luns, 19 de xullo de 2021

Entrevista a Luis Rioja, da Escola Superior de Arte e Deseño de Burgos [Coiro]

Con motivo do 25 aniversario do Museo do Coiro de Allariz o pasado 2020 había unha morea de actividades programadas para o ano e especialmente para as Xornadas dos Oficios do Coiro, pero chegou o Covid e todo se estragou.

Luis diante de algunha das súas obras.

O pasado 26 de Xuño e no contexto da "Xornada do Coiro" para tentar retomar un pouco a normalidade se realizaron diversas actividades coma un roteiro polas curtidoiras de Allariz, a presentación dun libro sobre o curtido en Galicia (A Industria Galega dos Curtumes, Claudio Otero Eiriz).  Para celebrar esta Xornada se inaugurou a exposición "En cueros" de Luis Rioja que podedes visitar no Museo do Coiro ata o 26 de setembro. Con tal motivo Luis responde ao noso cuestionario; Luis leva case 30 anos ensinando a traballar o coiro na Escola Superior de Arte e Deseño de Burgos.

- Canto tempo levas traballado o coiro? 
- De maneira profesional uns 32 anos, máis ou menos. 

- Como empezaches no coiro? -
Son da xeración de Félix Rodríguez de la Fuente, empecei sendo crío, facendo caperuchas, luvas de cetreiro, reclamos, trelas. A pel compráballa a Sabino, un curtidor (conservado en viño) procedente de Villarramiel. Máis tarde facendo sandalias aos amigos e amigas para sacarme uns diñeiriños. Aos 19 anos decidín formarme nas técnicas e manexo do coiro, coa intención de dedicarme profesionalmente e montar un taller. Pasei pola escola de Arte de Burgos e pola Escola de arte “A Palma” de Madrid. En Madrid realicei diferentes cursos de marroquinería e realicei as miñas primeiras vendas na Praza de Santa Ana e no Rastro.

- Que ten o coiro que non teña outro material?
- Desde o punto de vista artístico considero que a textura é a maior diferencia respecto a outros materiais. A textura do poro e o tacto, achegan sensualidade e calidez. Como material, a versatilidade. 

- Entre as diferentes técnicas que coñeces, cal é a túa favorita? 
- Dentro das técnicas artísticas, co modelado e repuxado síntome moi cómodo traballando e son as que máis utilizo. Non teño ningunha técnica favorita, dependendo do proxecto, utilizo unha ou outra ou varias. Nos comezos, a técnica de repuxado foi a miña favorita, xa que supoñía un reto poder conseguir con esta técnica algúns resultados parecidos obtidos con outros materiais como a madeira, o barro ou a escaiola.

- Que peza tes ganas de facer e aínda non fixeches?
- Nestes momentos non sabería que dicir, aínda que máis que unha peza en concreto, o que teño ganas é de seguir explorando as posibilidades plásticas das técnicas en xeral. Seguir cuestionando o seu uso e aplicación. Unha peza que tiña ganas de facer e que se pode ver na exposición é o home sentado. É unha peza de vulto redondo que supoñía un reto desde a súa concepción ata o resultado final.

- Que consello daríaslle/daríanlle a alguén que está a empezar no traballo do coiro? 
- Que se formen todo o posible no coñecemento do material, técnicas e procesos. Que se formen de maneira multidisciplinar, no coñecemento do debuxo, o modelado, ferramentas dixitais, a arte, que vexan exposicións de pintura, escultura, gravado, fotografía….. Que observe e empápese do que fan outros, que sexan inquiet@s. Unha vez feito o seu percorrido que se cuestionen o que fan. 

- Tes algunha ferramenta única ou especial? 
- Non, todas son especiais, as que comprei cando empecei este oficio que aínda as conservo, as ferramentas que fun facendo, algunha comprada no rastro e unhas curta tiras da marca Robledo.

- Tes algún artesán do coiro que consideres inspirador?
- Martínez Escó. Coñecín hai anos o seu traballo en revístaa arte e oficio, e funme a Barcelona a coñecer o seu traballo e a el persoalmente. A técnica dos tapices impresionante, como explora o contraste utilizando como recurso os nós, a costura, o uso da cor. A serie cavas reafirmoume nas posibilidades que tiña o coiro como material plástico dentro da expresión artística.
Bernardo Sappia. Impresionantes os tapices e inspirador o uso do po de coiro como recurso. 
Nelson Gómez Callejas. Inspiradora a súa maneira de utilizar a superficie do coiro coma se fose papel. Inspirador o recurso gráfico do bolígrafo e as tintas sobre a pel.
Rex Lingwood. Foi inspirador descubrir o seu escultórico que me reafirmou no traballo que eu estaba a facer, explorar a posibilidades do coiro dentro da escultura.
Farid Belkahia. Inspirador o feito de que un artista utilice o coiro como soporte e explore as posibilidades que lle ofrece.
Kalinoswski. Inspirador o uso do coiro como materia plástica, aplicado a obras de gran formato.







3 comentarios:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!