martes, 29 de setembro de 2020

PRESENTACIÓN DA AULA DE TALLA E ESCULTURA NA MADEIRA [TALLA E ESCULTURA NA MADEIRA]

A TALLA E A ESCULTURA NA MADEIRA NA EMAO

Alumno traballando no proceso de realización dun relevo

Dende principios do  s. XX ata hoxe a escultura como disciplina artística deixou atrás o seu carácter clásico en referencia á estatua ou o monumento para adoitar unha actitude de liberdade na forma  tridimensional e no uso  e elección dos materiais, abríndose a novas linguaxes cos que expresarse e construir un discurso artístico que conecte e comunique no contexto actual.

Dende que Marcel  Duchamp en 1913 decidiu que unha roda de bicicleta podía ser un obxecto artístico, toda unha revolución transformou a linguaxe escultórica. A partir dese momento a idea como concepto creativo transcende á forma, liberando á escultura do canon. Comézanse a xerar sinerxias novas entre disciplinas artísticas, a través das cales o volume e a ocupación do espazo baleiro trabállanse dende unha perspectiva global e libre dentro dunha linguaxe híbrida. É por iso que podemos dicir que a escultura é a disciplina artística que evolucionou dun éxito mais notablemente nas últimas décadas.


Pepe traballando na realización dunha escultura 

Dende a aula de escultura e talla pretendemos que o alumno/a adquira as competencias necesarias en canto ao coñecemento da técnica , as ferramentas a utilizar e a elección dos materiais  para garantir  a capacidade de concibir e producir cada proposta expresiva a partir do desenvolvemento persoal e do proceso creativo, a través do aprendizaxe dos diferentes procesos escultóricos; para o que  trataremos de desenvolver actitudes que enriquezan a súa percepción da forma  tridimensional así como aquelas habilidades e recursos técnicos que conduzan a resultados adecuados, tendo en conta o contexto educativo e as características do alumnado.

Alumnos/as traballando na aula no modelado dunha figura

Para que todos estes recursos sexan posibles centramos a nosa área de traballo na procura do equilibrio entre os contidos teóricos e os prácticos; o alumno/a debe coñecer o manexo das ferramentas e o proceso do traballo na madeira, a talla como parte esencial na  estrutura metodolóxica da aula, pero tamén os procedementos escultóricos básicos utilizados na escultura contemporánea, os materiais e as súas calidades expresivas, que permitan o diálogo entre distintas técnicas, de maneira que adquiran ferramentas que  faciliten o desenvolvemento do proceso creativo que lle axudarán a ir conformando o seu propio estilo. Este proceso creativo debe ser desenvolto en proxectos persoais ou en grupo, realistas coas posibilidades de execución, dende unha posición crítica co noso traballo que debe contemplar un longo percorrido que nos leva dende a xénese ata a materialización da idea, polo que é necesario que os alumnos/as rexistren todo o seu proceso de traballo nun  portafolio ou caderno de artista que conteña todo esa información.


Traballo realizado en distintos materiais a partir dunha proposta escultórica
 na aula realizado por Gerardo

O curso ten un perfil teórico-práctico xa que propón un método de traballo tanto conceptual como experimental. Esta relación é moi estreita; a cada tema corresponden unha serie de propostas prácticas. Apoiarase a parte teórica con recursos webs, visitas a exposicións ou talleres de artistas. As prácticas na aula-taller posibilitan o coñecemento de materiais, procedementos e técnicas como aplicación aos recursos e intereses específicos do traballo do alumno.

O sistema de avaliación  será continua ou valoración progresiva do traballo realizado polo alumno/a, a asistencia á aula será fundamental, a participación nas postas en común, a actitude  participativa e construtiva, o interese, compromiso,  e o nivel de autocrítica con propostas propias.

Escultura realizada por unha alumna Marga Arguelles na nosa aula

Para que todo isto quede reflexado o alumno deberá elaborar un  portafolio ou caderno de artista no que recoller todo o seu traballo: ideas, bosquexos, reflexións, contidos sobre os temas traballados no curso e conclusións. A través desta ferramenta  se valorarán os obxectivos conseguidos e a capacidade de construír narracións nas que se desenvolvan os temas a investigar e a capacidade de traballo en e para o grupo nas construcións de coñecemento.

Rosa García 

Mestra de Talla e Escultura na madeira na EMAO 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!