martes, 25 de febreiro de 2025

Alfonso Zapico. Selección bibliográfica [BIBLIOTECA]


Alfonso Zapico é un debuxante e ilustrador hispanofrancés nado en Blimea en 1981, un pobo dos Vales Mineiros asturianos. Foi Premio Nacional de Cómic en 2012 pola súa obra Dublinés. Estudou Ilustración na Escola de Arte de Oviedo e Image imprimée na École Nationale Supérieure des Arts Décoratifs (ENSAD de París). Realiza ilustracións, grafismos e campañas de comunicación para diversas axencias de publicidade, editoriais e institucións españolas e francesas. Tamén é ilustrador de prensa en diarios rexionais asturianos. 

Os seus inicios como autor datan de 2006, ano no que publica en Francia La guerra do profesor Bertenev. A súa primeira obra en español é Café Budapest (2008), unha ficción inspirada nos inicios do conflito palestino-israelí. Pouco despois recrea a vida de James Joyce en Dublinés (2011), novela gráfica pola que recibe o Premio Nacional do Ministerio de Cultura de España (2012). 

Establecido en Angoulême, dedícase, a partir de 2015, á realización de La balada del norte, unha ambiciosa novela gráfica, publicada en catro tomos a través da cal reivindica a recuperación da memoria histórica da súa terra natal, a conca mineira asturiana, transportando ao lector aos tempos turbulentos da Revolución de Asturias de 1934. En 2018 publica a historia doutro conflito, o vasco, debuxando os anos negros de Euskadi en Los puentes de Moscú, historia nada do encontro entre o político Eduardo Madina e o músico Fermín Muguruza. Creativamente inquieto, tamén lle deu tempo de ilustrar tres libros con textos de Aitana Castaño: Los niños del humo (2018), Carboneras (2020) e Rastros de ceniza (2022). 

Zapico participou en varios proxectos educativos e impartiu talleres de ilustración tanto en Asturias como en liceos franceses. Desde 2019 é profesor de español (Academia de Poitiers) e ensina a alumnos e docentes as técnicas para utilizar a linguaxe do cómic en clase.

Aquí tedes algúns dos seus títulos máis coñecidos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!