xoves, 7 de maio de 2026

Saída Cultural á Coruña [OUTRAS NOVAS]

Fundación Barrié A Coruña
 
Este pasado martes 5 de maio, as especialidades de Ourivaría e Serigrafía da nosa Escola, organizaron unha saída cultural a cidade da Coruña, na que visitamos a exposición Lalique. La belleza en el art nouveau y en el art déco, na Fundación Barrié.

Esta é a meirande exposición organizada ata a data en España sobre a obra de René Lalique (Ai, 1860-París,1945), mestre do art nouveau e o art déco, quen redefiniu a relación entre arte, deseño e industria e marcou un antes e un despois na historia do deseño europeo do cambio de século.

Con preto de 300 pezas, principalmente xoias e obras en vidro, xunto con debuxos e outros obxectos como espellos ou téxtiles, a exposición explora o talento polifacético de René Lalique a través dun percorrido pola súa fascinante traxectoria, con especial atención a súa faceta de xoieiro. As súas creacións amosan a súa capacidade innovadora e o xeito en que renovou a arte da xoiaría.
 
 
Fundación CIEC (Betanzos)
 
Pola tarde e para rematar a xornada visitamos a Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea, unha institución sen ánimo de lucro constituída en Betanzos (A Coruña) en 1997. O seu obxecto principal é a promoción e difusión da arte gráfica.

A Colección da Fundación CIEC ofrece unha ampia visión da gráfica contemporánea, dende as linguaxes máis realistas á abstracción, variantes que se acentúan pola diversidade de técnicas na consecución dunha estampa.

Nela atópanse representadas/os grandes mestras/es que ceden relevo a artistas consolidadas/os e a novas/os creadoras/es formados nos talleres do centro ou nas facultades e escolas de arte de todo o mundo. Barjola, Canogar, David de Almeida, Genovés, Jordanov, Gabriella Locci, Antonio Lorenzo, Maruja Mallo, Picasso ou Saura son só un exemplo das súas máis de 3000 obras.

Tamén queremos dar as grazas a Tonecho da Fundación Barrié e a María da Fundación CIEC polo seu tempo e por compartir connosco a súa experiencia e os seus coñecementos. Non me equivoco se afirmo que foi unha xornada moi enriquecedora para todas e todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!