luns, 7 de decembro de 2020

Adeus, Toño do Val. Cesteiro e investigador

Toño co autor deste artigo e o daquela concelleiro
de Patrimonio histórico, Xosé Carlos Arias
"Se alguén merca un cesto, está mercando o traballo dun artesán e parte da historia dunha zona".
Toño González, Toño do Val.

Chéganos con tristura a morte de Toño Do Val, Toño Cesteiro o pasado xoves.  Abondaría co precioso obituario escrito polo seu amigo e biógrafo Plácido Romero, pero as lembranzas e o recoñecemento queren que eu tamén escriba estas liñas.

Toño non só era un artesano excepcional, senon tamén un investigador, conservador e divulgador de primeira orde. Foi, ademais, unha persoa fondamente coherente entre o seu pensar e o seu intenso vivir, intelixente, culta, convincente, admirable.

Tiven o privilexio de traballar con el, xunta a Antonio Suárez e Montse Rial, nos anos que pasou en Vigo, como mestre e experto en cestería tradicional na infelizmente desaparecida Casa do Cesteiro, dentro das iniciativas de formación e rexeneración cultural e económica do Casco Vello do programa europeo URBAN

Nasas de río realizadas por Toño
A súa lucidez e coñecemento fondo e vívido da nosa cultura tradicional era extraordinaria. Tiña claro, e transmitía coa mesma intensidade e advertencia, que sen unha metodoloxía de investigación en contacto cos derradeiros artesanos do oficio aínda vivos daquela, sería imposible rescatar as técnicas e perderíase para sempre a posibilidade de coñecer e reproducir as pezas da que constitúe, penso, a cestería tradicional máis rica, variada e aínda mellor conservada do mundo. E con esa perda, perdemos un inorme legado etnográfico dunha artesanía ancestral cuxos productos acompañaron e serviron ao ser humano dende os seus inicios como especie. 

Investigou daquela, con paixón e excelencia, xunta con Montse Rial dende a Casa do Cesteiro viguesa, a cestería vencellada co mar en Galicia e documentou con precisión a construción de nasas, patelas, esportas ou traíñas das nosas rías. Cestos que formaron parte inseparable do traballo, almacenamento e transporte de peixe durante séculos ata o último tercio do século XX. Aquel traballo deixounos o documental "Cestos do mar", publicado pola editorial Monesma, co Museo do Mar, Deputación e Patrimonio Histórico do Concello de Vigo en 2005.

A Nosa Terra 949. ano 2000

Con Toño vaise un grandísimo coñecemento, non só teórico, senon tamén práctico, referencial e vivido radicalmente da nosa etnografía, dos xeitos de vida do noso esquecido e valioso mundo rural.

Adeus, Toño, mestre; que a Terra  que tanto amaches te acolla co mesmo agarimo que ti lle deches.

[Déixovos o imprescindible documental realizado por Plácido Romero sobre a vida e pensamento de José Antonio González, Toño do Val, como el quixo, aqueladamente, chamarse]

1 comentario:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!