A pasada semana visitamos o MARCO e desfrutamos da expo "4 Proxectos" na que Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador Cidrás, Juan Cidrás e Mar Vicente fixeron diferentes propostas concibidas específicamente para cada un dos espazos da pranta baixa. No primeiro andar visitamos a expo de Din Matamoro " A mirada acesa" centrada no estudo da cor, a percepción, os seus mecanismos e emocións. Tivemos a sorte de atoparnos con Diego de Giráldez e o propio Din, que foron tan amables de pararse a falar un intre connosco.
Para a súa primeira exposición no MARCO, Din Matamoro (Vigo, 1958) toma como punto de partida unha célebre premisa de Kandinsky: “O branco é un silencio profundo, absoluto, cheo de posibilidades”. Esta mostra reúne unha selección da súa obra dos últimos anos, centrada no estudo da cor, acompañada doutras pezas de épocas anteriores que, como todo o traballo deste artista, implica un ensaio sobre a percepción, os seus mecanismos e emocións.
Din Matamoro pinta cadros en aparencia monocromos e faino lentamente, aplicando con coidado sucesivas capas de materia. Se cadra por iso, os percibimos densos pero nunca estáticos. Quen se detén ante eles, quen os observa con curiosidade, quen lles dedica tempo, sente como asoman formas e cores, agochadas tras a última capa, tras a pel da pintura. Os cadros desvelan o que sucede dentro, a pintura como materia viva, lento misterio, espazo interior de rumores. O ollo que interroga, a pintura que seduce e dialoga.
Din Matamoro vive entre imaxes: as que debuxa con inusual voracidade, as que atopa nos obxectos cotiáns, as que constrúe, as que escribe, as que pinta. Non hai descanso nin tempo de azar, todo é un proceso, un preparar o momento, con ollo atento, sagaz, xeneroso. Mente e taller a enfervecer sempre, pero unha certeza firme –insubornable– do destino elixido, da actitude, do rigor, do pulso. Di dubidar de todo o que rodea a pintura, de como se percibe, pero sabe sempre que a luz está no interior do cadro e remata por se amosar.
Os cadros de Din Matamoro, só en aparencia nus, teñen o seu lugar nunha pintura atemporal e contemporánea, que marcou épocas e novos modos de mirala, de entendela. Pintura de tacto, de equilibrio, pero tamén de aparición, de desvelamento; pintura para pasear por ela, para conversar. Pintura viva.
Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!