domingo, 26 de setembro de 2021

135 Aniversario da creación da Escola de Artes e Oficios de Vigo [OUTRAS NOVAS]

 


Tal día como hoxe hai 135 anos abría as súas portas a Escola de Artes e Oficios de Vigo, o acto inaugural tivo lugar un domingo 26 de setembro de 1886 na rúa do Circo número 3, o orador Eduardo Chao, que fora Ministro de Fomento no terceiro Goberno de I República con Salmerón en 1873, resume a concreta finalidade da nova escola con estas palabras: "Será esta Escola o complemento da instrución primaria, complemento que..., fará máis perfecto e fácil, fecundo e produtivo o seu traballo; que excitará e levará o espírito de empresa cara a elementos naturais da nosa atrasada Galicia contribuíndo a emancipala do estranxeiro" 

No momento da súa creación veu encher o baleiro na formación da clase obreira que existía no sistema educativo, os seus obxectivos foron a formación técnica dos obreiros, o perfeccionamento dos seus oficios e a compensación das carencias educativas de moitos dos seus alumnos, pero o feito indiscutible é que contribuíu de xeito decisivo ao desenvolvemento ecónomico e cultural da nosa cidade. 

Na actualidade, a nosa centenaria escola continua o seu labor educativo, hoxe máis inclinada ao ensino da arte e dos oficios artísticos, disposta como sempre a prestar a nosa cidade un servizo no ámbito formativo das persoas ao longo da súa vida.

Recordarvos que mañá luns 27 e ata o mércores 29 as persoas seleccionadas nas probas de acceso (artesanía en coiro, cerámica, construcción artesanal de instrumentos musicais, gaita e zanfona, escultura e talla en madeira, deseño e encaixe de palillos, moda e confección e serigrafía) e no sorteo para as especialidades de debuxo e pintura deberán matricularse presencialmente na Unidade administrativa da Escola en horario de 10,00 a 13,00 e 16,00 a 20,00 horas. 
Deberán cubrir a ficha que se lles entregará na recepción e aportar unha fotocopia do seu DNI.
O curso dará comezo, para as persoas de primeiro acceso, o vindeiro 1 de outubro conforme aos días e horarios marcados para cada especialidade na Convocatoria xeral.
 
  • Listados das persoas admitidas (e listas de agarda) por probas de acceso: aquí
  • Listados das persoas admitidas (e listas de agarda) por Sorteo (Debuxo artístico e Pintura): aquí.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!