mércores, 21 de decembro de 2022

Adeus a Perfecto Costas Otero, antigo alumno da nosa Escola [OUTRAS NOVAS]

Perfecto Costas Otero (1923-2022)



 

Este luns pasado deixábanos Perfecto Costas Otero "Pucho",  antigo alumno da nosa Escola.

A mediados dos anos 30 do século pasado comezaba os seus estudos na Escola de Artes e Oficios (debuxo de figura e adorno, debuxo de aplicación, debuxo de croquización, modelado e baleirado) a finais dos anos 40 está tamén matriculado en ourivaría. Disciplinas que a recado lle foron de utilidade na súa profesión.

Debuxante e pintor, traballou no deseño de moitas das vidreiras artísticas realizadas pola Cristalería La Belga en igrexas e edificios públicos da nosa cidade. Deseñou entre outras as vidreiras da Igrexa dos Pais Carmelitas ou da Estación Marítima.

Nacido no Berbés, fillo de mariñeiro e pescantina, conservou na súa memoria as imaxes do barrio no que transcorreu a súa infancia. A súa pintura é de temática costumista, os seus protagonistas son pescantinas, carrexonas, patróns e mariñeiros do litoral vigués. Algúns dos espazos retratados son aqueles que observaba de neno, a Igrexa de San Francisco, o antigo Peirao do Comercio, a antiga caseta de medición de mareas, o Areal, o Naútico ou o barrio do Espiñero en A Guía.

Lembrámoslle na inauguración da exposición histórica "A Escola de Artes e Oficios. 130 anos na historia de Vigo" aínda coa alegría e vitalidade de sempre.

Desde aquí queremos enviar o noso máis sentido pésame á súa familia e amigos. Descanse en paz!

1 comentario:

  1. Unha aperta forte para a familia de un home admirable e querido. Quédanos as súas vidrieiras e o seu testemuño da Historia da Escola de Artes e Oficios de Vigo, da que el forma parte por méritos propios.

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!