venres, 23 de xaneiro de 2026

23-1-2026. Venres da EMAO presenta a proxección do documental "A Gaita Galega II" [CAIM GAITA]

 

 "A gaita galega II"

Composto por tres partes, este documental foi emitido no seu momento pola TVG dentro do formato NAQUELES TEMPOS.

Esta segunda parte abrangue dende os anos 40 do século pasado ata o fin da ditadura. Tempos escuros de represión das identidades culturais. 

O desprazamento dos gaiteiros das festas populares. Os grupos icónicos que foron quen de manter a gaita a pesar dos atrancos: Os Morenos, Os Campaneiros, Os Montes, Irmáns Portela, Os Rosales, Airiños do Parque de Castrelos, etc.

Presentado por Carlos Corral (mestre de Construción artesanal de instrumentos musicais -CAIM- Gaita da EMAO)
Data: 23 de xaneiro de 2026
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

mércores, 21 de xaneiro de 2026

Ultimos días para visitar no Espazo EMAO a exposición Proxectos 2025 [ESPAZO EMAO]

 

"Proxectos 2025", representa unha mostra da culminación do proceso formativo do alumnado de distintas especialidades da EMAO, que se pode visitar ata o 23 de xaneiro de 2026 na sala de exposicións da escola, o "Espazo EMAO".

 FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: Proxectos 2025 [Proxectos de fin de estudos do alumnado do curso 2024-25]
Lugar: Espazo EMAO. Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. (Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro)
Datas: do 21 de novembro de 2025 ao 23 de xaneiro de 2026
Horario: De luns a venres, laborables de 19.00 a 21.00 horas
Comisariado: Rosa García, mestra de Talla e escultura en madeira, e Xaime Rivas, mestre de Construción artesanal de instrumentos musicais (CAIM) Zanfona, coa colaboración do profesorado de Pintura, Debuxo artístico, Serigrafía artística, Deseño e encaixe de palillos, Moda e confección, Artesanía en coiro, Ourivaría e CAIM Gaita.
Cartaz: Federico Fernández Alonso
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2025
Axudante de montaxe: Eduardo nchez Arteaga

luns, 12 de xaneiro de 2026

16-1-2026. Venres da EMAO presenta a Rodrigo Riveiro, arte no refugallo [OURIVARÍA]

 

O ourive Rodrigo Riveiro, artífice da marca de xoiería "Ferraxes de prata", Premio Artesanía de Galicia en 2017 e Premio Antonio Fraguas en 2020, destaca pola creación de pezas únicas a partir de materiais de refugallo.
Nesta conferencia contaranos como foron os seus inicios antes de ser xoieiro, como comezou co seu obradoiro e tamén como é o proceso de creación das súas xoias, centrándose na colección Louza, que realiza reciclando louza e cerámica rota ou estragada, creando con prata o engarce que a xungue nun proceso totalmente artesanal.

Presentado por Sandra de Jesus (mestra de Ourivaría da EMAO)
Data: 16 de xaneiro de 2026
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

Inauguración da exposición "Rosa García: relatos do habitado" no Museo de Gravado de Artes [NOVAS NOVAS]

Parabéns á nosa mestra de talla e escultura en madeira que inagurou o pasado sábado a súa exposición no Museo de Gravado de Artes en Ribeira, Rosa García: relatos do habitado.

 

A continuación tedes unha breve reseña da exposición que fai o director do Museo do Gravado, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría:

A artista Rosa García fainos reflexionar, coa súa exposición, sobre o espazo, que se converte en lugar pola mirada humana, por habitalo, deshabitalo e tamén cohabitalo. As tres series da mostra fannos enfrontarnos nun primeiro momento en Impares ás outras formas de habitar un espazo dende as diásporas sociais, o aniñamento que nos protexe, que nos permite habitar o deshabitado, conservar a memoria, enraizarnos. Facer un refuxio da nada, lograr un construto para a pertenza. 

A serie Domus Domina fainos pensar na profunda relación entre a muller e a casa, nun diálogo entre o corpo e o espazo, no que a muller ordena, reescribir o íntimo e procura asentar a intimidade. A casa como icona, do compartir, da espera, da responsabilidade. 

Canto a Bosques e Mareas lévanos á reflexión sobre a memoria, sobre o tempo, sobre a inestabilidade e sobre o espazo convertido en paisaxe que constrúe un territorio e a memoria vai modelando no seu movemento, desacordar e lembrar. As mareas son ese perpetuo movemento, o construír e deconstruír, un lugar de memoria e de esquecemento. 

Gran orixinalidade formal e conceptual a desta exposición de Rosa García, que nos leva dende as imaxes á reflexión profunda, a resituarnos ante o espazo, a pensar nos lugares que habitamos, á memoria e ao refuxio, mais tamén ás veces ao desacougo, á indeterminación e nos abre novas perspectivas de pensamento. 

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría (Director Museo do Gravado).

 

Esta exposición poderá visitarse do 10 de xaneiro ao 10 de marzo de 2025
Lugar: Sala 2 do Museo do Gravado