martes, 25 de xuño de 2024

28-6-2024. Entrega de Diplomas Fin de Estudos no Salón de Actos [ADMINISTRACIÓN]

 

 

O vindeiro venres, día 28 de xuño de 2024, ás 18,30h, terá lugar o acto de entrega de Diplomas ao alumnado que remata nivel na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO). O acto terá lugar no Salón de Actos da EMAO.

Reunión da Comisión de Valoración dos Proxectos de Fin de Estudos na EMAO [ADMINISTRACIÓN]

 

Durante o día de hoxe e mañá mércores, a Comisión de Valoración de Proxectos de Fin de Estudos,  formada pola xefatura do Servizo municipal de Educación (ou técnico/a en quen delegue), xefe de estudos, o/a profesor/a da especialidade e un profesor/a elixido por cada un dos departamentos,seleccionará, de xeito libre e motivado -previo o informe escrito do profesor/a da especialidade-, aqueles proxectos presentados que considere de interese, valorando os seguintes apartados:
  • Fundamentación
  • Orixinalidade
  • Implicación no proxecto dos coñecementos, técnicas e destrezas adquiridos polo alumno/a durante a súa formación.
  • Interese e relevancia que ten no marco da especialidade.
  • Capacidade intrínseca do proxecto de xerar novo coñecemento ou fixación de aptitudes e actitudes
  • Coherencia e viabilidade
  • Viabilidade económica
  • Deseño e presentación
  • Adaptación á modalidade de titoría
  • Creatividade e implicación

A EMAO publicará 1 de xullo de 2024, no Taboleiro e na web, o listado do alumnado seleccionado para o Nivel avanzado, facendo constar as iniciais do nome e apelidos do/ alumno/a, especialidade e denominación do proxecto.

Máis informacion

26-6-2024. Presentación do poemario "Placebo" de Benito Piñeiro Sanjorge [OUTRAS NOVAS]

Mércores, 26 de xuño ás 19.30

luns, 24 de xuño de 2024

Fotos da inauguración da exposición "A música na EMAO" [ESPAZO EMAO]

Caixas de música non sonoras [OURIVARÍA]


EXPOSICIÓN A MÚSICA NA EMAO

"CAIXAS DE MÚSICA NON SONORAS"

 


O alumnado do curso básico 2023-2024 da Especialidade de Ourivaría elaborou a peza da exposición de final de curso “A Música na EMAO”. 

Aproveitamos un exercicio de clase como é a elaboración dunha caixa de latón con bisagra e decorada con gravado ao ácido para adaptala a temática da exposición, para iso visitamos os obradoiros de construción de instrumentos tradicionais, Gaita e Zanfona onde os seus mestres Carlos Corral e Xaime Rivas explicáronnos como se constrúen, as distintas pezas que os compoñen e como soan os instrumentos que alí se elaboran. Tamén visitamos e estivemos nun ensaio da Orquestra SonDeSeu, onde puidemos ver e escoitar en situ o traballo desta Orquestra da ETRAD, e destes instrumentos da música tradicional e folk, ademais de indagar de modo persoal sobre a música tradicional galega e as nosas costumes, todo isto serviu para que o alumnado se inspirase e crear así a súa propia caixa.

A seguir podedes ler como naceu e en que se inspira cada unha destas caixas de música non sonoras, todas elas acompañadas dun enlace a un tema musical ou video relacionado coa súa temática. 

Fotos da Montaxe da exposición "A música na EMAO" [ESPAZO EMAO]

Fotos da "Tecno Jam Session IAG. Todo é unha viaxe de sons, mundos espaciais e máxicos" [VENRES EMAO]


Phi: A música feita vestido [MODA E CONFECCIÓN]

 Música, do grego "Mousike": a arte das musas.


Resumo en imaxes da conferencia " Iconografía Xacobea, mitos e símbolos no Camiño de Santiago" por José Tono Martínez [PINTURA]

domingo, 23 de xuño de 2024

POLIFONIA [ESCULTURA E TALLA NA MADEIRA]

INTERPRETACIÓN  VOLUMÉTRICA DÁ PEZA MUSICAL YUMEJI, COMPOSITOR SHIGERU
 
 
 
Polifonía  De o gr. πολυφωνία polyphōnía 'variedade de tons'. 1. f. Mús. Conxunto de sons simultáneos en que cada un expresa a súa idea musical, pero formando con os demais un todo harmónico.

A nosa proposta para esta exposición onde o tema para traballar é a música, parte da idea de realizar unha peza colectiva, na que cada alumno e alumna traballen sobre o mesmo tema, interpretándoo desde a subxectividade, para formar unha composición na que todas as pezas encaixen como un quebracabezas que ao sumarse o todo teña o sentido esperado, unha polifonía volumétrica na que se poida entender a peza musical. 

 

ELECCIÓN DA PEZA MUSICAL COA QUE TRABALLAR 

O tema musical co que traballamos é YUMEJI, obra do compositor xaponés Shigeru Umebayashi para a banda sonora do filme In The Mood For Love, 2000. É o tema principal que o cineasta Wong Kar-wai elixiu para acompañar os momentos de encontros dos protagonistas que xunto á coidada fotografía, crea unha película dunha gran beleza estética caracterizada por un tempo narrativo pausado. Ese tempo pausado é un precioso valse con toque de tristeza e desolación, cun ritmo marcado ao longo da interpretación, que mergulla ao que o escoita nunha parte da historia, como un detonador de emocións. 

   

COMO COMEZAMOS A TRABALLAR? 

 Decidimos facer unha peza conxunta na que todos sumasen o seu parte; a súa interpretación volumétrica do tempo do valse YUMEJI. Como é unha peza musical que fala de emocións, decidimos utilizar unha figura humana dividida en fragmentos, un quebracabezas, no que cada peza fose unha experiencia sensitiva persoal, pero que no seu conxunto puidésese encaixar a melodía e o tempo do valse. Así decidimos dividir a peza musical en tantos fragmentos como pezas formaban a nosa figura e repartir os pequenos fragmentos por tempos que irían correlativos co valse. Isto levounos por suposto moitas horas de debate enriquecedor en grupo, no que se achegaron moitas ideas ata chegar a unha decisión consensuada; as pezas tiñan que estar divididas en dúas capas: Unha marca o tempo que percorre o valse de principio a fin e unha segunda capa onde a melodía xoga e enrédase subindo e baixando ao longo do tema por encima dese tempo marcado do valse. 

 

ELABORACIÓN DA PEZA 

Comezamos o noso traballo escoitando unha e outra vez a peza, era moi importante entendela, e para iso era fundamental debuxar o son que tiñamos que converter en formas, de maneira que a partir das pautas decididas, cada un dos alumno e alumnas interpretase a nivel formal eses fragmentos da peza. Para iso fixéronse bosquexos, que nos levaron a acordar como deberiamos interpretalos para que ningún sobresaíse sobre outro, e a peza fluíse de maneira harmónica sen distraccións. Unha vez decididos os bosquexos que se ían a realizar, gravamos xunto á música un vídeo que acompaña a peza exposta e que podemos ver na sala de exposicións. Porque creémos que era necesario que se entenda o proceso, como se elabora unha peza a nivel conceptual, como se interpretou ese son e levounos á forma. A partir de aí comezouse a traballar a escultura individualmente axustándonos a eses bosquexos consensuados, para conseguir que ese quebracabezas funcionase como un todo, sen distorsions, no que a subxectividade de cada alumno e alumna construíse un todo harmónico, no que entender a peza e transmitir ese conxunto de emocións que sentimos cando a escoitamos, que nos traslada a un lugar íntimo sen estridencias nin adornos superfluos, soamente un lugar de intimidade no que entender a música e o volume escultórico a través dos sentidos. 

 

Rosa García, 
Mestra de escultura e talla da EMAO

venres, 21 de xuño de 2024

Reveriano Soutullo na Escola de Artes e Oficios. Os primeiros pasos dun gran compositor [BIBLIOTECA]

 
 
A exposición temática “A música na EMAO” que se inaugura este próximo luns, rende homenaxe a esta manifestación artística que desde os primeiros tempos da Escola tivo o seu oco nos seus plans de estudo. Unha mostra diso é o caso do músico Reveriano Soutullo Otero (1880-1932). Un dos compositores máis influentes e importantes do primeiro terzo do século XX a quen se lle fai un pequeno recordatorio nunha vitrina do Espazo EMAO.

En 1894 ingresa na Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde realiza os seus primeiros estudos oficiais co pianista e pedagogo, Gregorio Elola, o seu primeiro mestre de piano. Neste centro recibiron tamén formación as súas irmás Natalia, as xemelgas Carmen e Aurora e a excelente pianista Fantina. No ano 1900 Reveriano trasládase a Madrid para continuar os seus estudos no Conservatorio de Música e Declamación desta cidade, ainda que sempre mantivo unha estreita relación coas colectividades musicais e culturais da cidade olívica, contribuíndo ao engrandecimiento da mesma con cada logro artístico que obtiña.

Soutullo fíxose moi popular polos seus traballos con Juan Vert, La leyenda del beso, El último romántico, La del soto del parral, entre outros moitos, era tamén recoñecido polas súas múltiples composicións e arranxos para banda e polas súas continuas colaboracións cos grandes da zarzuela española.

Na Biblioteca da EMAO conservamos unha copia manuscrita do “Himno a Vigo” con letra de Pío L. Cuiñas e música de Reveriano Soutullo, esta peza foi estreada o 6 de agosto de 1907 pola Banda de Música de Vigo, xunto cos orfeóns de La Oliva e do Círculo Católico e os nenos das escolas salesianas.

En 1931 no Libro de Oro da provincia de Pontevedra, da editorial PPKO dirixida por José Cao Moure, tamén antigo alumno da Escola, publícase o Nocturno para violín e piano da Suite de Orquesta sobre Cantos Gallegos titulada “Vigo”, escrito expresamente para esta publicación.

Na vitrina incluimos o CD Evocación / música de Reveriano Soutullo ; Alejo Amoedo, piano.-- [Baiona, Pontevedra] : Dos Acordes, 2016. Cun folleto con información sobre a vida e obra de R. Soutullo.
 

21-6-2024. Venres da EMAO presenta "Tecno Jam Session IAG" Todo é unha viaxe de sons, mundos espaciais e máxicos [PINTURA]



"Todo é unha viaxe de sons, mundos espaciais e máxicos -Tecno Jam Session IAG-"

Performance cun poeta (José Tono Martínez, ex-La Luna de Madrid), un pintor (Darío Basso, ex-Acorazado Potemkin), un músico (Silvino Díaz, ex-Batallón Disciplinario), en unión coa IA e o ICHING.
 
Metodoloxía: consultando o oráculo do I Ching ou Libro dos cambios, os tres performers farán uso libre do Principio Cairolóxico, formulado polo filósofo Carlos París (1925-2014), que circunscribe nun só acto oportunidade, continxencia, sorte persoal ou colectiva e urxencia, fusionado coa Intelixencia Artificial (entre)-percibida e (entre)-oída.

Presentado por Dario Basso (mestre de Pintura da EMAO)
Data: 21 de xuño de 2024
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

martes, 18 de xuño de 2024

Convocatoria Xeral Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Curso 2024-2025 [ADMINISTRACIÓN]

 

CONVOCATORIA XERAL CURSO 2024-2025

ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS DE VIGO

Nesta Convocatoria Xeral indícanse as especialidades ofertadas pola Escola Municipal de Artes e Oficios para o curso 2024-2025, así como a previsión de outras actividades.

As dúas modalidades ofertadas (en horario de mañá -cos Niveis de Iniciación, Perfeccionamento I e II- e en horario de tarde -cos Niveis Básico, Medio e Superior-, coas singularidades propias de cada especialidade) e o Nivel Avanzado, común ás dúas, conforman o núcleo básico da oferta, que se complementa cos Cursos Monográficos - Escola de Verán, que a EMAO oferta ao remate do curso, no mes de xullo, e que se convocará durante o mes de xuño de 2025 para persoas que non sexan alumnas da escola.

Deste xeito, a escola oferta formación gratuíta para o curso 2024-2025, coas especificacións que se indican nesta Convocatoria Xeral, e nos horarios que se indican no Anexo II, nas especialidades de: Pintura, Debuxo artístico, Talla e escultura en madeira, Deseño e encaixe de palillos, Ourivería, Artesanía en coiro, Moda e confección, Construcción artesanal de instrumentos musicais -CAIM- Zanfona, CAIM Gaita e Serigrafía artística.

A especialidade de Cerámica artística, convocarase no momento en que se resolva o correspondente procedemento de cobertura da praza de mestre da especialidade.
 

PREINSCRICIÓN E MATRÍCULA

ALUMNADO DE NOVO INGRESO 
 
Preinscrición

1. A preinscrición nas prazas ofertadas poderá facerse:
  • Por internet: na web-EMAO http://hoxe.vigo.org/movemonos/emao25.php [opción recomendada]
  • Presencial: na oficina administrativa da EMAO, entregando a tal efecto o impreso de preinscrición que se subministra na mesma.
2. O listado de preinscritos exporase no tabolerio oficial de anuncios da EMAO (en adiante o Taboleiro) e na web-EMAO. Darase un prazo de un día, para presentar reclamacións ao listado.

3. Rematado ese prazo -no caso de que existan máis solicitudes ca prazas ofertadas- realizaranse probas de acceso para asignar as prazas, agás nas especialidades de Pintura e Debuxo nas que se asignarán por sorteo entre as persoas solicitantes cuxa solicitude sexa válida, conforme ao procedemento que se establece na presente convocatoria.

4. Unha vez finalizados estes procedementos exporase no Taboleiro e na web-EMAO a relación definitiva de persoas seleccionadas, clasificadas por especialidades e cursos.

5. Terán validez nesta Convocatoria as solicitudes presentadas na Convocatoria do curso 2023/2024 na especialidade de Deseño e encaixe de palillos nos niveis Iniciación e Básico, polo que non é necesario que presenten nova solicitude, tal e como se lles notificou no seu momento
 
Matrícula

1. As persoas finalmente seleccionadas deberán obrigatoriamente, para seren admitidas, formalizar a súa matrícula, mediante a presentación na Oficina administrativa do impreso oficial que se poderá recoller na mesma. Con este impreso deberán aportar copia do DNI ou Pasaporte.

2. A non formalización da matrícula en prazo significará a inmediata baixa, e, consecuentemente, a praza será ofrecida ao/á/s solicitante/s que corresponda na lista de reserva derivada da aplicación dos resultados do sorteo ou probas de acceso.
 
3. As persoas que gozaran de Excedencia autorizada en cursos anteriores, deberán formalizar a súa matrícula no prazo indicado no apartado C da presente Convocatoria. Esta matrícula queda condicionada á existencia de vacantes na especialidade e no nivel de referencia.  
 
 Prazos

Do 17 ao 19 de xuño: presentación de solicitudes de persoas que gozaran de Excedencia en cursos anteriores. 
Do 24 de xuño ata o 6 de setembro: Preinscrición alumnado de novo ingreso (só internet).  
Do 24 de xuño ata o 31 de xullo e do 2 a 6 de setembro: Preinscrición alumnado de novo ingreso (presencial) (agosto pechado). 
1 de xullo: Listado de alumnado apto no curso 2023-2024. 
8 de xullo: Listados provisionais de alumnado procedente de cursos anteriores, coa súa asignación ao nivel que lle corresponde no curso 2024-2025. 
10 de xullo: Listado de vacantes existentes por especialidades e niveis, e oferta de prazas para Convalidación. 
11 de xullo ata o 6 de setembro: presentación de solicitudes de acceso por Convalidación 
10 de setembro: Publicación listados solicitantes novo ingreso. 
16 de setembro: sorteo para inscrición de alumnado de novo ingreso (só especialidades de Pintura e Debuxo artístico) ás 12,00h da mañá, na Biblioteca da EMAO. 
16-19 setembro: Celebración das probas de acceso, no seguinte calendario e horario

ESPECIALIDADE

DATA

LETRAS(*)

HORA

LUGAR (AULA)

CAIM ZANFONA

16/09/24

Do A ao F

16,00h

Aula CAIM


16/09/24

Do G ao Q

17,00h

Aula CAIM


16/09/24

Do R ao V

18,00h

Aula CAIM

ARTESANÍA EN COIRO

16/09/24

Todos/as

16,00h

Aula Pintura

MODA E CONFECCIÓN

16/09/24

Do A ao F

16,00h

Aula Debuxo


16/09/24

Do G ao M

17,00h

Aula Debuxo


16/09/24

Do N ao Z

18,00h

Aula Debuxo






CAIM GAITA

17/09/24

Todos/as

16,00h

Aula CAIM

SERIGRAFÍA

17/09/24

Do A ao G

16,00h

Aula Debuxo


17/09/24

Do H ao V

17,00h

Aula Debuxo

OURIVARÍA

17/09/24

Do A ao G

16,00h

Aula Pintura


17/09/24

Do H ao V

17,00h

Aula Pintura

TALLA E ESCULTURA EN MADEIRA

17/09/24

Do A ao M

16,00h

Aula Talla e escultura


17/09/24

Do N ao Z

17,00h

Aula Talla e escultura






DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS

18/09/24

Todos/as

16,00h

Aula Debuxo

 
(*) As letras que aparecen citadas refírense ao primeiro apelido das persoas solicitantes de praza, incluíndo á totalidad das persoas cuxo apelido comece pola letra indicada.

24 de setembro: Listas de admitidos de novo ingreso despois do sorteo e probas de acceso.
24-30 de setembro: Matrícula alumnado novo ingreso.
1 de outubro: Comezo do curso para todo o alumnado. 
 
CADRO RESUMO COS PRAZOS DA CONVOCATORIA XERAL DO CURSO 2024-2025

PROCEDEMENTO

XERAL

ALUMNADO CURSO ANTERIOR

ALUMNADO NOVO

Solicitude de praza de persoas en Excedencia

17 - 19 xuño



Solicitude de praza



24 de xuño - 6 de setembro

Listado alumnado apto


1 de xullo


Listado alumnado curso 24-25


8 de xullo (*)


Listado de vacantes / Oferta prazas Convalidación

10 de xullo



Solicitude de praza por Convalidación



11 de xullo - 6 de setembro

Listado solicitantes



10 de setembro

Sorteos, no seu caso



16 de setembro

Probas, no seu caso



16 - 19 de setembro

Publicación listado admitidos



24 de setembro

Matrícula


8 de xullo (*)

24 - 30 de setembro

Comezo do curso


1 de outubro

(*) Tal e como se indica no punto B.2.1 desta Convocatoira, "A presenza neste listado significa que a súa matrícula foi dada de alta para o curso 2024-2025"

A matriculación na EMAO implica a aceptación plena dos programas, horarios e normativa que rexen a actividade da Escola.


INFORMACIÓN E ADMINISTRACIÓN 
Unidade Administrativa da EMAO. 
EMAO. Avda García Barbón, 5 –36201 VIGO. 
De luns a venres, laborables, de 10,00 a 14,00 horas (agosto pechado) 
Teléfono: 986 228 088 
Correo-e: emao@vigo.org

luns, 17 de xuño de 2024

24-6-2024. Inauguración da exposición "A Música na EMAO" [ESPAZO EMAO]


Dentro da programación anual da EMAO prevese, ao remate de cada curso académico, a produción dunha exposición cos resultados dun proxecto que, partindo dunha idea xeradora única, dea lugar a interpretación, despregue do traballo e saber facer dos distintos talleres.

Neste ano 2024, a escola e as súas especialidades renderán homenaxe á música, manifestación artística cunha presencia destacada entre as súas paredes. Dende a década dos anos oitenta, a EMAO acolleu entre as súas senlleiras pedras un importante patrimonio musical. Nesa década e nas seguintes agromaron iniciativas que deixaron un pouso profundo na escola e na cidade:

Desde a Aula de Música Moderna e Electrónica, con Bibiano Morón (da que saíron numerosos grupos e músicos con traxectorias destacadas), pasando polo Obradoiro de Instrumentos Musicais Populares Galegos, con Antón Corral (xérmolo da actual especialidade de CAIM -Construción Artesanal de Instrumentos Musicais-, unha das maiores e máis salientables singularidades desta institución e orixe da actividade profesional de numeroso alumnado, como luthiers e artesáns), ata a creación do Conservatorio de Música Tradicional, con Rodrigo Romaní, orixe da actual Escola municipal de música folk e tradicional (E-TRAD), como evolución da anterior e que xerou a aparición dun bo feixe de músicos e grupos de nivel internacional, nos que destaca actualmente, entre outros, a Orquestra Folk de Galicia, SondeSeu.

Moitos son xa, pois, os artesáns e músicos que iniciaron a súa vida profesional entre estes muros, confirmando que a actividade musical, en sentido amplo, ademais de achegar unha mellora na vida das persoas, configura un importante sector de actividade económica e emprego, polo que paga a pena apostar.

Nesta homenaxe, a exposición permitirá ver dende o eclecticismo da creación artística de cada unha das especialidades non relacionadas directamente coa música, ata os instrumentos construídos polo alumnado das especialidades de CAIM.

Esta exposición estará aberta entre os días 24 de xuño e o 25 de outubro de 2024 (pechada o mes de agosto).

FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: "A música na EMAO"
Lugar: Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro
Datas: do 24 de xuño ao 25 de outubro de 2024 (agosto pechado)
Horario:

  • Do 24 de xuño ao 28 de xuño: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
  • Do 1 de xullo ao 13 de setembro (agosto pechado): de luns a venres, laborables, de 10:30h a 13:30h
  • Do 16 de setembro ao 25 de outubro: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h

Comisariado: Carlos Corral, mestre de Construción Artesanal de Instrumentos Musicais -CAIM- Gaita e Rosa García, mestra de Talla e escultura en madeira, coa colaboración do profesorado de Debuxo, Pintura, Serigrafía artística, Moda e confección, Ourivería, Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos e CAIM Zanfona.
Cartaz: Federico Fernández Alonso
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2024
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga

A gráfica múltiple que ocupa espazo /////////////// [SERIGRAFÍA]

Estivemos na exposición O múltiple que ocupa espazo organizada polo grupo de investigación Dx5.

Desde a súa creación en 2004, o grupo de investigación dx5 digital & graphic art_research especializouse na gráfica contemporánea de campo expandido. Durante os primeiros anos e baixo o título —”Aplicacións das novas tecnoloxías ao gravado e estampaxe con fins artísticos”— movidos pola idea multidisciplinaria da obra de arte gráfica nos nosos días, o  traballo de investigación centrouse na procura e na achega de instrumentos e de estratexias novas neste campo, adaptando e optimizando sistemas e procesos contemporáneos de maquinarias industriais que permitan definir contornas novas, solucionar inconsistencias herdadas de prácticas anteriores e afondar no que significa a obra de arte múltiple neste terceiro milenio.

Nos últimos anos as súas liñas e proxectos multiplicáronse, abríndonos a novos campos no universo da gráfica contemporánea, que abranguen temas tan dispares como a complexidade e a sostibilidade na arte e no deseño contemporáneos, a redefinición e a evolución do libro de artista como medio, soporte e idea creativa nunha contorna cada día máis dixital ou as conexións do cómic e da animación con outras manifestacións artísticas do noso tempo.  O campo expandido das distintas disciplinas que abren novos percorridos para chegar a novos territorios. Estivemos desfrutando desta exposcición en Pontevedra, aquí deixamos algunhas imaxes:


 

Visita ao taller de gravado e serigrafía da Facultade de Belas Artes de Pontevedra [SERIGRAFIA]

 Moitísimas grazas BBAA Pontevedra pola acollida e a visita guiada!

Fotos da Proxección do filme "84, Charing Cross Road" [VENRES EMAO]