O século XVIII é unha época de gran despegue económico e demográfico e estes cambios teñen unha gran implicación cultural. Durante o século increméntase fortemente tanto a edición como o comercio do libro debido a un espectacular aumento da demanda destes por parte de cada vez máis capas da poboación.
En contraste coa decadencia da imprenta do século XVII, o século XVIII representa un dos momentos máis brillantes da súa historia. Cambia o estilo e a estética, a pompa e a pesadez do libro barroco cede ante a elegancia e o espírito lixeiro do rococó e o neoclasicismo; renóvase a tipografía con nomes como Grandjean, Didot, Breitkopf, Baskerville o Bodoni; espértase o interese polo libro belo, ricamente ilustrado e pola bibliofilia; e triunfan, decididamente, os libros de pensamento moderno e científico, reducíndose os contidos relixiosos e teolóxicos.
Pero en Francia tamén se desenvolveu o gusto polo libro bellamente impreso, cheo de ilustracións sensuais e motivos ornamentais: grilandas, amorcillos, floróns, etc. Póñense de moda os libros de viñetas que se beneficiaron do perfeccionamento das técnicas do gravado e da intervención dos pintores de oficio. Pintores como Fragonard, Boucher e Oudry ilustran os libros, encargándose unhas veces de debuxar e gravar e outras veces só do primeiro, nese caso quedaba reflectida na propia lámina o traballo do debuxante (del.) e do gravador (sculp.)
No aspecto tipográfico destacan Luce e Fournier, a familia Anisson a cargo durante anos da Imprimerie Royal e especialmente a familia Didot, punto de referencia obligada para a imprenta europea dos séculos XVIII e XIX.
En Inglaterra inclínanse neste século por libros sen gravados, nos que o mérito consiste nunha boa arquitectura tipográfica, unha boa impresión sobre papel e bo texto. As medidas lexislativas favoreceron a produción e comercialización do libro: abolición das limitacións para establecementos de imprentas, licenzas para apertura de librerías e a promulgación do Copyright Act en 1710 que constitúe un antecedente histórico de gran importancia no ámbito dos dereitos de propiedade intelectual.
Fondo histórico da Biblioteca García Barbón-EMAO |
No ámbito da imprenta destacan dous nomes, William Caslon, fundidor e deseñador de tipos, considerado como o autor da primeira tipografía británica, pois nese tempo, os impresores británicos adoitaban importar todos os tipos dos Países Baixos. Pero, sen dúbida, a figura máis destacada da tipografía inglesa e unha das máis importantes de Europa foi John Baskerville, un innovador que rompeu as normas imperantes do deseño e a impresión en 56 edicións producidas na súa imprenta de Birmingham. Baskerville interviña en todas as facetas do proceso de fabricación de libros: deseñaba, moldeaba e compoñía tipos, mellorou a imprenta, concibía e encargaba papeis novos e deseñaba e publicaba os libros que imprimía. Os deseños de tipografías de Baskerville, representan o apoxeo do estilo de transición e salvan as distancias entre o deseño antigo e o moderno. As súas letras posuían elegancia e lixeireza. O deseño dos seus tipos e os seus libros chegaron a ser influencias importantes no continente europeo e o italiano Giambattista Bodoni e a familia Didot, en París, entusiasmáronse co seu traballo.
En Italia, o libro segue as tendencias europeas e preocúpase tamén da ilustración e a ornamentación. Son características as obras que pretenden mostrar coleccións artísticas dos palacios e museos ou recuperar o seu pasado grecolatino mostrando os novos descubrimentos arqueolóxicos.
Fondo histórico da Biblioteca García Barbón-EMAO |
Venecia segue ocupando un lugar destacado na produción de libros (Familia Albrizziana, Antonio Zatta), ademais aparecen talleres como a Stamperia Ducale de Florencia e a Stamperia Reale de Turín.
Giambattista Bodoni (1740-1813) |
Ao
final da centuria, destaca a figura de Giambattista Bodoni, impresor
e tipógrafo, autor de varios tipos de letra soadas que aínda se
utilizan na actualidade. As súas edicións foron moi exitosas pola
súa alta calidade e a elegancia na utilización de ilustracións. En
1788 foi publicado o primeiro volume do seu Manuale tipográfico, o
máis importante tratado sobre tipografía da época. Este manual
contén 600 láminas, 100 alfabetos romanos, 50 itálicos e 28
gregos; ademais, nel atópanse os primeiros tipos modernos: refinados
e rigorosos.
En Alemaña, a imprenta e a edición, sen ter o papel destacado doutros tempos, mantén no século XVIII o nivel correspondente a seu alto desenvolvemento económico, educativo, literario e científico. A burguesía alemá, máis desenvolvida que a francesa e máis culta, esixía libros notables polo seu contido, máis que polo seu aspecto externo.
Nos Paises Baixos, a produción de libros neste século foi cuantiosa en parte debido á edición de libros prohibidos pola censura noutros países e tamén á difusión de edicións piratas.
Fondo histórico da Biblioteca García Barbón-EMAO |
A imprenta e o libro en España no século XVIII
Fondo histórico da Biblioteca García Barbón-EMAO |
Durante a primeira metade do século XVIII continuou a decadencia da imprenta, coa chegada dos Borbóns comezan a levar a cabo algunhas reformas encamiñadas a mellorar o libro e a apoiar aos profesionais da imprenta e a librería.
Será durante o reinado de Carlos III cando se lle dea o impulso definitivo. O establecemento da liberdade de prezo nos libros (Real Cédula 1762), a concesión definitiva á Compañía de Impresores e Libreiros de Madrid da facultade de imprimir obras litúrxicas, que desde hai dous séculos era privilexio exclusivo da Oficina Plantiniana, favoreceron os negocios tipográficos. O rei tamén favorece o traslado a Madrid do tipógrafo e gravador de punzóns catalán, Eduardo Pradell, que utilizou os seus coñecementos como armeiro para crear matrices con punzóns de tipografías, que máis tarde serían utilizadas polas imprentas, evitando a importación deste recurso do estranxeiro.
Outro factor que colaborou a elevar o nivel das artes gráficas e a crear un novo tipo de imprenta foi a actividade de fomento das Reais Academias da Lingua (1713) e a Historia (1738), da Real Biblioteca e os Reais Estudos. Doutra banda, a Academia de Belas Artes de San Fernando (1752) e a Real Calcografía (1789) puxeron aos mellores artistas ao servizo das artes gráficas.
O século XVIII foi o da
introdución da ciencia moderna en España. Varios son os motivos que
permiten este avance, entre os que se atopan o contacto con outros
paises, especialmente Francia e Inglaterra, as reformas educativas
tanto universitarias como extrauniversitarias ou a diminución do
rigor inquisitorial. Desenvolvéronse os estudos de anatomía e
cirurxía, é o momento do nacemento da hixiene pública e tamén do
desenvolvemento da siderurgía. A botánica e as ciencias naturais
alcanzaron un importante cultivo e creáronse o Real Gabinete da
Historia Natural (1771) e o Xardín Botánico (1775).O novo coñecemento científico
buscaba a racionalidade, a utilidade e a modernidade e para iso, o
libro e a lectura foron un vehículo esencial.
Neste século renóvase a imaxe física do libro apoiada nunha estética clasicista, faise presente o gusto polo equilibrio, a sobriedade e a delicada decoración, desenvolvendo a arte do gravado en coidadas edicións.
Entre os impresores destaca Joaquín Ibarra, que coidou moito todos os aspectos técnicos da impresión: papel, tintas, tipos... Vixiou todo o proceso de confección do libro, co fin de que se realizase coa maior precisión e a procura do acabado perfecto. As súas edicións caracterízanse pola calidade da tinta, a beleza dos tipos, corpos e caixa e a normalización das liñas. Entre as súas mellores obras destacan A Conxuración de Catilina e A Guerra de Yugurta, de Salustio (1772) considerada a obra cume da imprenta española, na que participaron os máis acreditados gravadores da época, tamén destaca a súa edición do Quixote de 1777-1780, feita por encargo da Real Academia Española en catro volumes.
Fondo histórico da Biblioteca García Barbón-EMAO |
A Imprenta Real, creada de maneira oficial en 1780 pero que ten os seus antecedentes no nomeamento de impresores reais xa en tempos de Felipe II, tamén publica obras de gran prestixio tanto polo seu contido como pola súa presentación.
Fondo histórico da Biblioteca García Barbón-EMAO |
Outros impresores destacados foron: Benito Monfort, Manuel de Mena, Benito Cano, Gabriel Ramírez, etc.
Fondo histórico da Biblioteca García Barbón-EMAO |
O libro español do século XVIII diríxese principalmente ás clases cultas, pois non existía, polo escaso desenvolvemento do ensino elemental, un público para a lectura popular, polo que é na Corte onde se centra a gran actividade impresora da segunda metade deste século. De todos os xeitos, tamén nas provincias, especialmente Barcelona e Valencia, existe unha produción de calidade apoiada por algunhas institucións culturais e grupos eruditos que colaboran cos proxectos editoriais madrileños.
Invención e Difusión da Imprenta
Introdución da Imprenta en España
O libro en España no Século XV
Fontes:
La historia del Libro a través de las colecciones de la Universidad Complutense
El libro antiguo /José Luis Checa Cremades.-- Madrid: Acento Editorial, cop., 1999
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!