xoves, 30 de outubro de 2025

Resumo en fotos doutras actividades da segunda quincena do mes de outubro na hemeroteca [OUTRAS NOVAS]

29-10-2025. Presentación do poemario "El sabor poético de Buenos Aires en el Palermo borgiano" de Susana Maceira


28-10-2025. Presentación do libro "Fíos de transparencia acesa. Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras"


23-10-2025. Presentación do libro "Para ti, para mi, para ell@s" de Xandro Barberena

 

21-10-2025. Visita do IES A Guía. 2º de FPB á EMAO.


venres, 24 de outubro de 2025

24-10-2025. Venres da EMAO presenta a Julio Barrera [DEBUXO]

 

Julio Barreira é avogado de formación. A súa vocación artística chegou tarde, influída polo regreso a Galicia, a terra natal, e o redescubrimento da marabillosa contorna, despois de residir en Madrid durante moitos anos. Os inicios no debuxo son de xeito autodidacta co lapis e o pastel, pero no seu paso pola EMAO na especialidade de Debuxo descobre a acuarela, formándose paralelamente en técnicas pictóricas no estudio de Ana Soler. Estas formacións danlle pulo para dedicarse profesionalmente á actividade artística. Julio, como antigo alumno, vén á EMAO a contar a súa experiencia e os seus proxectos futuros.


Presentado por Federico Fernández (mestre de Debuxo artístico da EMAO)
Data: 24 de outubro de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

24-10-2025. " Contra a desinformación. Día das Bibliotecas 2025 [OUTRAS NOVAS]


 

A Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas este 24 de outubro de 2025. 
 
Desde o ano 2019 incorpórase á celebración o lema 'Aptas para todos os públicos', que estará presente en todas actividades que se poñan en marcha. A celebración do Día das Bibliotecas ten desde ese momento un fío condutor temático diferente cada ano. 

O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación. As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos, como as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos, senón tamén a través dun uso adecuado das novas tecnoloxías. E, por encima de todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como curador de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas.

martes, 21 de outubro de 2025

Exposición-Homenaxe a Aurora Murias [EXPOSICIÓNS EMAO]



Este martes, 21 de outubro ás 19.00 horas tera lugar a inauguración da exposición Homenaxe a Aurora Murias, situada nas escaleiras da entrada de García Barbón 5 e nas vitrinas do corredor de acceso á biblioteca, poderase visitar ata o martes 11 de novembro. 
 
Aurora Murias (1960-2025) foi alumna da EMAO nas especialidades de Cerámica, Debuxo e actualmente cursaba Pintura cando faleceu de xeito repentino no mes de abril. Estivo tamén neste último ano vinculada ao grupo dos Urban Sketchers de Vigo, asistindo a algunhas das convocatorias propostas ás que se suma alumnado e antigo alumnado da EMAO, polo que Aurora era moi coñecida e recoñecida. 
 
Aurora foi mestra de ioga e de infantil, sendo a primeira mestra en Galicia de atención pedagóxica domiciliaria. Elaborou un proxecto pioneiro para nenos e nenas con déficit de atención onde puxo en práctica a base do ioga para tratar estes casos: Como atallar os problemas de comportamento cunha metodoloxía baseada no control das emocións, 1999-2000. Aurora segue formándose no eido da arteterapia, o debuxo primal e a cerámica. No ano 2005 sofre unha enfermidade cerebral grave que a obriga a xubilarse tomando a decisión de poñer en práctica con ela mesma o que sabía funcionaba co seu alumnado. Ese tesón e vontade de non afastarse e estar presente fíxoa unha persoa moi activa. Nas artes plásticas atopou unha motivación. 
 
Aurora foi unha persoa moi querida e deixou unha pegada en todos aqueles que a coñeceron, por iso desde este pequeno refuxio cultural que é a EMAO, a súa casa en tres especialidades, queremos facerlle unha pequena homenaxe con esta exposición que abrangue pinturas, debuxos e algunha peza cerámica. 
 
Adeus Aurora. Botámoste en falta.

Texto de Federico Fernández
(Mestre de Debuxo na EMAO)

luns, 20 de outubro de 2025

Fotos da conferencia "Castelao: un artista gráfico en Vigo" por José Luis Mateo Álvarez [VENRES EMAO]


 

Resumo en fotos doutras actividades da primeira quincena do mes de outubro na hemeroteca [OUTRAS NOVAS]

16-10-2025. Conferencia "Innovación y sostenibilidad como pilares fundamentales para un sector mar-industria resiliente" por Antonio Álvarez [FORUM IEV]  


15-10-2025. Ciclo de encontros "Tradución en clave feminina: escritoras italianas en España desde o século XIX ata hoxe" [SOCIETÀ DANTE ALIGHIERI DE VIGO]
 
 

7-10-2025. Presentación do libro "El silencio de las mareas" de Mikel O Ferdinand
 

 
2-10-2025. Presentación do libro "Soy lo que digo que soy?" de Ricardo Fandino
 
  

xoves, 16 de outubro de 2025

17-10-2025. Venres da EMAO presenta a conferencia "Castelao: un artista gráfico en Vigo" por José Luis Mateo Álvarez [SERIGRAFÍA]


O historiador José Luís Mateo Álvarez falaranos sobre a relación entre Castelao e Vigo a partir da súa obra artística, cultural, intelectual e política. A cidade como capital histórica da edición en Galicia e as colaboracións de Castelao na prensa de Vigo desde 1909, cando imprime os seus debuxos cómicos en Vida Gallega, e logo, desde xullo de 1922, os humorísticos no diario Galicia e despois en Faro de Vigo e o xornal El Pueblo Gallego.


Presentado por Alba Pardo (mestra de Serigrafía artística da EMAO)
Data: 17 de outubro de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

luns, 13 de outubro de 2025

15-10-2025. Ciclo de encontros "Tradución en clave feminina: escritoras italianas en España desde o século XIX ata hoxe" [SOCIETÀ DANTE ALIGHIERI DE VIGO]

 

O Comité Dante Vigo celebra a estrea dun novo proxecto: "Tradución en clave feminina: escritoras italianas en España”(desde o século XIX ata hoxe). O proxecto multidisciplinar que reúne literatura, música e cinema empezará en outubro 2025 e terminará en marzo 2026. 

O proxecto ten o obxectivo de difundir a cultura italiana desde unha perspectiva feminina a través das obras de escritoras que marcaron época profundando na figura de destacadas autoras da literatura italiana que alcanzaron un notable éxito en España a través das súas traducións, poñendo en valor as súas identidades singulares, os seus vínculos e as súas relacións.

O primeiro encontro formará parte dos eventos organizados para a XXV Semana da lingua italiana no mundo (13- 19 outubro ) e será o próximo 15 de outubro sobre Carolina Invernizio (Voghera, 1851-Cuneo 1916). A escritora foi unha das autoras máis populares de novela por entregas entre finais do século XIX e principios do XX.

 


 

Fotos da conferencia de José Manuel Salvado Sanín "Artesanía en Galicia, realidades e feitos" [VENRES EMAO]


 

xoves, 9 de outubro de 2025