venres, 2 de maio de 2025

Convocatoria do nivel avanzado da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Curso 2025-2026 [ADMINISTRACIÓN]

Escolma dos proxectos presentados para o Curso Avanzado 2024-25
 

A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo vén de facer pública a Convocatoria de acceso ao Nivel Avanzado para o curso 2025-26.

Aquí podes descargar a convocatoria completa 

Terá dereito o alumno/a que remate coa cualificación de apto/a o Nivel Superior ou Perfeccionamento II da especialidade na que estea matriculado/a, e cumpra coas condicións que se recollen nas Bases. Coa vindeira Convocatoria xeral do curso 2025-26 incluirase a posibilidade de presentación de proxectos para o nivel Avanzado de persoas interesadas externas á EMAO que cumpran os requisitos que nesa convocatoria se inclúan.

O Nivel Avanzado consiste no desenvolvemento dun Proxecto de Fin de Estudos previamente presentado e seleccionado conforme ás normas e aos criterios que se explicitan nestas Bases. Este nivel ten carácter presencial, en sesións semanais de dúas horas/catro horas de duración durante o curso académico. A asistencia será obrigatoria para os /as seleccionados/as, cun máximo de faltas de asistencia xustificadas do 25% do total do crédito horario. 

Ao remate do curso académico, unha vez avaliado e cualificado como Apto/Non apto o proxecto desenvolvido, conforme ao Plan de Estudos da EMAO 2015 (PEMAO2015), certificaranse 70/100 horas correspondentes á superación do nivel AVANZADO.

Para acceder a este nivel o/a interesado/a deberá presentar, nos prazos que se indican na presente convocatoria, un proxecto persoal directamente relacionado coa especialidade cursada. Esta proposta será informada inicialmente polo/a mestre/a titular da mesma tendo en conta as especificidades recollidas no apartado correspondente desta convocatoria.
 
Este proxecto poderá orientarse nalgunha das catro liñas seguintes:
  • Investigación
  • Produción
  • Creación
  • Ampliación de coñecementos. 

O/a alumno/a admitido/a deberá asistir, no horario establecido para o nivel Avanzado en cada especialidade, aos talleres da EMAO, para poder ser asesorado/a e dirixido/a no desenvolvemento do proxecto, en modalidade de titoría, polo/a docente da especialidade. Isto sen prexuízo de que para o correcto desenvolvemento do proxecto, este necesite realizarse a maiores fóra das instalacións da Escola. 

A selección do proxecto de fin de estudos implica a matrícula na EMAO no nivel AVANZADO da súa especialidade.

Unha comisión formada pola xefatura do Servizo municipal de Educación (ou técnico/a en quen delegue), xefe de estudos, o/a profesor/a da especialidade e un profesor/a elixido por cada un dos departamentos, seleccionará, de xeito libre e motivado -previo o informe escrito do profesor/a da especialidade-, aqueles proxectos que considere de interese.
A EMAO publicará, no Taboleiro e na web, o listado do alumnado seleccionado para o Nivel Avanzado, facendo constar as iniciais do nome e apelidos do/ alumno/a, especialidade e denominación do proxecto.

Prazos 
  • Do 5 de maio ao 13 de xuño de 2025, presentación de proxectos por parte do alumnado.
  • Do 16 ao 20 de xuño de 2025, informe dos proxectos por parte do profesorado e presentación da ficha docente normalizada de cada proxecto seleccionado á Comisión citada.
  • Do 23 ao 27 de xuño de 2025: estudo e selección de proxectos pola Comisión de valoración.
  • 1 de xullo de 2025: exposición pública (taboleiro e internet) do listado de alumnado e proxectos seleccionados.

luns, 28 de abril de 2025

A visita do Equipo EMAO ao Museo de Pontevedra [OUTRAS NOVAS]

 

Parte do Equipo EMAO diante do cadro de Darìo A. Basso *

O pasado martes 22 de maio unha nutrida representación do persoal da Escola de Artes e Oficios fixo unha saída a cidade de Pontevedra. Esta visita encádrase na celebración do Ano Castelao con motivo do 75.º aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que é o obxecto da próxima exposición temática no Espazo EMAO.

O artista, escritor, intelectual e político galeguista está intimamente ligado ao Museo de Pontevedra. Castelao foi un dos seus patróns fundadores e nel custódiase unha parte fundamental do seu traballo artístico, con ao redor de 1.800 pezas, unha selección das cales se expón en dúas salas no edificio que leva o seu nome.

Estas visitas inscríbense dentro do programa formativo e de relacións interinstitucionais para o profesorado e persoal da Escola. Aquí tedes algunhas fotos deste día tan extraordinario.  

Fotos da presentación do libro "La ambición de las sombras " una historia de Danny del Toro ilustrada por Raúl Maya [VENRES EMAO]

 

Resumo en fotos das outras actividades da semana do 21 ao 25 abril [OUTRAS NOVAS]

 24-4-2025. Presentación da novela histórica "La bailarina guerrera" de Cristina F. Barcala



 

 22-4-2025. Conferencia "O retorno de Drake (1589)" por Juan Eloy Gelabert [FORUM IEV]


xoves, 24 de abril de 2025

25-4-2025. Venres da EMAO presenta "La ambición de las sombras " una historia de Danny del Toro ilustrada por Raúl Maya [DEBUXO]


 

"La ambición de las sombras". Unha historia de Danny del Toro ilustrada por Raúl Maya

Neste venres presentamos o libro "La ambición de las sombras". O seu autor, Danny del Toro, é un home polifacético, músico harmonicista, actor e escritor. Visitaranos acompañado dun coñecido da EMAO, Raúl Maya. Este exalumno de Debuxo actualmente traballa como ilustrador. "La ambición de las sombras" é o seu segundo libro ilustrado.


Presentado por Federico Fernández (mestre de Debuxo artístico da EMAO)
Data: 25 de abril de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

mércores, 23 de abril de 2025

24-4-2025. Presentación da novela histórica "La bailarina guerrera" de Cristina F. Barcala [OUTRAS NOVAS]

Xoves 24 de abril ás 19:00 horas

Día do Libro 2025 [BIBLIOTECA]

 

O Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor celébrase cada 23 de abril. A razón é que foi o 23 de abril de 1616 cando faleceron Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Tamén nun 23 de abril naceron –ou morreron– outros escritores eminentes como Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo. Por este motivo, esta data tan simbólica para a literatura universal foi a escollida pola Conferencia Xeral da UNESCO, en 1995, como unha forma de fomentar a lectura, recoñecer a figura do autor e procurar o fortalecemento da industria editorial de cada país.

O cartel foi deseñado por Pep Montserrat, Premio Nacional de Ilustración 2024. A obra inspirouse nunha frase do actual Premio Cervantes, Álvaro Pombo: “Ler é comprender. O acto de ler é entendemento. Ler e comprender é vivir”.

Fonte: Web Ministerio de Cultura

luns, 14 de abril de 2025

Fotos da conferencia de Lola Logaro presentado "LRG Estudio Logaro. Innovación téxtil e encaixe de palillos" [VENRES EMAO]

Resumo en fotos das outras actividades da semana do 7 ao 11 abril [OUTRAS NOVAS]

10-4-2025. "Ahí ven o maio" Concerto tributo "50 Aniversario" a Luis Emilio Batallán por Manolo A. Vilches e Xosé Liz


9-4-2025. Presentación do libro "Somos o que imaxinamos" de Alberto González-Garcés [ATENEO ATLÁNTICO] 

 

8-4-2025. Presentación da Revista Galega de Educación [ATENEO ATLÁNTICO]

 


7-4-2025. Presentación do libro "Todo es verdad porque nadie mira" de Estela Gómez
 


xoves, 10 de abril de 2025

11-4-2025. Venres da EMAO presenta "LRG Estudio Logaro. Innovación téxtil e encaixe de palillos" [DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS]

 

"LGR Estudio Logaro. Innovación téxtil e encaixe de palillos"

Lola Logaro, con máis de 30 anos de experiencia na artesanía téxtil enfocada en técnicas tradicionais como a calceta, o ganchillo e o tecido con pinza, pero sempre coa capacidade de innovar e explorar novas formas de expresión no seu traballo a través das fibras. No ano 2023, finalista dos premios artesanía de Galicia, onde relaciona o seu traballo de calceta coa técnica do encaixe de palillos.
 
Presentado por Marian Núñez (mestra de Deseño e encaixe de palillos da EMAO).
Data: 11 de abril de 2025
Hora: 17.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

Entrada libre ata completar aforo.

mércores, 9 de abril de 2025

Presentación da revista "La Gaceta de la Lezna" [ARTESANÍA EN COIRO]

Impulsada polo noso mestre da especialidade de Artesanía en Coiro, Pepe Pereira, presentouse o día 5 de abril de 2025, no Museo Provincial de Pontevedra, a revista especializada nesta artesanía "La Gaceta de la Lezna". Con este motivo enlazamos en EMAO EN LIÑA o texto completo de presentación deste acto:

Pódese descargar o documento completo aquí

RESUME DA PRESENTACIÓN:

Boa tarde a todos e todas. É unha honra darvos a benvida ao Museo de Pontevedra para presentar o número cero de *La Gaceta de la Lezna*, revista especializada na artesanía en coiro. Este acto é, ademais, unha homenaxe a un oficio que forma parte da nosa identidade cultural.

Queremos aproveitar esta ocasión para reflexionar sobre a diferenza entre unha artesanía trivial, convertida en produto de consumo, e a que se fundamenta na tradición, evolúe e dialoga co presente, podendo mesmo acadar categoría artística.

O coiro leva séculos acompañándonos. O 25 de outubro, día de San Crispín e San Crispiniano, recorda a importancia histórica deste oficio. Durante xeracións, artesáns anónimos transformaron este material en pezas útiles e fermosas. É hora de poñer nome e voz a eses creadores e tamén aos mestres actuais que manteñen vivo o oficio sen apenas visibilidade en redes nin mercados masivos.

Pepe Pereira leva anos reivindicando este legado dende a EMAO. En colaboración con artesáns de gran prestixio —como José Villar, Nelson Gómez Callejas ou Michael Nadeau— ofreceu ao seu alumnado contacto directo co saber vivo. Villar, por exemplo, combina técnicas tradicionais e innovación, desenvolvendo mesmo ferramentas propias. É un exemplo do equilibrio entre raíces e vangarda.

Hai tamén iniciativas solidarias, como a “Iniciativa Verde Cuero” durante a pandemia, que demostran que a artesanía pode conectar co presente desde os seus valores.

A EMAO xoga un papel esencial na transmisión deste saber. A especialidade de Artesanía en Coiro, renovada en 2010, ofrece formación ampla e rigorosa. Desde 2013, a escola organiza exposicións monográficas que amosan pezas únicas de mestres convidados e do seu propio alumnado, unindo tradición e contemporaneidade.

A participación nas X Xornadas dos Oficios do Coiro de Allariz foi un recoñecemento ao traballo constante do noso taller. A exposición alí presentada, con trece pezas de antigos alumnos e alumnas, resumía trece anos de creación, cunha miscelánea de técnicas tradicionais e experimentais.

Todo isto lévanos a afirmar que a artesanía do coiro é patrimonio cultural vivo. Non é só un legado do pasado, senón un saber-facer en evolución. Como tal, require recoñecemento, apoio e continuidade.

Aquí entra *La Gaceta de la Lezna*: unha revista que nace como altofalante para os e as protagonistas do oficio. Entrevistas, reportaxes, reflexións... todo cabe nesta publicación feita con amor e respecto ao coiro. A elección do nome “Lezna” —ferramenta que une— simboliza a súa vocación de conectar tradición, innovación e comunidade.

Esta revista non é só para especialistas. É para quen valora o feito a man, o traballo coas mans e coa alma. Para quen entende que na artesanía hai humanidade, memoria e futuro.

Grazas á EMAO, ao Concello de Vigo, ao Museo de Pontevedra, a Pepe Pereira, a Rebeca Amoedo e a todas as persoas que fixeron posible este proxecto. Que *La Gaceta de la Lezna* sexa un faro e un fío condutor para toda a comunidade artesá.

Parabéns, e que viva a artesanía en coiro!