mércores, 19 de marzo de 2025

John Berger. Selección bibliográfica [BIBLIOTECA]

 

John Berger (1926-2017) foi pintor, escritor e crítico de arte. Unha das voces máis lucidas, incisivas e inconformistas do panorama intelectual europeo do seu tempo.

Dedicouse desde moi pronto á pintura, formado na Central School of Arts de Londres, comezou a dar clases de debuxo na mesma escola onde Henry Moore impartía clases de escultura. Escribiu artigos sobre arte nas revistas Tribune, baixo a supervisión de George Orwell, e New Statment. Pronto cambiou o seu rexistro pola novela, o ensaio, a poesía, o teatro e o guión cinematográfico e televisivo.

O seu traballo abarca desde ensaios sobre fotografía, ata a explotación de traballadores emigrantes e a loita para o establecemento dun Estado palestino. Foi un dos novelistas e ensaístas máis relevantes do mundo anglosaxón e evidenciou o seu compromiso coa escritura como medio de loita política.

Autor prolífico, entre as súas obras cabe destacar G., gañadora do prestixioso Booker Prize en 1972. Entre os seus ensaios destaca Modos de ver, libro de referencia para toda unha xeración de historiadores da arte, unha introdución á crítica de arte que estivo acompañada por unha serie de televisión da BBC, serie que gañou o premio Bafta, da Academia Británica de Cinema e Televisión, considerada como un dos programas de arte máis influentes que se produciron.
 
En abril de 2009 no Centre d'Arts Santa Mónica de Barcelona e en abril de 2010, na Casa Encendida de Madrid, a cineasta española Isabel Coixet presentou unha exposición monográfica dedicada a Berger co título "From I to J. Unha homenaxe de Isabel Coixet a John Berger"

Aquí tedes os títulos que podedes consultar na biblioteca.
 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!