EDUARDO A. BLANCO E A OURIVERÍA NA ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS DE VIGO
A xoiería ocupou un lugar importante no gran desenvolvemento que experimentou a cidade burguesa, especialmente a partir de derradeiro terzo do século XIX, cunha forte presencia de ourives e establecementos de xoiería que combinaban o taller e a venda de pezas, moi demandadas especialmente polo tirón da moda ao longo deste período.
Primeiro foi a rúa Elduayen a que acaparou boa parte destas tendas especializadas, para logo estenderse rapidamente de xeito especial pola Porta do Sol e a rúa do Príncipe, como espazos comerciais de referencia na cidade. Destacaron daquela os talleres e establecementos de Enrique Pérez López e Adolfo Sobrino Rivero, a fins do século XIX; Enrique Mayer, Ángel Mareque, Ángel Marcuño, Perfecto Marcos, Ángel Iglesias, Ramón Fernández, os irmáns Hernández, na primeira metade do século XX, estes tres últimos aínda abertos hoxe.
A creación da especialidade de Ourivería na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo veu da man do profesor Ángel Mareque, no ano 1946. Como no caso da posta en marcha doutras especialidades, o inicio deste taller na EMAO veu dar resposta á necesidade de formación de artesáns especializados que cubriran a demanda de persoal para o deseño e fabricación de obxectos de regalo e de culto. A nova disciplina mantívose durante tres décadas como o único lugar de formación desta arte aplicada fóra dos talleres particulares existentes na cidade.
Eduardo A. Blanco, a quen se adica esta exposición, foi alumno de Mareque e continuador do seu labor como mestre da especialidade na Escola dende o ano 1974 ata o 2015, no que se xubilou. Entrara de rapaz no taller creado por Mareque, co que colaborou tamén no seu obradoiro profesional. Acadou, daquela, o 1º Premio de Xoiaría do XII Concurso de Xuventudes de Formación Profesional de Industria e Artesanía (1966) e foi tamén aprendiz de xoiería do ourive Manuel Reboreda Alonso e, durante un curto período, de Perfecto Marcos.
Eduardo tivo durante a súa mocidade un estreito contacto co movemento artístico vigués, con presencia nas Exposicións ao Aire Libre da praza da Princesa, entre 1968 e 1975.
Á par da súa actividade como ourive e mestre desta especialidade, cultiva tamén a escultura, a pintura e o esmalte. A Mostra que presentamos no Espazo EMAO recolle unha parte importante da súa produción artesá e artística nestes campos, que acompañamos dalgunhas obras realizadas tanto polos seus mestres como por alumnado destacado das clases na EMAO.
A especialidade de Ourivaría segue hoxe activa na Escola coa mestra Sandra de Jesús, formando a novas xeracións de persoas con esta inquedanza profesional e artística.
A través das obras expostas de Eduardo A. Blanco queremos amosar o seu amplo traballo nas distintas disciplinas que cultiva e, con el, a excelencia e calidade acadada no labor docente pola Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, ofrecendo aos visitantes as múltiples formas, técnicas e materiais implicados nesta arte.
Datas: 14 de xaneiro ao 14 de febreiro de 2022
Horario: De luns a vernes, laborables de 19:00 a 21:00 horas
Comisario: Federico Fernández
Documentación: José Luis Mateo Álvarez
Produción e montaxe: Eduardo A. Blanco e Escola Municipal de Artes e Oficios
Cartaz: Federico Fernández
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!