xoves, 18 de novembro de 2021

Un Humanismo Moderno. Colmeiro-Seoane-Picasso-Vertés [SERIGRAFÍA]

Xa que na aula estamos a traballar as diferentes técnicas de gravado resultounos moi didáctica a exposición "Un Humanismo moderno. Colmeiro-Seoane-Picasso-Vertés", organizada pola Asociación Amigos do Pintor Colmeiro e maila Fundación Museo de Artes do Gravado de Ribeira, coa colaboración do Concello de Vigo.

A mostra reúne significativos exemplos do traballo gráfico e da ilustración de dúas figuras cimeiras da arte galega: Manuel Colmeiro e Luís Seoane, que no exilio arxentino e durante os anos corenta desenvolven unha estética con resonancias clasicistas. En diálogo cos nosos autores exponse a famosa Suite Vollard de Pablo Picasso, cen gravados feitos en diversas técnicas: buril, punta seca, augatinta ao azucre e augaforte, elaborados entre setembro de 1930 e xuño de 1936 e as ilustracións de Dafnis e Chloé (1954) realizadas polo artista de orixe húngara Vertès, un gravador afincado en Francia que desenvolve unha obra con indubidábeis referencias picassianas nos mesmos anos que os traballos do noso exilio.

15ª edición da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda - Concurso Francisco Mantecón [OUTRAS NOVAS]


 

Entidade convocante: Bodegas Terras Gauda, S.A., coa colaboración da Autoridade Portuaria de Vigo a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e Turismo de Galicia (Xunta de Galicia).

Prazo de admisión de orixinais: ata o 28 de febreiro de 2022.

Participantes: Poderán concorrer ao premio tanto toda persoa física ou xurídica maior de idade.

Descrición: Poden presentarse ata dúas obras inéditas realizadas en calquera técnica pictórica, fotográfica, informática, etc. O tema será libre e preferentemente aludirá aspectos corporativos da entidade convocante.

Condicións: As obras premiadas e todos os seus dereitos pasarán a ser propiedade de Bodegas Terras Gauda, S.A. que, asimesmo, resérvase o dereito de reprodución das obras finalistas, citando ao autor e ano de finalista.
Todos os cartaces presentados pasarán a formar parte do arquivo dixital da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda, Concurso Francisco Mantecón cuxa organización poderá reproducir ou autorizar a súa reprodución, exclusivamente, a efectos de traballos ou eventos relacionados coa bienal e o concurso.
A bodega poderá adquirir os dereitos dunha obra non premiada sen límite de tiempo, abonando ao seu autor o 50% do importe do 2º accésit do ano inmediatamente anterior á adquisición.

Dotación: primeiro premio de 10.000 €, 1º accésit Autoridade Porturaria de Vigo 2.000 €, 2º accésit 2.000 € e mención especial 2.000 €.

Bases completas aquí: Bases - Concurso Internacional de Cartelismo Publicitario Francisco Mantecón - Bodegas Terras Gauda 2022

Presentación do libro "A Astrofísica" de Ana Ulla Miguel [OUTRAS NOVAS]

 

Hoxe, ás 19.00 horas, presentación na nosa hemeroteca do libro "A astrofísica", de Ana Ulla Miguel. Será presentado o acto por Jorge L. Bueno, director da colección Esencias. Entrada libre ata completar o aforo.

Madeiras autóctonas para a construción de instrumentos musicais [OUTRAS NOVAS]

Interesante o encontro sobre a valorización das frondosas autóctonas organizado polo Distrito Forestal IX Lugo-Sarria/ no que se abordou dende distintos sectores profesionais a importancia do emprego das madeiras autóctonas.

martes, 16 de novembro de 2021

Plonk: Exposición Cerámica de Emilia Guimeráns [OUTRAS NOVAS]


 

Escola Municipal de Artes e Oficios: Viguesa distinguida 2021 [OUTRAS NOVAS]

Rafael Ojea, director en funcións da EMAO, recolle o galardón da man do Alcalde de Vigo
Onte, 15 de novembro, nunha ceremonia celebrada no Auditorio Mar de Vigo,  a nosa Escola recibía o galardón de Vigueses Distinguidos, en recoñecemento aos seus 135 anos continuados ao servizo da cidade.

 

Placa de recoñecemento do galardón


 

luns, 15 de novembro de 2021

Son de Mar [SERIGRAFÍA]

 Visitamos a exposición Son de Mar, na Casa das Artes organizada por Raquel, alumna do curso
Superior de Serigrafía Artística.

 Co motivo da celebración da 4ª edición do Festival Underfest SON Estrella Galicia realizouse esta exposición realizada con materiais recollidos nas praias como actividade de concienciación medioambiental cunha base didáctica e de denuncia. Así o Festival quere mostrar a súa sensibilidade coa contorna onde se desenvolve e o seu compromiso firme coa sustentibilidade e o respecto polo medio ambiente, en especial a riqueza mariña que desfrutamos na nosa terra.

venres, 12 de novembro de 2021

I Encontro de Bibliotecas, Arquivos e Centros de Documentación de Vigo [BIBLIOTECA]


 

Onte xoves 11 de novembro, tivo lugar no MARCO o I Encontro de Bibliotecas, Arquivos e Centros de Documentación de Vigo, organizado e celebrado por iniciativa da Biblioteca-Centro de documentación do MARCO.

A xornada, cuxo obxectivo era establecer unha primeira toma de contacto para facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias entre responsables e xestores dun mesmo ámbito, tivo como principal resultado o compromiso de continuidade por parte de todos os profesionais participantes.

xoves, 11 de novembro de 2021

Bandeira Negra [SERIGRAFÍA]

 Bandeira negra é o proxecto de Cecilia Cruz para o curso Avanzado actualmente exposto no espazo EMAO. O seu obxectivo principal é realizar infografías ciéntificas coa temática do ecosistema de praias e os efectos negativos da limpeza mecánica sobre o mesmo. Moitos dos gráficos xorden a partir dos estudos proporcionados por Mariano Lastra, catedrático do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo. Cecilia explica así o seu proxecto: 

A él débolle tamén o meu agradecemento por ter suxerido a idea. Dende un principio, o proxecto tivo un carácter experimental. Mentras xeraba os diversos gráficos (algúns vectoriais, outros cun carácter máis analóxico coma as ilustracións) e os adaptaba ao proceso serigráfico, probei diversos materiais como base e incluso cheguei a crear unha tintura a partir de algas frescas, que finalmente foi descartada. O medio escollido foi a madeira, cun fondo escurecido por pintura acrílica e algúns puntos de luz proporcionados por recortes de revistas engadidos a modo de collage. A tinta branca é de base auga, sendo a solución máis sostible.


Todo aquel interesado en examinar con calma os datos, ten dispoñible un pdf para descargar pinchando aquí.

martes, 9 de novembro de 2021

Peri Helio [SERIGRAFÍA]


Caderno de bitácora:  é inverno nas proximidades do sol. Martes 2 de Novembro de 2021. Unha panda de serígrafos gravitou ao redor de Peri Helio. Foron debidamente equipados para climatoloxía adversa e cun axuste de movemento de traslación exacto cumprindo a hora estimada de aterraxe ás 17:30 horas na Fundación Cuña Casasbellas. O suxeito a investigar é tripulante da nave do curso Superior Emao, o cal facilita enoOOrmemente a misión. Datos a ter en conta (texto da súa web): 

Peri Helio (Vigo, 1983) é licenciado en matemáticas na especialidade de astronomía. De formación autodidacta, a súa traxectoria pictórica nace estreitamente ligada á arte urbana e ao espazo público. A pesar da súa formación científica Peri sempre estivo moi vinculado á arte. No ano 2001 ingresa na Facultade de Matemáticas, aínda que máis aló dos teoremas e demostracións que estuda interésase polos conceptos matemáticos que se esconden detrás deses resultados, e centra o seu interese na Xeometría, a Topoloxía e a Astronomía, sen abandonar o Debuxo e os aerosois.

XXXVIII Edición del Premio Nacional de Pintura Enrique Ginestal [OUTRAS NOVAS]

. 
 
O premio nacional de pintura Enrique Ginestal organizado polo Organismo Autónomo Local de Cultura de Talavera de la Reina, ten como obxectivo promover a creación plástica no ámbito pictórico. Con XXXVIII edicións celebradas, este concurso conta cunha bagaxe consolidada no panorama artístico español. Este premio busca recoñecer o talento expresivo tanto dos novos creadores como daqueles artistas consagrados.

xoves, 4 de novembro de 2021

Presentación do Poemario "Inocencia Resilente" na Biblioteca da EMAO [OUTRAS NOVAS]

Venres, 5 de novembro ás 20:00 horas, presentación na Biblioteca da EMAO do poemario "Inocencia resilente" de Paula Ferreira
 
 

O meu desexo é que este pequeno libro escrito desde as profundidades da miña alma con moita dor e esperanza, sexa alivio para algúns, información para outros, motivación para romper o silencio para uns cuantos, azoute de conciencia para “ollos que non queren ver”… e sobre todo, que sexa homenaxe para os que non resistiron o sufrimento que carrexa o roubo da infancia. (Paula Ferreira)