo de 2025

Día Internacional das Mulleres 2025: Mulleres Artistas: Selección bibliográfica [BIBLIOTECA]

Biblioteca Pública García Barbón-EMAO. Fondo Moderno
 

O 8 de marzo celébrase  o Día Internacional da Muller que conmemora a loita da muller pola súa participación, en pé de igualdade co home na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa. 

En marzo de 1857, no marco da Revolución industrial, as traballadoras dunha fábrica téxtil de Nova York saíron á rúa para protestar en masa polas duras condicións de traballo. 

En 1907 tivo lugar a primeira Conferencia Internacional de Mujeres Socialistas en Stuttgart, Alemaña, liderada por Clara Zetkin, onde se fundou a Internacional Socialista de Mujeres. Un dos primeiros obxectivos que perseguían era o sufraxio feminino.

O 28 de febreiro de 1909 celebrouse por primeira vez en Estados Unidos o Día das mulleres socialistas tras unha declaración do Partido Socialista dos Estados Unidos. 
 
En agosto de 1910 a II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, reunida en Copenhague, reiterou a demanda de sufragio universal para todas as mulleres e, a proposta da socialista alemá Luise Zietz, aprobouse a resolución proposta por Clara Zetkin proclamando o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller Traballadora. A proposta de Zetkin foi apoiada unánimemente pola conferencia á que asistían máis de 100 mulleres procedentes de 17 países, entre elas as tres primeiras mulleres elixidas para o parlamento finés. O obxectivo era promover a igualdade de dereitos, incluíndo o sufragio para as mulleres.

Foi un 8 de marzo de 1917 (un 23 de febreiro, segundo o calendario que se utilizaba en Rusia), cando as mulleres rusas declaráronse en folga, pedindo Pan e paz. Catro días despois, o tsar viuse obrigado a abdicar e o goberno provisional concedeu ás mulleres o dereito de voto. Desde entón estendeuse a moitos países. 

Pero non foi ata 1975 que a ONU comezou a celebrar este día, e dous anos máis tarde, en 1977, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamouno como o Día Internacional da Muller Traballadora.
No ano 2011 Nacións Unidas comezou a poñer consignas dedicatorias ás xornadas do Día Internacional da Muller, este ano 2025 celébrase baixo o lema: “Para TODAS as mulleres e nenas: Dereitos. Igualdade. Empoderamento”.

Este ano conmemórase o 30º aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, adoptada en 1995 por 189 gobernos na 4ª Conferencia Mundial sobre a Muller. Este documento segue sendo o referente global para o avance dos dereitos das mulleres en todas as esferas: educación, saúde, paz, medios de comunicación, empoderamento económico e social, e erradicación da violencia de xénero.

"Iguais para crear, libres para vivir" é o lema co que o Ministerio de Cultura celebra o Día Internacional da Muller 2025. A campaña bota a vista atrás para rescatar a memoria de mulleres españolas pioneiras en distintos ámbitos da cultura, proxectando cara ao presente e cara ao futuro as súas voces, ideas, valentía e vontade de cambio, para seguir loitando contra a discriminación, o machismo, os rumbos de xénero, as violencias e as brechas. 

7-3-2025. Venres da EMAO presenta a Bosco Caride e a súa exposición "Indicios" [PINTURA]

 

O artista Bosco Caride falará sobre a súa exposición "Indicios", que actualmente figura na galería Trinta de Santiago de Compostela. Centrada en estados atmosféricos ou gasosos (nubes, fume, vapores) sen referencias espaciais. O seu traballo explora estes fenómenos como composición, veladura e cor, destacando a súa dimensión plástica e especulación pictórica.

Presentado por Darío Basso (Mestre de Pintura da EMAO)
Data: 7 de marzo de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo


Entrada libre ata completar aforo.

Resumo en fotos das outras actividades da semana do 3 ao 7 de marzo [OUTRAS NOVAS]

6-3-2025. Conferencia de Enase Okonedo "O camiño cara á igualdade da muller africana" [OUTRAS NOVAS]