luns, 23 de xaneiro de 2023

Dispoñible o Catálogo dixital da exposición "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo. Parte I 1886-1976" [ESPAZO EMAO]

Trala publicación física en 2022, vimos de pendurar, para pública descarga, a versión dixital do libro-catálogo da Exposición A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo. Parte I 1886-1976 que tivo lugar no Espazo EMAO entre os meses de xuño e outubro de 2019.

Portada do libro físico
O obxecto desta exposición foi amosar e analisar o desenvolvemento histórico da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo dende a súa creación en 1886 ata o ano 1976. Con isto quérese demostrar a estreita relación e o papel esencial da EMAO no desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.

Así, a ideación e construción do maxestoso caserío do Ensanche vigués tivo unha relación directa ou indirecta, coas aulas, a biblioteca, talleres da EAO, profesorado e alumnado da Escola. Boa parte das persoas que hoxe recoñecemos como figuras relevantes do acontecer histórico e económico do Vigo moderno e contemporáneo, pasaron, sexa como alumnos, sexa como profesores ou como benefactores, por este edificio emblemático de Vigo. En primeiro lugar, os miles de traballadores e traballadoras que ergueron co seu esforzo a cidade que coñecemos tiveron unha experiencia formativa aquí; moitos deles foron tamén, tralo seu paso pola EAO, os emprendedores que crearon empresas nos máis variados ámbitos da economía: construción naval, artes gráficas, industria do vidro e da electricidade, calderería… 

Aquí se formaron tamén artistas plásticos e artesáns consagrados xa de todos recoñecidos; tamén as primeiras mulleres que se incorporaron á unha formación sistemática e a un posto de traballo (coas limitacións propias da mentalidade da época) fixérono primeiro nas aulas. 

O profesorado foi tamén un activo fundamental nesta empresa: formárono o máis preparado da sociedade viguesa xogando moitos deles, ao tempo da súa docencia ou posteriormente, importantes papeis con relevantes funcións tanto no Concello de Vigo como na sociedade viguesa. Varios foron primeiro alumnos destacados para logo contribuíren como mestres das novas xeracións de traballadores e estudantes que se matriculaban na Escola individualmente ou enviados polas súas empresas a perfeccionar a súa capacitación básica ou de especialistas. 

Índice do catálogo

O libro en papel pódeo solicitar -presencialmente- a persoa interesada na Biblioteca da EMAO, no horario de apertura desta.

mércores, 18 de xaneiro de 2023

Proxectos 2022 [EXPOSICIÓNS EMAO]

 

Proxectos de fin de estudos do alumnado do curso 2021-22

 


Esta nova exposición, dada a cantidade de obras participantes, realizarase en dúas partes:
  • A primeira, inaugúrase o vindeiro día 27 de xaneiro e estará aberta ata o 23 de marzo.
  • A segunda parte exhibirase entre os días 14 de abril e 26 de maio de 2023.

A orixe dos proxectos:

O novo Plan de Estudos da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), aprobado polo Concello no ano 2015, implantou o nivel educativo Avanzado, co que se rematan os estudos de cada especialidade. Ese nivel que pecha o currículum académico das persoas matriculadas, está destinado a completar a formación técnica e artística do alumnado coa redacción, selección e posterior desenvolvemento dun proxecto titorizado polo/a mestre/a. Este proxecto pode orientarse cara á investigación, á produción, á creación ou á ampliación de coñecementos.

A exposición que agora presentamos recolle o producto final dos proxectos individuais do alumnado deste nivel seleccionados no curso 2021-22; en concreto, das especialidades de:

  • Pintura
  • Talla e escultura en madeira
  • Debuxo artístico
  • Serigrafía artística
  • Cerámica
  • Artesanía en coiro
  • Moda e Confección
  • Ourivería
  • CAIM-Zanfona

As obras que se exhiben son a plasmación material dun ano de actividade de investigación, formación, conceptualización e fabricación, baixo as premisas derivadas dos eixes principais sobre os que pivota a actividade educativa e cultural da EMAO: a excelencia técnica, a creatividade e a interdisciplinariedade.

FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: Proxectos 2022 [Proxectos de fin de estudos do alumnado do curso 2021-22 -parte 1]
Lugar: Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. (Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro)
Datas: do 27 de xaneiro ao 17 de marzo de 2023
Horario: De luns a venres, laborables de 19:00 a 21:00 horas
Comisariado: Alba Pardo Cartelle, mestra de Serigrafía artística e Pepe Pereira Somoza, mestre de Artesanía do coiro coa colaboración do profesorado de Debuxo, Pintura, Talla e escultura en madeira, Ourivería, CAIM zanfona e Moda e confección.
Cartaz: Federico Fernández Alonso
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2023
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga

luns, 16 de xaneiro de 2023

X.L. Méndez Ferrín presenta os dous últimos números da revista A Trabe de Ouro [OUTRAS NOVAS]

 

Este vindeiro xoves, 19 de xaneiro ás 19:30, tera lugar a presentación dos números 120 e 121 da revista A Trabe de Ouro na nosa hemeroteca, no acto participarán Xose Luis Méndez Ferrín, director da revista, Fernando de Paz, o seu editor e Rosa López, secretaria de redacción.

venres, 13 de xaneiro de 2023

Presentación do Libro "Tranvías Eléctricos, A Compañía que Vertebrou Vigo" [OUTRAS NOVAS]


 
 
O vindeiro martes, 17 de xaneiro ás 19:00 h, temos na hemeroteca a presentación do libro "Tranvías eléctricos: a compañía que vertebrou Vigo" Escrito e ilustrado por Iria Vergara e David Amoedo (antigo alumno da Escola) e encadernado no taller artesán Hiel de Buey  (tamén antigo alumno da Escola).

xoves, 22 de decembro de 2022

O Nadal chega á Biblioteca da man do alumnado de Ourivería [OUTRAS NOVAS]

Aqui tedes algúns dos "culpables" de que a Biblioteca luza tan bonita




Resumo en Imaxes da Actividade Cultural na EMAO da Semana do 19 ao 22 de Decembro [OUTRAS NOVAS]

21-decembro-2022. Itsaso Elizagoien Bizente (Etxalar), a trikitilari que fai parte da banda que acompaña ao gaiteiro vigués Carlos Núñez ofreceu unha charla sobre as particularidades da trikitixa e  as súas diferencias e similitudes co acordeón diatónico. Organizado por Carlos Quintás, mestre da E-TRAD.  

 


20-decembro-2022. Presentación do libro "Retratos en fite" de Xosé Manuel Beiras, coa presenza do propio autor e  Martiño Noriega, presentación a cargo de Laura Caveiro. Organizado polo Ateneo Atlántico.



Visita do IES do Castro á Escola Municipal de Artes e Oficios [OUTRAS NOVAS]

Presentación da Escola na hemeroteca

Visita ao obradoiro de Ourivería

Visita á aula de Moda e Confección

O luthier de zanfona Xaime Rivas
 

Os días 13 e 20 de decembro recibimos a visita do alumnado de 1º ESO do IES do Castro. Tras a presentación da Escola e a Biblioteca, visitaron o obradoiro de CAIM (Construción artesanal de instrumentos musicais) gaita e zanfona e as aulas de Ourivaría e Moda e confección.

Esperámosvos para o próximo curso.


mércores, 21 de decembro de 2022

Adeus a Perfecto Costas Otero, antigo alumno da nosa Escola [OUTRAS NOVAS]

Perfecto Costas Otero (1923-2022)



 

Este luns pasado deixábanos Perfecto Costas Otero "Pucho",  antigo alumno da nosa Escola.

A mediados dos anos 30 do século pasado comezaba os seus estudos na Escola de Artes e Oficios (debuxo de figura e adorno, debuxo de aplicación, debuxo de croquización, modelado e baleirado) a finais dos anos 40 está tamén matriculado en ourivaría. Disciplinas que a recado lle foron de utilidade na súa profesión.

Debuxante e pintor, traballou no deseño de moitas das vidreiras artísticas realizadas pola Cristalería La Belga en igrexas e edificios públicos da nosa cidade. Deseñou entre outras as vidreiras da Igrexa dos Pais Carmelitas ou da Estación Marítima.

Nacido no Berbés, fillo de mariñeiro e pescantina, conservou na súa memoria as imaxes do barrio no que transcorreu a súa infancia. A súa pintura é de temática costumista, os seus protagonistas son pescantinas, carrexonas, patróns e mariñeiros do litoral vigués. Algúns dos espazos retratados son aqueles que observaba de neno, a Igrexa de San Francisco, o antigo Peirao do Comercio, a antiga caseta de medición de mareas, o Areal, o Naútico ou o barrio do Espiñero en A Guía.

Lembrámoslle na inauguración da exposición histórica "A Escola de Artes e Oficios. 130 anos na historia de Vigo" aínda coa alegría e vitalidade de sempre.

Desde aquí queremos enviar o noso máis sentido pésame á súa familia e amigos. Descanse en paz!

luns, 19 de decembro de 2022

Charla da trikitilari Itsaso Elizagoien na Hemeroteca [OUTRAS NOVAS]


 

Mércores 21/DEC. 19:30H. 

Charla da trikitilari, Itsaso Elizagoien 
na 
Hemeroteca da EMAO
 
 Itsaso Elizagoien Bizente (Etxalar), a trikitilari que fai parte da banda que acompaña ao gaiteiro vigués, Carlos Núñez, visita a escola o vindeiro mércores 21 de decembro para nos ofrecer unha charla na que coñecer as particularidades da trikitixa e observar as diferencias e similitudes co noso acordeón diatónico.

Será na Hemeroteca da EMAO dende as 19:30.

Organiza: Aula de Acordeón Diatónico da ETRAD 

Máis información 


Presentación do libro "Retratos en fite" de Xosé Manuel Beiras [OUTRAS NOVAS]


Martes, 20 Decembro / 19:00 – 20:30

Presentación do libro Retratos en fite
De Xosé Manuel Beiras
Coa presenza do propio autor
Con Martiño Noriega
Presenta Laura Caveiro

En palabras do propio Beiras, Retratos en fite é unha “persoal evocación de persoas coas que eu tivera trato de amizade ou camaradaxe”. O libro conta con imaxes de Pepe Carreiro. Máis información
 

Fotos da Conferencia "Esgrafiados" de Carola Sánchez [VENRES DA EMAO]

Carola Sánchez e Alba Pardo

mércores, 14 de decembro de 2022

Convocatoria de Becas Xunta de Galicia/Fulbright para Estudos Artísticos en EEUU [OUTRAS NOVAS]



 
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América convocan 5 bolsas para a ampliación de estudos artísticos nos Estados Unidos en calquera especialidade ou área de actividade artísticas, incluídas pero non limitadas a: artes audiovisuais; artes escénicas; artes plásticas e visuais; música e musicoloxía; museoloxía e conservación do patrimonio; e xestión cultural.

Presentación de solicitudes: desde o 7 de novembro de 2022 ata o 12 de xaneiro de 2023 na páxina web da Comisión Fulbright.

Requisitos: nacionalidade española; estar vinculado/a Galicia por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos ou traxectoria profesional; dispoñer dunha carta de acceso, invitación ou admisión nun centro estadounidense; coñecemento de inglés adecuado para desenvolver o proxecto.

Dotación da bolsa: viaxe de ida e volta e gastos varios, ata un máximo de $2.600; asignación mensual entre $1.485 e $2.925; gastos de matrícula, taxas obrigatorias e outros gastos necesarios para desenvolver o proxecto presentado ata $10.000; seguro de enfermidade e accidente.

Sesión informativa en liña: xoves 15 de decembro ás 17 h.

Rexistro para a sesión informativa: https://us02web.zoom.us/webinar/register/WN_T3_2w3P7Qtayug9NscUYcQ

https://us02st3.zoom.us/static/6.3.10195/image/thumb.png


us02web.zoom.us

Sesión informativa sobre el programa de becas que permite ampliar estudios artísticos en EE. UU. a españoles vinculados a Galicia.

 

luns, 12 de decembro de 2022

Venres da EMAO 16-12-2022. Esgrafiados [SERIGRAFÍA]

 

O esgrafiado é unha técnica ornamental que se utiliza para a decoración no enlucido e revestimento de muros, tanto en exterior como no interior de edificios. Carola Sánchez falaranos de técnicas e revestimentos murais con cal desde a tradición do oficio e das dúas posibilidades contemporáneas.

Venres 16 de decembro ás 19:00 na hemeroteca. Presenta Alba Pardo, mestra de Serigrafía artística na EMAO.

luns, 5 de decembro de 2022