xoves, 20 de marzo de 2025

21-3-2025. Proxección do filme "The Bookshop (A Librería)" [BIBLIOTECA]

 
 
Este venres 21 de marzo ás 19:00 dentro da programación semanal os Venres da EMAO, imos proxectar a películade Isabel Coixet "The Bookshop (A Librería)" de 2017, unha coprodución de España, Reino Unido e Alemaña (Diagonal Televisió, A Contracorriente Films, a inglesa Zephyr Films e alemá One Two Films, coa participación de TVE e Movistar +). Protagonizada polos actores Emily Mortimer, Patricia Clarkson e Bill Nighy entre outros. 108' VOS
 
Neste ocasión eliximos de novo unha película baseada nun libro, trátase da novela de Penélope Fitzgerald The Bookshop, A librería, dirixida por Isabel Coixet  inaugurou a SEMINCI de 2017 con boas críticas.
Esta película ambientada en Inglaterra a finais dos anos 50 do século pasado, presenta unha historia aparentemente sinxela, a de Florence Green, unha viuva que decide facer realidade o soño que compartira co seu falecido marido, abrir un librería en Hardborourgh. Pero para a súa sorpresa, esta decisión desatará todo tipo de reaccións entre os habitantes da localidade. 
 
A película é un canto á liberdade de expresión e un ataque directo a todos aqueles exemplos de ignorancia e censura. Na librería, a cineasta regresa a un terreo moi querido, o mundo dos libros, ao que xa se asomou na súa adaptación teatral de "84 Charing Cross Road" que casualmente proxectamos na hemeroteca a finais do curso pasado. 
 
1ª ed. Reino Unido, 1978

O guión de Isabel Coixet recibiu o premio á mellor adaptación literaria de 2017 da Feira do Libro de Frankfurt. Esta longametraxe respira amor pola literatura e os libros.  
Presentouse internacionalmente no marco dunha Berlinale Special Gala da 68.ª edición do Festival Internacional de Cinema de Berlín. Foi nomeada como mellor película de ficción ou animación para os Premios Forqué e recibiu tres nomeamentos para os Premios Feroz: mellor dirección, música orixinal para Alfonso Vilallonga e mellor actor de reparto, para Bill Nighy. Nomeada a 12 Premios Goya, obtivo tres, a mellor película, a mellor dirección e ao mellor guión adaptado, tamén os Premios Gaudí a mellor música orixinal e a mellor dirección artística. “La librería” obtivo tamén cinco Medallas do Círculo de Escritores Cinematográficos a mellor película, mellor directora, mellor actor secundario, mellor guión adaptado, mellor fotografía. 

A película está está dedicada ao escritor e crítico de arte inglés John Berger.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!