xoves, 27 de febreiro de 2025

28-2-2025. Venres da EMAO presenta "Materias téxtiles. Fíos que conectan o mundo das fibras, teas e tecidos" por Antonio Álvarez Portabales [MODA]


Antonio Álvarez Portabales conecta, dende o mundo da informática e as finanzas, co mundo da moda e do deseño cursando a especialidade de Moda e confección na EMAO. Esta nova e apaixonante etapa lévao a investigar as fibras téxtiles, tecidos e teas plasmando todo ese coñecemento no seu proxecto de fin de estudos. Antonio compartirá connosco parte de todo este coñecemento sobre os materiais téxtiles que vestiron ao ser humano desde a prehistoria.

Presentado por Emma González (Mestra de Moda e confección da EMAO)
Data: 28 de febreiro de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

martes, 25 de febreiro de 2025

Alfonso Zapico. Selección bibliográfica [BIBLIOTECA]


Alfonso Zapico é un debuxante e ilustrador hispanofrancés nado en Blimea en 1981, un pobo dos Vales Mineiros asturianos. Foi Premio Nacional de Cómic en 2012 pola súa obra Dublinés. Estudou Ilustración na Escola de Arte de Oviedo e Image imprimée na École Nationale Supérieure des Arts Décoratifs (ENSAD de París). Realiza ilustracións, grafismos e campañas de comunicación para diversas axencias de publicidade, editoriais e institucións españolas e francesas. Tamén é ilustrador de prensa en diarios rexionais asturianos. 

Os seus inicios como autor datan de 2006, ano no que publica en Francia La guerra do profesor Bertenev. A súa primeira obra en español é Café Budapest (2008), unha ficción inspirada nos inicios do conflito palestino-israelí. Pouco despois recrea a vida de James Joyce en Dublinés (2011), novela gráfica pola que recibe o Premio Nacional do Ministerio de Cultura de España (2012). 

Establecido en Angoulême, dedícase, a partir de 2015, á realización de La balada del norte, unha ambiciosa novela gráfica, publicada en catro tomos a través da cal reivindica a recuperación da memoria histórica da súa terra natal, a conca mineira asturiana, transportando ao lector aos tempos turbulentos da Revolución de Asturias de 1934. En 2018 publica a historia doutro conflito, o vasco, debuxando os anos negros de Euskadi en Los puentes de Moscú, historia nada do encontro entre o político Eduardo Madina e o músico Fermín Muguruza. Creativamente inquieto, tamén lle deu tempo de ilustrar tres libros con textos de Aitana Castaño: Los niños del humo (2018), Carboneras (2020) e Rastros de ceniza (2022). 

Zapico participou en varios proxectos educativos e impartiu talleres de ilustración tanto en Asturias como en liceos franceses. Desde 2019 é profesor de español (Academia de Poitiers) e ensina a alumnos e docentes as técnicas para utilizar a linguaxe do cómic en clase.

Aquí tedes algúns dos seus títulos máis coñecidos. 

26-2-2025. Presentación do libro "Bibiano. Cambiar para ser un mesmo" de Carlos Rego [OUTRAS NOVAS]

Mércores 26 de febreiro ás 19.30 horas


venres, 21 de febreiro de 2025

21-2-2025. Venres da EMAO presenta a Conferencia "Un chelo, catro historias" polo luthier Adrián Pereiro [CAIM ZANFONA]

 

Adrián Pereiro toma contacto co mundo da luthería de xeito autodidacta. Cun proxecto arriscado e máis ilusión que maña, tenta a construción dunha zanfona. Descoñecemos cal foi o resultado daquela empresa, pero serviulle para que no seu interior rebulise o becho e a inquietude de construír instrumentos. Formado inicialmente na EMAO, continúa a súa aprendizaxe na escola vasca de luthería BELE asistindo ao mesmo tempo a diferentes cursos impartidos por mestres de referencia internacional. Completa a súa formación en Chipre co mestre Stepan Soultanian. Actualmente ten o seu obradoiro na Coruña, onde proporciona un servizo profesional, cálido e próximo a instrumentistas de corda fretada.

"Un chelo, catro historias" nace co obxectivo de poñer en valor unha serie de proxectos vencellados á cultura, á artesanía e ao rural, elaborando un violonchelo con madeiras de cada unha das catro provincias galegas. Detrás de cada táboa, unha historia, cos seus protagonistas, e co luthier e o seu traballo artesán como elemento conector desas historias. O proxecto tamén busca acadar información de carácter físico-acústico do instrumento para, de ser posible, abrir unha porta ao emprego de materia prima local na elaboración de instrumentos de corda fretada.


Presentado por Xaime Rivas (Mestre de CAIM Zanfona da EMAO)
Data: 21 de febreiro de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

luns, 17 de febreiro de 2025

18-2-2025. O dereito á vida e á morte digna [ATENEO ATLÁNTICO]

Martes 18 de febreiro ás 19.30 horas

Fotos da Presentación de "Morisot. Atelier de arte" [VENRES EMAO]

Resumo de outras actividades da semana do 10 ao 14 de febreiro de 2025 [OUTRAS NOVAS]

14-2-2025. Visita do  CIFP Politécnico de Santiago.



13-2-2025. Inauguración da exposición da Aula de Deseño e encaixe de palillos na vitrina do corredor de acceso á Biblioteca.


13-2-2025. Gravación dunha entrevista ao músico Carlos Núñez pola productora Ézaro Films.
 



11-2-2025. Conferencia "Castelao nos anos da Guerra Civil" por Xesús Alonso Montero [ATENEO ATLÁNTICO]