No mes de febreiro teremos a un invitado moi especial nese formato cultural que ofrecemos desde a Escola denominado VENRES DA EMAO. Vai ser un pracer contar con Eduardo Baamonde. Mestre de Debuxo, Ilustrador, Pintor e agora desde xa hai uns anos Editor de libros no seu selo Almacén de Fábulas. Tendo unha carreira tan ampla, pedinlle a Eduardo que centrase a súa charla en dúas facetas súas que penso van ser moi interesantes, a de debuxante urbano e a da editor, porque ambalasdúas van, no seu traballo, moi ligadas.
Catedrático de Debuxo no Ensino Medio. Autor e ilustrador de varios libros infantís.
Como pintor leva feitas máis de sesenta mostras individuais e acadado numerosos premios e recoñecementos, sobre todo na especialidade de Pintura Rápida.
1º Premio Pintura Rápida "Ernesto Goday". O Grove |
Accésit. Premio Pintura Rápida. Ernesto Goday. O Grove |
Debuxante infatigable que sae á rúa sempre acompañado dun caderno e unha caixiña de acuarelas. Pola súa paixón por esta técnica foi seleccionado para expoñer nas edicións de 2012, 2016 e 2022 da Biennale de Carnet de Voyage de Clermont Ferrand e convidado a participar no X e no XXI Festival des Aquarellistes de Bagnols-en-Beaujolais (2006 e 2017).
De acuarelas por Santiago. 2010 |
Cambados |
A súa afección por facer apuntamentos do natural converteuno nun dos primeiros corresponsais en España e colaborador habitual de Urbansketchers, sendo finalista no III Certame de Libros de Viaxe convocado por Geoplaneta (2011).
Bouzas. Vigo |
Lugo |
Leva publicados, tamén, varios cadernos de viaxe nos que os debuxos de Baamonde destacan os valores patrimoniais, paisaxísticos e culturais de Santiago, A Coruña, O Camiño Norte, O Camiño Primitivo, A Mariña de Lugo, A Ruta Pardo de Cela, O Salnés, O Grove, Pontevedra, Vigo, Lugo, Ribeira Sacra, Ourense, Costa da Morte, Vilalba e A Terrachá, Ribadeo, Viveiro ou Cambados.
Vigo |
De toda a ampla obra deste debuxante tan destacado, fixen unha pequena escolma dos traballos realizados en acuarela ao aire libre. Gozan dese espírito de debuxo do natural que tanto traballamos na aula de Debuxo da EMAO. Penso, por iso, que non vos podedes perder a charla de Eduardo Baamonde, que será o venres 10 de febreiro na Hemeroteca da EMAO. Agardámosvos!!!.
Deixo o enlace do seu blog para que coñezades máis amplamente o seu traballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!