xoves, 2 de novembro de 2023

Publicados tres novos catálogos dixitais de exposicións no Espazo EMAO

Na sección de EMAO EN LIÑA "Catálogos Exposicións" pódense descargar os catálogos dixitais das exposicións realizadas no noso Espazo EMAO. Por razóns técnicas non foi posible ter ao día a totalidade das mostras que tiveron lugar na nosa sala de exposicións.

Durante os proximos meses iremos subindo ao Blog os catálogos das exposicións que faltan, ata poñernos ao día.

Hoxe queremos anunciarvos a recente publicación dos catálogos de tres desas exposicións pendentes:


Curtidas (Artesanía en Coiro). Xaneiro-marzo de 2019:

A Escola Municipal de Artes e Oficios, cunha longa tradición nas ensinanzas artesáns en Coiro, achega ao público con esta mostra as posibilidades, a estética e a funcionalidade do traballo neste material. Dáse así a coñecer a actividade do obradoiro de Artesanía en Coiro, como vén facendo dende 2013 ao programar cada dous anos unha exposición con tal motivo.
Con Curtidas queremos facer un recoñecemento público a todas aquelas mulleres que ao longo da historia se adicaron ao traballo do coiro nalgunha das súas vertentes: profesional, afeccionada ou artística; unha paixón por unha actividade case sempre compartida coas responsabilidades das súas vidas como nais, traballadoras, mulleres. A historia da nosa Escola serve, neste senso, de mostra: dende finais dos anos corenta a especialidade de Repuxado en Coiro, que pertencía á ponla de Enseñanzas para la Mujer, foi impartida por tres mulleres: Andrea Castro, Mercedes Pérez e Virginia García, que co seu traballo docente sementaron o que hoxe é a artesanía do coiro na nosa contorna
.

Descargar catálogo (versión web*)

É Encaixe. A Expo. Novembro 2019-xaneiro 2020

Quérese con esta exposición monográfica, amosar os traballos de maior calidade realizados dentro do Obradoiro de Deseño e encaixe de palillos da Escola de Artes e Oficios de Vigo na última década. Con esta mostra transmítense as posibilidades e a realidade desta artesanía tendo de base, pero indo máis alá, as técnicas, materiais, usos e estética tradicional, facéndoa dialogar e implicarse nunha lingoaxe contemporánea e vinculándoa ao mundo da creatividade.

Supón tamén unha reflexión práctica sobre a capacidade das mulleres de saírense de patróns tradicionais “femininos” que se asocian a esta artesanía (moda, decoración e fogar) e adoptar con notable excelencia técnica e creatividade propostas e discursos contemporáneos.

O contido da exposición son as obras artesanas e artísticas realizadas por alumnas egresadas da EMAO na última década coa certificación de estudos de Deseño e encaixe de Palillos da EMAO. Realizadas como proxectos de fin de estudos baixo a dirección de Marian Núñez --mestra desta disciplina na EMAO-, utilizando distintos materiais, técnicas, formas, funcionalidades e estéticas tradicionais e contemporáneas.


Descargar Catálogo (versión web*) 

Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO. Xuño-Outubro 2023

Neste ano 2023, Ano de Picasso polo cincuentenario do seu falecemento, estanse a facer multitude de
actividades de toda índole na súa memoria, pola súa pegada. Na EMAO -non iamos ser menos- arredor da súa figura agromaron neste curso os proxectos creativos e retos técnicos que agora se amosan. Trátase, novamente, da coidada exposición de produtos creativos, desenvolvidos coa participación do alumnado a partir dunha iniciativa individual ou colectiva, pero, en todo caso, sempre asumida polo grupo.
Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO representa, pois, o impacto da inspiración que a obra do malagueño universal ten nas diferentes especialidades da EMAO, recollendo os traballos especificamente
realizados polo alumnado e profesorado da escola en conmemoración do 50 aniversario do seu pasamento, uníndose, deste xeito, aos actos e actividades que durante este ano se están a desenvolver por todo o
mundo.

Descargar Catálogo (versión web*)


*Na sección "Catálogos Exposicións", pódense descargar estes catálogos tamén en calidade de impresión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!