Un dos países que máis teño visitado na miña vida é Alemaña. Panamá non o coñezo pero un autor alemán, escritor e ilustrador, é no que penso cando escoito algo sobre Panamá. Esto me acontece porque sempre recordo o libro "Que bonito é Panamá". O seu autor Horst Eckert, coñecido como Janosch, é un dos autores que máis admiro polas súas aristas como ilustrador.
Un dos feitos que me causaron boa impresión a primeira vez que fun a Alemaña no ano 97 foi a calidade e cantidade de librerías infantís que había. Viaxara a documenta de Kassell a empaparme de arte "con maiúsculas", pero paseando polas rúas de Frankfurt, unha das mecas lo libro, e por Münster... enchinme tamén daquelas maravillosas librerías...que resultaron ser portadoras de "arte con maiúsculas". Pensemos que o berce da ilustración e do libro atópase en Alemaña, concretamente en Nuremberg e manteñen unha tradición de moito arraigo co libro ilustrado.
Alí descubrín este precioso libro infantil e ao seu autor. Naquel momento ainda non sabía a importancia que tería a ilustración infantil na miña vida.
Janosch naceu en Alemaña no ano 1931 en Hindenbrurg, unha cidade fronteriza da alta Silesia pegada a Polonia. Despois da guerra Hindenburg foi aderida a Polonia. O caso é que nesa época Hindenburg era unha cidade industrial onde a vida era dura, moi dura. Unha cidade obreira con grandes fáfricas que botaban un espeso fume gris. As condicións dos obreiros eran moi precarias. Ese era o entorno do pequeno Janosch. A infancia de Janosch foi curta xa que con 13 anos comenzou a traballar.
Despois da guerra a familia trasladouse a Oldenburg e Janosch traballará nunha fáfrica textil pero o seu desexo era ser pintor. En 1953, despois dunha curta estancia en París, comenzou os seus estudos na Academia de Arte de Munich, pero durou pouco, a corrente estética da abstracción, que naquel momento estaba de moda, non lle interesa polo que decidiu probar fortuna como ilustrador e artista independiente.
O seu amigo e editor Georg Lenz publicou os seus primeiros libros infantís: Valek (1960), O violín máxico de Yosa (1960) e Valek e Jarosch (1960). Foi nesta etapa cando adopta o seu nome artístico. Estas primeiras obras escapan e critican as figuras dos contos tradicionais e distáncianse dos clichés do mundo da literatura infantil afondando en elementos como as relacións de afecto e os medos primarios dos nenos, que manterá ao longo da súa obra. Quizáis por eso non tiveron o éxito esperado naquel momento.
Edición española de Valek. 1963. Ed. Lumen |
En 1972 e animados polos movementos de renovación pedagóxica, recibe o encargo da editorial Beltz & Gelberg, unha das máis importntes para nenos, de re-contar os contos dos irmáns Grimm. Dese experimento, no que Janosch vai ter libertade creativa total, saen títulos tan provocativos e inusuales como Carapuchiña eléctrica. Estas revisións as publicará en España a editorial ANAYA no ano 1986. As ilustracións son en branco e negro e nos recordan ao caricaturista expresionista George Grosz.
Imaxen da Carapuchiña eléctrica extaída da revista de CLIJ |
En 1978 publicará o libro que determinará a súa carreira catapultando a este autor á fama, "Que bonito é Panamá". Este artista subestimado pola crítica coñecerá o éxito como escritos/ilustrador, ainda que como declararía anos máis tarde Janosch considerase pintor, un pintor que tivo que buscar traballo xa que da pintura non podía vivir e que chegou ata os libros infantís de forma casual, algo que acontece habitualmente entre moitos ilustradores. Como apuntaba a miña amiga e escritora Ana Garralón nun artigo moi completo sobre Janosch publicado na revista Peonza hai anos, e facendo referencia a este libro e os posteriores escritos e ilustrados por el ... " Son libros idílicos, con ilustraciones llenas de emotividad, que encierran una encantadora ironía y una contenida crítica hacia la civilización".
Selo de correos alemán do 2007 |
Os protagonistas desta historia son un pequeno Tigre e un pequeno Oso que emprenden unha viaxe na procura do seu paraíso. A conclusión é sinxela... o mellor da viaxe é a compaña. A amizade e o afecto no entorno dunha natureza idealizada trasládanos ao século XIX, así como o debuxo. As composicións son armónicas e relaxadas e se misturan á perfección cas historias. Estes dous personaxes e grazas ao éxito do libro correrán novas aventuras posteriores cheas de emoción e tenrura. Pero tamén ao seu redor existe un gran mercado de obxetos..peluches, puzzles, calendarios, mochilas...e un sector da crítica entende estes libros como conservadores e de modelo anacrónico patriarcal.
Pero Janosch, non se recoñece nese éxito. Atópase cómodo ca súa faceta como ilustrador gráfico con traballos en augaforte cargados de sarcasmo. Ata os anos 90 esclavizouse en historias que gustan tanto a pais como a nenas. De feito cando lle preguntan como concebiu estes contos...afirma sen ningún tipo de vergoña: " Un día senteime e puxenme a debuxar a maior cursilería do mundo só para satisfacer a eses malditos críticos e pedagogos..." ..." Se eu escribira como quixera os meus libros infantís deberían mostrar un mundo tal e como é ...porque o home é xustamente o contrario a felicidade".
Como fixera Tomi Ungerer, Janosch, diferencia ben o seu traballo como ilustrador infantil, idílico e romántico ca súa faceta como pintor, gravador e ilustrador gráfico, traballos nos que a súa linguaxe é sarcástica e crítica con imaxes grotescas e extravagantes que buscan a fantasía e reflexan ben a provocación.
Janosch hoxe vive tranquilamente en Tenerife. Disfrutando do seu retiro e preto de cumprir os 90 anos. Qué bonito é Panamá, o seu grán éxito xa considerado un clásico, é un libro imprescindible. Probablemente este Nadal siga sendo un éxito de ventas.
Agardo que o próximo 2021 todos atopemos o noso paraíso.
BO NADAL
Grazas a Ana Garralón por aquel artigo sobre Janosch " El osito que leía a Bukowski" publicado na revista Peonza no ano 2006 e que me serviu para coñecelo mellor naquel momento e do que me servín agora para realizar esta entrada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!