luns, 12 de xaneiro de 2026

Inauguración da exposición "Rosa García: relatos do habitado" no Museo de Gravado de Artes [NOVAS NOVAS]

Parabéns á nosa mestra de talla e escultura en madeira que inagurou o pasado sábado a súa exposición no Museo de Gravado de Artes en Ribeira, Rosa García: relatos do habitado.

 

A continuación tedes unha breve reseña da exposición que fai o director do Museo do Gravado, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría:

A artista Rosa García fainos reflexionar, coa súa exposición, sobre o espazo, que se converte en lugar pola mirada humana, por habitalo, deshabitalo e tamén cohabitalo. As tres series da mostra fannos enfrontarnos nun primeiro momento en Impares ás outras formas de habitar un espazo dende as diásporas sociais, o aniñamento que nos protexe, que nos permite habitar o deshabitado, conservar a memoria, enraizarnos. Facer un refuxio da nada, lograr un construto para a pertenza. 

A serie Domus Domina fainos pensar na profunda relación entre a muller e a casa, nun diálogo entre o corpo e o espazo, no que a muller ordena, reescribir o íntimo e procura asentar a intimidade. A casa como icona, do compartir, da espera, da responsabilidade. 

Canto a Bosques e Mareas lévanos á reflexión sobre a memoria, sobre o tempo, sobre a inestabilidade e sobre o espazo convertido en paisaxe que constrúe un territorio e a memoria vai modelando no seu movemento, desacordar e lembrar. As mareas son ese perpetuo movemento, o construír e deconstruír, un lugar de memoria e de esquecemento. 

Gran orixinalidade formal e conceptual a desta exposición de Rosa García, que nos leva dende as imaxes á reflexión profunda, a resituarnos ante o espazo, a pensar nos lugares que habitamos, á memoria e ao refuxio, mais tamén ás veces ao desacougo, á indeterminación e nos abre novas perspectivas de pensamento. 

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría (Director Museo do Gravado).

 

Esta exposición poderá visitarse do 10 de xaneiro ao 10 de marzo de 2025
Lugar: Sala 2 do Museo do Gravado 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!