O martes 12 de decembro tivo lugar na nosa hemeroteca, a entrega do exemplar facsímile do Romancero Gitano, asinado por Federico García Lorca, ao Centro Recreativo Artístico Cultural de Coruxo.
Esta obra reúne 18 romances, escritos entre 1924 e 1927, que mesturan o narrativo e o lírico. En vida de García Lorca viron a luz sete edicións en tres editoriais distintas, dúas españolas, Revista de Occidente e Espasa-Calpe, e unha arxentina, Sur. Son innumerables as edicións póstumas. A primeira edición foi publicada en 1928 nas edicións da Revista de Occidente. Era de pequeno formato e chamaba a atención o deseño da cuberta, un debuxo en vermello e negro do propio García Lorca.
Este exemplar da 2ª edición foi descuberto polo estudante universitario Iago Lago mentres revisaba a biblioteca CRAC de Coruxo. El mesmo ocupouse de enviar fotos da dedicatoria e da sinatura á familia de García Lorca, quen confirmou a súa autenticidade. Ante a importancia do achado, os responsables do Centro Cultural decidiron doalo ao Concello de Vigo, a cambio dunha reprodución facsimile que substituíse ao exemplar orixinal.
Despois dun proceso de recuperación a cargo da restauradora Carmen Poyán Rasilla, que realizou estes traballos de maneira desinteresada, este volume pasará a formar parte do fondo histórico da biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), naquel momento a primeira biblioteca pública que tivo a nosa cidade, que con esta incorporación verá incrementado o seu valor histórico e patrimonial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!