xoves, 17 de setembro de 2020

A Imprenta e o Libro no Século XVII [BIBLIOTECA]


O século XVII é coñecido como o século do Barroco, das monarquías absolutas e da Igrexa da Contrarreforma, do esplendor das literaturas nacionais e do desenvolvemento doutros campos de coñecemento como a física, a astronomía e as matemáticas. Estivo fortemente marcado por grandes crises e transformacións que o converteron nunha época de retroceso en Europa, xa que a evolución global da economía e a poboación foron negativas e a produción agraria padeceu sucesivas crises. Isto causou unha serie de grandes fames negras que deron pé á aparición de epidemias e pestes. Tamén foi un século de guerras de relixión, especialmente  a dos Trinta Anos, que dividiu Europa en católicos e protestantes.

Esta situación tivo o seu reflexo no mundo do libro. Todos estes acontecementos políticos, relixiosos, económicos e culturais foron causantes da crise editorial e dos cambios no aspecto formal e temático do libros que se poden resumir en:
  • A escasa brillantez dos produtos bibliográficos de inferior calidade respecto do século XVI, impresos de forma descoidada, con abundantes erratas, papel de inferior calidade, malas tintas e tipos gastados. Podemos exceptuar destas características a edición de libros de gran formato, con bo papel, con portadas arquitectónicas, sobre todo para as cartografías e obras de luxo que narran visitas de príncipes a cidades ou fastos como vodas, funerais, procesións, etc. encargados polos nobres, a Igrexa ou os reis que se salvan da mala calidade xeral.
  • A ilustración e ornamentación barroca ocupan as portadad do século XVII con profusión de frontispicios, letras iniciais, cabeceiras, remates, escudos nobiliarios, emblemas, alegorías e retratos. Durante este século prodúcese a eclosión do gravado en cobre.
  • Unha portada profusa, que incluía títulos longos, nome do autor, marca da imprenta e frases laudatorias, o que a convertía nun cartel explicativo. Entre os elementos finais figuraban o índice, o sumario e o colofón.
  • En canto á encadernación desta época, atopámonos con moitos volumes encadernados en pel francesa jaspeados imitando á cuncha da tartaruga ou coloreados con carburo de ferro e sen máis decoración que a do lombo. Moi sobria é tamén a inglesa en badana, sen gardas no interior. En España atopámonos a típica encadernación en pergamiño co título rotulado no lombo.
  •  A decadencia do negocio das edicións dos clásicos, dos Pais da Iglesia, tamén da Biblia e dos libros de rezos, escritas en latín ou en grego. Aínda así os libros sobre temas relixiosos constitúen as tres cuartas da produción total.
  •  Esplendor das literaturas nacionais, en linguas vernáculas, e o interese por temas novos como a vida noutros países, as cartas de navegación e os mapas, as primeiras publicacións periódicas, revistas científicas e os denominados folletos o "relacións de sucesos" de carácter informativo ou polémico.
  • E, finalmente a visión do libro como transmisor de ideas perigrosas,  os gobernos impuxeron unha ríxida censura ademais de altos impostos, tanto á produción como ás importacións. En moitos países, como España e Inglaterra, continuaron existindo monopolios para a edición de libros.

Este século foi en toda Europa un período de decadencia da imprenta. A crise editorial tivo motivos económicos moi visibles na falta de papel, a lentitude na produción, o aumento de impostos, a falta de persoal cualificado e de recursos dos editores. Estes deixaron de ser humanistas e convertéronse en comerciantes máis ou menos honestos.
 

 
Só en Flandes e en Holanda hai talleres de calidade indiscutible entre os que destaca a casa Elsevier, fundada a finais do século XVI por Luís Elzeviro, cunha numerosa produción de gran éxito comercial continuada polos seus fillos e herdeiros. Foron, en xeral, máis comerciantes que editores eruditos e a súa preocupación non foi a calidade do texto nin a corrección das probas. Publicaron máis de 2000 obras, a maioría de relixión e teoloxía, aínda que tamén incluían no seu catálogo obras de dereito, política, aos clásicos e obras de pensamento. O que máis fama deulles foron, sen dúbida, as coleccións de pequeno formato de clásicos latinos e descricións de países, dedicados a persoas amantes da lectura pero non estudosas, que demandaban libros fáciles de manexar e de prezo alcanzable.
 
 
 
O panorama impresor complétase cos continuadores da imprenta Plantiniana, agora co apelido Moretus, e que seguen sendo alicerces da Contrarreforma. Dedican especial atención á impresión de libros con numerosos gravados calcográficos para o que solicitan a colaboración de importantes artistas. Entre eles destaca Pedro Pablo Rubens que realizou o deseño de numerosos gravados interiores e portadas cunha forte personalidade e cun estilo moi imitado.
No resto de Europa languidece o negocio impresor debido a numerosas causas que xa fomos sinalando: as ríxidas trabas dos gobernantes en forma de impostos, leis restritivas e censuras derivadas das loitas relixiosas e políticas que vían no libro un instrumento perigoso. Diminúen os libros en latín e os clásicos e espértase o interese por obras informativas e polo coñecemento das novidades o que trae consigo, por unha banda, a aparición das primeiras publicacións periódicas científicas, e por outro, o nacemento da idea de Biblioteca como servizo público ou quizais, mellor expresado, como servizo "político".
Na arte da imprenta Francia segue mantendo un posto privilexiado neste século sendo o impresor máis importante Sebastian Cramoisy, primeiro director da Imprimierie Royale fundada en 1640.
En Italia continuan traballando, cun notable descenso da calidade, os centros bibliográficos tradicionais que, en calquera caso, tamén se suman ás correntes de difusión científica da época.
En Inglaterra só algunhas obras salvan a súa imprenta da mediocridade, destacando polas súas novidades tipográficas a Biblia Sacra Polyglotta, editada por Brian Walton en 1657. 

A imprenta e o libro en España no século XVII
 
A gran cultura española da Contrarreforma utilizou libros de baixa calidade, caracterizados en xeral pola mala presentación dos mesmos, a mediocre calidade de tintas e papeis, a abundancia de erratas, a mala impresión debida ao desgaste dos caracteres e a súa escasa orixinalidade que contrastan co gran interese de contido que presenta a produción bibliográfica literaria española do Século de Ouro. 
É o século de Cervantes, de Calderón, de Góngora, de Quevedo, de Gracián, o de Lope de Vega. No ano 1605 o impresor Juan de la Cuesta publica en Madrid a novela de Miguel de Cervantes, Don Quijote de la Mancha.  
 
 
O xénero teatral excede o literario para entrar de cheo no sociolóxico. Lope de Vega, de quen conservamos dúas primeiras edicións a Ierusalen conquistada (En Madrid : na imprenta de Iuan de la Cuesta, 1609 e Laurel de Apolo (En Madrid : por Iuan Gonçalez, 1630) reinventa o xénero dotándoo dun carácter poético inimitable e inigualable.
 

 
É tamén o século no que a atonía tradicional do panorama científico español empeza a romper cunha produción bibliográfica propia na que teñen cabida desde a arte militar ata a historia natural.
 
 
As imprentas estiveron moi localizadas, sobre todo en Madrid: Juan de la Cuesta, ao que xa nomeamos, Alonso Martín, Juan González, Andrés García de la Iglesia, Juan García Infanzón, Francisco de los Santos, destaca tamén o labor de Luís Sánchez, impresor humanista, cunha coidada e copiosa produción. Pola contra outras cidades castelás, como Alcalá de Henares, Medina del Campo, Valladolid, Toledo ou Burgos, moi activas no século XVI, non manteñen o mesmo nivel da etapa anterior.
En Barcelona permaneceron activos durante a centuria uns sesenta talleres entre os que destacan os de Margarit, Matevad, Lacavallería, e Sebastián Cormellas. En Zaragoza desenvolveron unha interesante produción os Lanja, xunto coa familia Dormer. En Valencia destaca Pedro Patricio Mey e en Mallorca, os herdeiros de Gabriel Guasp. Artus Tabernel en Salamanca, Pedro Rodríguez en Toledo, Francisco de Lyra en Sevilla, Juan Nogués en Huesca, son os nomes dalgúns impresores que traballaron nesta centuria na que a función do impresor enriquécese, aínda máis, converténdose no factor esencial da fabricación do libro no seu sentido amplo: editor, mercador, patrocinador, libreiro, distribuidor, etc.
 
A Prensa no Século XVII 
 
Xa coa aparición da imprenta empezan a circular informes escritos sobre avisos, noticias e acontecementos, destinados a persoas de alta relevancia social. A finais do século XVI xorden, con motivo das Feiras de Francfort, os primeiros repertorios de noticias de aparición periódica, os “Messrelationem” (1588-1598) publicábanse semestralmente e conteñen noticias sobre acontecementos políticos e militares. Outros antecedentes máis próximos dos nosos xornais son "Avisa" ou “Relationem” de publicación semanal e escritos en alemán que posteriormente se expanderien polo resto de Europa tomando outros nomes como “ Gazette” ou “ Corantos” en Italia, “ Nouvelle” en Francia. Recollían noticias de toda Europa e ían acompañadas dalgún mapa ou gravado. Estas publicacións pronto foron aproveitadas polos gobernos para que publicasen noticias no seu beneficio.
 

Parece ser que a publicación periódica máis antiga publicouse en Estrasburgo, no seu Concello consérvase unha solicitude de Johann Carolus datada en 1605, presentada tras a publicación da 12ª edición do xornal semanal. Os exemplares máis antigos que se conservan do xornal datan do ano 1609. Johann Carolus (1575-1634) foi o editor de "Relation aller Fürnemmen und gedenckwürdigen Historien" (Colección de todas as noticias distinguidas e conmemorables).
 
 

No século XVII tamén aparecen as revistas eruditas, debido á necesidade de informar sobre os avances científicos e técnicos. En 1665 nace Le Journal des Sçavans en Francia, cuxa finalidade era orientar a vida intelectual do país informando sobre as novidades literarias e científicas. Publicacións que paulatinamente se estenden a outros países.
 
Como no resto dos países europeos, os inicios da prensa en España están no noticierismo manuscrito e relacións que aparecen en distintas cidades coa imprenta e que falaban sobre a Reconquista, o descubrimento de América, actos relixiosos e profanos, etc. 
 
 
En España este fenómeno concrétase na creación, en febreiro de 1661, da Relación ou Gaceta dalgúns casos particulares, así políticos como militares, sucedidos na maior parte do mundo ata fin de 1660, converténdose no primeiro xornal de información xeral que xorde en España.
En 1697, a Gazeta de Madrid convértese no primeiro xornal semanal español. Tiña dúas seccións: unha internacional e outra con información nacional que incluía noticias da Corte, o Rey, os nomeamentos, etc. Moitas cidades españolas editarían as súas propias gacetas a imitación da madrileña: Sevilla, Zaragoza, Valencia, etc.

Como conclusión sinalar que tras o esplendor do século anterior, o século XVII foi de decadencia en canto ao mundo do libro. Con todo, neste século sucedéronse feitos tan importantes como o nacemento das publicacións periódicas, a apertura das bibliotecas e do libro á comunidade e a aparición da figura do bibliotecario profesional. Estes aspectos terán o seu desenvolvemento definitivo coa ilustración, que supoñerá, ademais, a recuperación da calidade da industria editorial.

A Imprenta e o Libro no Século XVI

Fontes:
La historia del Libro a través de las colecciones de la Universidad Complutense
El libro antiguo /José Luis Checa Cremades.-- Madrid: Acento Editorial, cop., 1999

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!