luns, 28 de abril de 2025

A visita do Equipo EMAO ao Museo de Pontevedra [OUTRAS NOVAS]

 

Parte do Equipo EMAO diante do cadro de Darìo A. Basso *

O pasado martes 22 de maio unha nutrida representación do persoal da Escola de Artes e Oficios fixo unha saída a cidade de Pontevedra. Esta visita encádrase na celebración do Ano Castelao con motivo do 75.º aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que é o obxecto da próxima exposición temática no Espazo EMAO.

O artista, escritor, intelectual e político galeguista está intimamente ligado ao Museo de Pontevedra. Castelao foi un dos seus patróns fundadores e nel custódiase unha parte fundamental do seu traballo artístico, con ao redor de 1.800 pezas, unha selección das cales se expón en dúas salas no edificio que leva o seu nome.

Estas visitas inscríbense dentro do programa formativo e de relacións interinstitucionais para o profesorado e persoal da Escola. Aquí tedes algunhas fotos deste día tan extraordinario.  

A visita comeza na Unidade de Conservación e Restauración do Museo.

 

Continua coa visita a exposición permanente do museo.  Na colección de arqueoloxía destacan, entre outras, as pezas de ourivería, que inclúen o maior tesouro de ouro da prehistoria en Europa. O percorrido pola arte galega comprende desde o século XIV ata principios do XXI, no que sobresaen o único retablo medieval pintado galego que chegou ata os nosos días, os relevos barrocos de José Gambino e José Ferreiro, as paisaxes románticas de Jenaro Pérez Villaamil, as e os pintores da xeración doente e os nomes que marcaron o devir artístico do século xx, coma Sotomayor, Arturo Souto, Maruja Mallo, Laxeiro, os membros do Grupo Atlántica...

*"Big-Bang vexetal ou irradiación vexetal concentrada" (2000-2002)
 

Pola tarde continuamos co Roteiro de Castelao que percorre a Pontevedra máis querida por Castelao, onde desenvolveu boa parte da súa actividade cultural e política. O Roteiro inclúe a visita de novo  ao Museo de Pontevedra. Dúas salas céntranse na obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sen o cal non se entende o pasado século en Galicia. Castelao foi un dos seus patróns fundadores e nel custódiase unha parte fundamental do seu traballo artístico. Tamén está no Museo a súa biblioteca, documentos e obxectos da súa actividade literaria, como investigador e como líder do galeguismo.

Moitísimas grazas ao noso mestre de Artesanía en Coiro, Pepe Pereira, que organizou e coordinou de maneira marabillosa esta proveitosa visita.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!