O BARRIO
A mediados dos anos 80 os barrios de Vigo eran Heavy Metal. Teis, un territorio hostil case de película navegaba a década sorteando o paro motivado pola reconversión naval, e a droga, que facía estragos entre unha xuventude que miraba cara o futuro cun pesimismo case intrínseco. Os veciños realizaban patrullas nocturnas para botar aos yonkis, fillos doutros veciños, que eles mesmos viran crecer. A tasa de suicidios era alta, a de alcohlismo tamén; é de todos coñecido que algúns homes pegaban ás súas mulleres, pero mirábase cara a outro lado pensando na "mala sorte que tivo a pobre" . Ese era o contexto no que Raúl Maya e eu medramos, penso que felices pero acostumados a esas cousas habituais do barrio. Os rapaces fixemos pandilla desde moi novos e nos refuxiamos nos amigos crecendo na rúa e xogando nos descampados. Raúl e mais eu coñecemonos deses grupos. Raúl sempre destacou por ser un debuxante precoz ao que eu admirei, xa que é un ano maior ca min e cando es pequeno iso é moito. Sempre admiras e imitas aos maiores....quen sabe, igual me dediquei ao debuxo porque admiraba a aquel rapaz do barrio que debuxaba. Logo chegada a adolescencia e a xuventude cada un tomou camiños distintos e o barrio quedou atrás.
REFERENCIAS
Ainda que o seu estilo e moi BD, Raúl nunca foi un gran lector de cómics ainda que un gran lector. Polas súas mans pasaron as historietas de Ibañez como polas mans de todos os desa xeración e aí pode estar unha das súas referencias no debuxo, pero tampouco o ten moi claro. Seguía cando podía a revista "El Vívora" fixádose máis nos debuxos que nos debuxantes.
"Relacionei a Robert Crump con aquelas historietas cando pasei pola aula de Debuxo da Emao e falaches deste autor".
Sen sabelo, Raúl é un debuxante underground auténtico, xa que relata historias crúas debuxando dun xeito autodidácta cun estilo conseguido metendo na cocteleira o TBO español e o cómic americano e belga. Que podía saír de todo iso, pois un estilo propio e persoal, un estilo de Teis.
Cartaz Marcos Coll |
PRIMEIRAS OBRAS
Estudiou no Colexio Hogar formándose en Artes Gráficas. Rematados os estudos xa comenza a traballar en Gráficas Noroeste, que daquela era nese eido o máis punteiro que había en España. Realiza moita tarefa de fotomecánica e algún que outro deseño. Recorda que recibe daquela, cando os ordenadores e os programas de deseño comenzan a súa andaina a mediados dos 90, un curso de Photoshop, pero non lle serve para o desenvolvemento profesional, xa que a empresa non da o paso cara a dixitalización. Tempo despois Gráficas Noroeste pecha.
Durante dez anos, cóntame Raúl, deixa de debuxar. Ten empregos do máis diverso e frecuenta bares, ambientes nocturnos, concertos de Jazz e blues, do que é un apaixonado, empapándose de toda a cultura subterfuxea da cidade. De casualidade comenza a debuxar para a sala de concertos Contrabajo, realizando moitos dos cartaces do programa. A gráfica-música comenza unha relación na obra de Raúl que segue ata agora, sendo esta relación unha seña de identidade dos seus traballos.
A EMAO
Por casualidade e grazas a unha amiga decide inscribirse no curso de Debuxo da EMAO no ano 2019. A amiga non sae no sorteo pero Raúl si. Para min foi un reencontro precioso e unha gran responsabilidade, porque coñecía as habilidades de Raúl. O que lle achega a aula de Debuxo da Emao a un alumno tan destacado é coñecemento en materias como perspectiva, técnicas e materiais e a obriga de ter que debuxar do natural, que era unha parte do debuxo que Raúl descoñecía pero que a fai fenomenalmente.
Presenta un proxecto precioso seguindo esa relación Gráfica-Música que estivo exposto o ano pasado na nosa sala.
Cartaz para o músico Felix Slim |
VOAR
Hai tres meses, chámame Raúl e dime que vai pedir unha excedencia no traballo para comezar unha carreira como ilustrador. Que lle están a sair moitos proxectos de ilustración ben bonitos e non pode compaxinar toda esa carga de encargos co seu traballo, que o vai intentar. Portadas de discos, cartaces, ilustracións en revistas, un proxecto dun libro...perfecto, é o momento.
Raúl ademais de ser un tipo que se fai querer ten un talento innato nisto do debuxo, pero sobre todo ten un talento innato para contar historias a traves dun medio que é o debuxo. Dicía Steinberg "un ilustrador é un escritor que escribe con imaxes". Raúl sempre foi un gran contador de historias. No Colexio Frián gañara o concurso de redacción. Hoxe segue a contar historias con ese estilo gráfico que xa o caracteriza. Parabéns Raúl. Ogallá todo che saia moi, pero moi ben, nesta aventura.
Bosquexo para o disco de Félix Slim |
VENRES
Pois como non podía ser doutro xeito, este mestre orgulloso invitou a Raúl a contar toda esta experiencia vital ao redor do debuxo, neste formato noso chamado Venres da Emao. Será na hemeroteca a partir das 19.00 h. Aínda por riba vai vir acompañado po Felix Slim, músico amigo de Raúl ao que lle ten deseñado cartaces e portadas, e que vai tocar uns temas en directo. Qué dicir de Felix Slim, pois aquí deixo un enlace para que vos fagades unha idea do nivelazo.
Estes nenos de barrio vóltanse a atopar despois de 40 anos unidos por unha mesma paixón, o Debuxo. Quén o ía dicir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!