martes, 13 de xuño de 2023

Exposición "Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO" [ESPAZO EMAO]


 

Dentro da programación anual da EMAO prevese, ao remate de cada curso académico, a produción dunha exposición dos resultados dun proxecto que, partindo dunha idea xeradora única, dea lugar a interpretación, despregue do traballo e saber facer dos distintos talleres.

Neste ano 2023, Ano de Picasso polo cincuentenario do seu falecemento, estanse a facer multitude de actividades de toda índole na súa memoria e a súa pegada. A EMAO, non ía ser menos, e arredor da súa figura agromaron neste curso os proxectos creativos e retos técnicos que agora se amosan. Trátase, novamente, da coidada exposición de produtos creativos desenvolvidos coa participación do alumnado a partir dunha iniciativa individual ou colectiva, pero, en todo caso, sempre asumida polo grupo.

"Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO" representa, pois, o impacto da inspiración que a obra do malagueño universal ten nas diferentes especialidades da EMAO, recollendo os traballos especificamente realizados polo alumnado e profesorado da escola en conmemoración do 50 aniversario do seu pasamento, uníndose deste xeito aos innumerables actos e actividades que durante este ano se están a desenvolver por todo o mundo.

Esta exposición estará aberta entre os días 16 de xuño e o 27 de outubro de 2023 (pechada o mes de agosto).


FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO.
Lugar: Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. (Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro).
Datas: do 16 de xuño ao 27 de outubro de 2023
Horario:
  - Do 16 de xuño ao 30 de xuño: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
  - Do 3 de xullo ao 15 de setembro (agosto pechado): de luns a venres, laborables, de 10:30h a 13:30h
  - Do 18 de setembro ao 27 de outubro: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
Comisariado: Emma Pintos e Alba Pardo, mestras de Moda e Confección e Serigrafía Artística, coa colaboración do profesorado de Debuxo, Pintura, Talla e escultura en madeira, Artesanía en Coiro e Ourivaría. 
Cartaz: Federico Fernández Alonso. 
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2023.
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga.

luns, 12 de xuño de 2023

CONVOCATORIA XERAL ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS DE VIGO. CURSO 2023-2024 [ADMINISTRACIÓN]

 

ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS DE VIGO

 CURSO 2023-2024

Nesta Convocatoria Xeral indícanse as especialidades ofertadas pola Escola Municipal de Artes e Oficios para o curso 2023-2024, así como a previsión de outras actividades.

As dúas modalidades ofertadas (en horario de mañá -cos Niveis de Iniciación, Perfeccionamento I e II- e en horario de tarde -cos Niveis Básico, Medio e Superior-, coas singularidades propias de cada especialidade) e o Nivel Avanzado, común ás dúas, conforman o núcleo básico da oferta, que se complementa cos Cursos Monográficos – Escola de Verán que a EMAO oferta ao remate do curso, no mes de xullo, e que se convocará durante este mes de xuño de 2024 para persoas que non sexan alumnas da escola.
Deste xeito, a escola oferta formación gratuíta para o curso 2023-2024, coas especificacións que se indican nesta Convocatoria Xeral, e nos horarios que se indican no Anexo II, nas especialidades de: Pintura, Debuxo artístico, Talla e escultura en madeira, Deseño e encaixe de palillos, Ourivería, Artesanía en coiro, Moda e confección, Construcción artesanal de instrumentos musicais, CAIM-Zanfona e CAIM Gaita e Serigrafía artística.
A especialidade de Cerámica artística, convocarase no momento en que se resolva o correspondente procedemento de cobertura da praza de mestre da especialidade.

PREINSCRICIÓN E MATRÍCULA

 ALUMNADO DE NOVO INGRESO

1. Preinscrición
 
1. A preinscrición nas prazas ofertadas poderá facerse:
  • Por internet: na web-EMAO: http://hoxe.vigo.org/movemonos/emao24.php [opción recomendada]
  • Presencial: na oficina administrativa da EMAO, entregando a tal efecto o impreso de preinscrición que se subministra na mesma.

2. O listado de preinscritos exporase no tabolerio oficial de anuncios da EMAO (en adiante o Taboleiro) e na web-EMAO. Darase un prazo de un día, para presentar reclamacións ao listado.
3. Rematado ese prazo -no caso de que existan máis solicitudes ca prazas ofertadas- realizaranse probas de acceso para asignar as prazas, agás nasespecialidades de Pintura e Debuxo nas que se asignarán por sorteo entre as persoas solicitantes cuxa solicitude sexa válida, conforme ao procedemento que se establece na presente convocatoria.
4. Unha vez finalizados estes procedementos exporase no Taboleiro e na web-EMAO a relación definitiva de persoas seleccionadas, clasificadas por especialidades e cursos.

 2. Matrícula

1. As persoas finalmente seleccionadas deberán obrigatoriamente, para seren admitidas, formalizar a súa matrícula, mediante a presentación na Oficina administrativa do impreso oficial que se poderá recoller na mesma. Con este impreso deberán aportar copia do DNI ou Pasaporte.
2. A non formalización da matrícula en prazo significará a inmediata baixa, e, consecuentemente, a praza será ofrecida ao/á/s solicitante/s que corresponda na lista de reserva derivada da aplicación dos resultados do sorteo ou probas de acceso.
3. As persoas que gozaran de Excedencia autorizada en cursos anteriores, deberán formalizar a súa matrícula no prazo indicado no apartado C da presente Convocatoria. Esta matrícula queda condicionada á existencia de vacantes na especialidade e no nivel de referencia.

PRAZOS

Do 14 ao 16 de xuño: matrícula de persoas que gozaran de Excedencia en cursos anteriores.
Do 22 de xuño ata o 8 de setembro: Preinscrición alumnado de novo ingreso (só internet).
Do 22 de xuño ata o 31 de xullo e de 1 a 8 de setembro: Preinscrición alumnado de novo ingreso (presencial) (agosto pechado).
29 de xuño: Listado de alumnado apto no curso 2022-2023.
3 de xullo: prazo para confirmación matrícula por repetición alumnado de Deseño e encaixe de palillos que estaba matriculado no curso 2020-21
6 de xullo: Listados provisionais de alumnado procedente de cursos anteriores, coa súa asignación ao nivel que lle corresponde no curso 2023-2024.
10 de xullo: Listado de vacantes existentes por especialidades e niveis, e oferta de prazas para Convalidación.
11 de xullo ata o 8 de setembro: presentación de solicitudes de acceso por Convalidación 
12 de setembro: Publicación listados solicitantes novo ingreso.
15 de setembro: sorteo para inscrición de alumnado de novo ingreso (só especialidades de Pintura e Debuxo artístico) ás 12,00h da mañá, na Biblioteca da EMAO.
18 de setembro: Comezo do curso dos niveis Medio, Superior, Avanzado e Perfeccionamento I e II de todas as especialidades.
13-19 setembro: Celebración das probas de acceso, no/s día/s concretos que publicamente se indiquen nos primeiros día de setembro.
22 de setembro: Listas de admitidos de novo ingreso despois do sorteo e probas de acceso.
25-29 de setembro: Matrícula alumnado novo ingreso.
2 de outubro: Comezo do curso alumnado de novo ingreso.
 
HORARIOS DE ADMINISTRACIÓN E INFORMACIÓN

Lugar: Edificio principal da EMAO, rúa García Barbón, 5.
Administración, información: de 10,00 h a 14,00 h, laborables de luns a venres (agosto, pechado).
Información:
Correo electrónico: emao@vigo.org
Tfno.: 986228088.

Entrega dos Premios Exeria [OUTRAS NOVAS]


 Exeria. Entrega de premios

13 Xuño ás 19:00

O Ateneo Atlántico de Vigo prácese en organizar o acto de entrega de premios da terceira edición do certame Exeria de relatos curtos. Será mañá martes 13 de xuño de 2023, ás 19 horas, na nosa biblioteca. Haberá actuación musical, lectura dos relatos premiados, intervención da presidenta do Ateneo e do presidente do Xurado, e un viño galego de confraternización. A entrada será libre até completar o aforo.

A encargada da música será a cantautora M.J. Pérez que, ao longo do acto, interpretará tres das súas composicións. A presidenta do Ateneo Atlántico, Luísa Abad, e da fundación Xoán Piñeiro, realizarán a presentación da terceira edición do certame salientando a proxección que, aos poucos, está a conseguir.

Máis información

Visita á exposición «Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló». [SERIGRAFÍA]

 A semana pasada cruzamos a Ría de Vigo para desfrutar no auditorio de Cangas do Morrazo da exposcición Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló. Esta exposición pretende dar a coñecer diferentes  técnicas de gravado como o calcográfico, a xilografía, a litografía e a serigrafía. En ocasións, a delimitación entre unha técnica e outra non é tan nidia xa que os artistas actuais son quen de mesturar as distintas técnicas. Esta exposición, composta por pezas gráficas seleccionadas entre os fondos da Colección de Arte de Afundación, permite ampliar coñecementos sobre a obra dalgúns dos mestres gravadores da arte española do século XX, entre os cales destacan tres grandes xenios internacionais da pintura que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró.

 

Proxectos [SERIGRAFÍA]

Deixamos aquí algunhas imaxes dos proxectos de serigrafía do curso pasado que estiveron expostos. Recordade que o prazo para a convocatoria deste curso para O Nivel Avanzado remata o 15 de xuño.

O proxecto de Natalia Moreno consistiu en traballar diferentes métodos de estampación artesanal explorando as súas múltiples posibilidades de aplicación trasladadas a diferentes obxectos e soportes para espazos habitables. Aquí amosamos algúns exemplos de lámparas:

Fotos da Conferencia "Entre Bastidores. 2ª Parte" [VENRES DA EMAO]


 

xoves, 8 de xuño de 2023

Escola de Verán da EMAO 2023 [ADMINISTRACIÓN]

Dentro da programación prevista no Plan de Estudos da Escola Municipal de Artes e Oficios (PEMAO15), faise a seguinte Convocatoria de Cursos Monográficos – Escola de Verán EMAO, a realizar entre os días 4 e 21 de xullo de 2023, dirixidos ás persoas interesadas que cumpran os requisitos indicados en cada un dos cursos.
O prazo para solicitar a inscrición será desde as 00:00h do 19 de xuño, ata as 24,00h do 22 de xuño de 2023. Non serán válidas as solicitudes presentadas con anterioridade e posterioridade a estas datas.
 
[Véxanse as condicións para a inscrición ao remate desta entrada]
 
CURSOS QUE SE CONVOCAN:
 
GRAVADO EN RELEVO, RETRATOS E OUTRAS COUSAS
  

Impartido por Federico Fernández e Rosa García, mestres das especialidades de DEBUXO ARTÍSTICO e TALLA E ESCULTURA EN MADEIRA, da EMAO.
Destinatarios/as: alumnado xeral, de idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos
Datas: do 11 ao 21 de xullo, de 10:00 a 14:00 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: Realización dunha tiraxe de gravados realizados na técnica do gravado en relevo, a partir da preparación previa de debuxos de autorretrato, co fin de facer unha instalación no espazo da contorna da Casa da Xuventude (onde se realizará o curso), co resultado deses gravados.

Programa:
  • O rostro humano; o canon Autoretrato na historia. Breve introdución 
  • A importancia do bosquexo no debuxo 
  • Elementos do rostro
  • O rostro a través dun espello 
  • O gravado en relevo. Breve introdución
  • Entintado e estampación nunha tinta
  • Importancia do continente e do contido
  • Elaboración dunha tirada 
  • O espazo urbano como contedor da obra

Material a aportar polo alumnado: linóleo, papeis de gravado, libreta de apuntes/debuxo, lapis, regra de corte metálica, cutter, papeis de recubrimento, edición do texto (custo estimado material a mercar polo alumnado: 25 €)
Alumnado máximo: 12
 
 
PiMPRESIÓN
 
 
Impartido por Alba Pardo e Sandra de Jesús, mestres das especialidades de SERIGRAFÍA ARTÍSTICA e OURIVARÍA, da EMAO 
Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos de ningunha das materias.
Datas: do 4 ao 14 de xullo, de 10:00 a 14:00 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: este monográfico de Pin-impresión baséase no gravado calcográfico; consta da realización de tres minipranchas de latón gravadas coa técnica da augaforte coas que se realizarán as impresións en papel e que posteriormente converteremos en broches de pin.
Programa:
Obxectivos:
  • Deseñar un conxunto harmonioso de imaxes dispostas en tres pranchas de latón para a súa posterior impresión e transformación en pin. 
  • Aprender a aplicar as técnicas básicas da Ourivaría para o traballo en meta.
  • Aprender e aplicar as técnicas básicas do gravado calcográfico para o traballo de estampación.
  • Rematar o curso coa realización dunha impresión en papel empregando as pranchas de metal gravadas en, cando menos, un broche de pin rematado
Contidos:
  • Desenvolvemento do deseño para os distintos elementos que forman as pezas finais.Adecuación do deseño á temática e precedementos propostos para lograr a funcionalidade e resultado que se pretende.
  • Aplicación das técnicas de gravado e ourivaría para a preparación das matrices (corte do metal, esmerilado, augaforte ...)
  • Preceso de estampación das pranchas en papel (preparación do papel e da tinta, entintado da prancha, presión do tórculo, numeración e edición de estampas ...)
  • Montaxe final do broche coas pranchas
Material a aportar polo alumnado:
Os materiais que empregará o alumnado terá un custo por persoa de 20 ou 25 euros; algúns deles mercaranse en conxunto. O primeiro día do curso indicarase o que precisan.
Alumnado máximo: 12
 

PATRÓNS


Impartido por Emma Pintos e Darío A. Basso mestres das especialidades de MODA E CONFECCIÓN e PINTURA, da EMAO 
Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos de ningunha das materias. 
Datas: do 4 ao 14 de xullo, de 09:00 a 13:00 horas
Duración: 36 horas
Obxectivos: neste curso trátase de que o alumnado con inquedanzas artísticas e artesáns poida experimentar coa pintura e levar a súa proposta nunha peza de roupa feita por eles mesmos. 
Programa
Obxectivo: Plasmar un patrón pictórico en tea, para traballar despois con patróns sinxelos nunha peza de roupa. 
Contidos
  • Clases teóricas sobre os patróns pictóricos ao longo do século XX e a súa influencia e fusión coa moda. 
  • Creación en papel dos patróns que se reproducirán posteriormente en tea, que servirá como material téxtil da realización do produto final. 
  • Clases básica de patronaxe para a capacitación do alumnado no corte das pezas de roupa onde integrar o seu estampado. 
  • Posteriormente, confección da peza; ao remate do curso o alumnado poderá levarse unha peza de roupa feita e estampada por eles mesmos.
Material a aportar polo alumnado:
Block de debuxo A3; lapis HB; alfinetes; agullas; tesoiras; dedal; cinta métrica; tea (as características daranse o primeiro día de clase). 
Alumnado máximo: 10
 

OBRADOIRO DE CONTRUCIÓN DE PERCUSIÓNS MIÚDAS

 
Impartido por Xaime Rivas, mestre de CONSTRUCIÓN ARTESANAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS -CAIM- Zanfona, da EMAO. 
Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos da materia, que queira iniciarse na artesanía musical. 
Datas: do 6 ao 21 de xullo, de 10 a 13 horas. 
Duración: 36 horas  
Obxectivo: construción de instrumentos musicais de percusión con material semielaborado (Tarrañolas, Culleres, Pitos de bailador, Acordeón de táboas, Carraca ...)
Programa:
Obxectivos:
  • Fabricar artesanalmente sinxelos instrumentos de percusión mediante as técnicas propias e básicas da artesanía e a carpintería.
  • Coñecemento básico das técnicas de interpretación de cada un dos instrumentos
Contidos
Construción dun par de Tarrañolas: 
Preparación do material 
Recorte e deseño segundo plantilla con segueta de marquetería 
Axuste do perfil con ferramenta manual 
Acabados e decoración segundo proposta do alumno/a 
Construción dun par de Culleres: 
Preparación do material 
Recorte segundo plantilla en serra de cinta. 
Tallado do cazo.
Acabado e decoración segundo proposta do alumno/a
Construción de dous pares de Pitos de bailador: 
Preparación do material 
Torneado do deseño 
Acabado 
Construción dun Acordeón de táboas: 
Recorte das táboas segundo deseño
Perfiado e redondeado de arestas 
Montaxe e acabado 
Construción dunha Carraca: 
Recorte e perfiado dos laterais que conformarán o bastidor 
Torneado do tambor e do mango 
Montaxe do bastidor 
Acabado e decorado segundo proposta do alumno/a 
Colocación de lengüeta 
Material a aportar polo alumnado
Madeiras varias para cada un dos obxectos propostos; arandelas pequenas; corda; coiro; parafusos; verniz. 
Alumnado máximo: 8  


CONSTRUCIÓN E MANIPULACIÓN DA PALLETA E O PALLÓN DE CANA

Impartido por Carlos Corral, mestre de CONSTRUCIÓN ARTESANAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS -CAIM- Gaita, da EMAO. 
Destinatarios/as: gaiteiros/as e persoas afeccionadas á gaita, que non fixeran o curso ordinario.  
Datas: do 4 ao 14 de xullo, de 10 a 14 horas  
Duración: 36 horas
Obxectivo: achegar ao alumnado á construción da palleta e o pallón da gaita e ás nocións básicas para a súa manipulación, que todo gaiteiro debería coñecer para conseguir sacar o máximo partido ao seu instrumento. 
Programa
Obxectivos: Coñecer o proceso construtivo para poder adaptar o instrumento ao noso xeito de tocar persoal, e mesmo construír as nosas propias palletas
Contidos
Útiles e ferramentas 
Elección e preparación da cana
Medidas e estrutura segundo a tonalidade
O tudel, atado, desbaste e afinación
Material a aportar polo alumnado:
Navalla e calibre (pe de rei); 6 pregos de lixa de auga de gran 280 e 3 pregos de lixa de auga de gran 400; unha barra de lacre
Alumnado máximo: 8

PEL E COIRO: NECESÉTOTE


Impartido por Pepe Pereira, mestre de ARTESANÍA EN COIRO, da EMAO
Destinatarios/as: alumnado sen coñecementos previos de artesanía en coiro
Datas: do 4 ao 14 de xullo, de 10:00 a 14:00 horas
Duración: 36 horas.
Obxectivo: aproximación á marroquinería mediante a construción de dúas pezas, un neceser e un bolso tipo Tote; aprendizaxe sinxelo de técnicas de costura e montaxe.
Programa
Obxectivos
Coñecer o coiro e a pel no proceso do curtido. 
Realizar a partir de patróns dados pezas de marroquinería. 
Aplicar para construción técnicas de costura con fío e tireta
Contidos
Pel e coiro
Proceso do curtido
Aproximación ao patronaxe
Introdución ás técnicas decorativas
Costuras estruturais con fío
Material a aportar polo alumnado
Serraxe e coiro, fornitura (piquetes e broches) e cremalleira (25-50 € por alumno/a). Posibilidade de compra grupal para abaratar e axilizar o curso. 
Alumnado máximo: 12 
 
CONDICIÓNS COMÚNS A TÓDOLOS CURSOS 
 
Duración dos cursos: 36 horas 
Datas: entre o 4 e o 21 de xullo de 2023. Horario de maña (consúltense datas e horarios específicos)
Lugar: Aulas e talleres da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), agás o curso “Gravado en relevo, retratos e outras cousas”, que se desenvolverá na Casa da Xuventude do Concello de Vigo (r/ López Mora 31). 
Prazas limitadas: ver número máximo de alumnos/as na convocatoria específica
Inscrición: Gratuíta. Mediante envío de correo electrónico, no prazo indicado a continuación, a emao@vigo.org, cos seguintes datos (imprescindibles): 
  • Asunto: [nome do curso]
  • Nome e apelidos do/a solicitante:
  • DNI:
  • Enderezo de correo electrónico no que desexan recibir a confirmación de admisión, se é o caso.
Admisión de solicitudes:
  • Non poderán inscribirse as persoas matriculadas na EMAO no curso 2022-2023
  • Só se admiten persoas maiores de 16 anos (agás curso “Gravado en relevo, retratos e outras cousas”, destinado a alumnado de entre 12 e 16 anos)
  • Só serán válidas as solicitudes que cumpran estrictamente as condicións indicadas nesta convocatoria para cada curso en concreto.
  • A inscrición farase por estrita orde de recepción do correo electrónico de solicitude, ata cubrir o máximo de prazas ofertadas.
  • O prazo para solicitar a inscrición será desde as 00:00h do 19 de xuño, ata as 24,00h do 22 de xuño de 2023. Non serán válidas as solicitudes presentadas con anterioridade e posterioridade a estas datas.
  • A confirmación da matrícula realizaraa a EMAO exclusivamente por correo electrónico. No caso de producírense vacantes no primeiro día do curso, convocarase á lista de reserva.

Fotos do Seminario da Real Fábrica de Tapices sobre Conservación e Restauración do Patrimonio Téxtil [OUTRAS NOVAS]


martes, 6 de xuño de 2023

Seminario 7-6-2023. Conservación e Restauración do Patrimonio Téxtil de Confrarías pola Real Fábrica de Tapices [OUTRAS NOVAS]


A Real Fábrica de Tapices inaugurará mañá, mércores 7 de xuño ás 18.30h, na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo  o Seminario sobre Conservación e Restauración do Patrimonio Téxtil de Irmandades e Confrarías. 

O seminario será presentado polo director da Real Fábrica de Tapices, Alejandro Klecker, que explicará a orixe, a evolución e os principais personaxes que configuraron a Historia da Real Fábrica de Tapices 

Durante o evento, a directora de Restauración da Real Fábrica de Tapices, Verónica García Blanco, explicará algúns consellos básicos para prolongar a duración dos téxtiles. Por exemplo, a que temperatura deben almacenarse, como manipulalos para evitar que rompan as fibras, a que grao de humidade deben estar expostos e que medidas adoptar para evitar que aniñen neles avelaíñas ou calquera outro insecto. 

Na xornada tamén participará Almudena López, especialista en Tinguiduras da institución, que destacará a importancia da tinción e a avaliación da cor nos procesos de restauración téxtil. Tamén revelará as claves do proceso de tinción na Real Fábrica de Tapices onde sustentabilidade, reversibilidad e respecto pola peza orixinal son cuestións fundamentais.

Entrada gratuita.
 
 

DO PRUDENTE SABER E O MÁXIMO POSIBLE DE SABOR [SERIGRAFÍA]

É un proxecto de Teófila Ruiz Kulianos para Do Paraná e esta é a 2ª edición. Un concurso que premiará ao orixinal seleccionado, coa edición de obra en papel A3 de calidade, a 3 tintas e ao proxecto de colaboración autoral-editorial, cunha estadía de dúas semanas (50 hs.) no taller, que inclue a asistencia técnica, estampa e materiais.

“Sapientia: ningún poder, un pouco de prudente saber
  e o máximo posible de sabor” (Roland Barthes)

Crease co propósito de valorar e expandir a técnica serigráfica como medio de creación, experimentación e edición. Aspira a difundir orixinais múltiples e procesos creativos.

Promove relaciones dialóxicas entre autor*s e editora, dando cabida ás tendencias contemporáneas da imaxe impresa, donde as cualidades expresivas do estampado, poden ser momento ou elemento dun percorrido artístico pluridisciplinar e máis polimorfo. Pretende desacralizar o feito artístico pluralizando o acceso ás técnicas e a democratización dos saberes, partillando co público os procesos de produción.

Poderán optar ao premio *s interesad*s no ámbito da edición de arte, libro de artista, poesía, ilustración, deseño gráfico e de produto, artesanía, téxtil de autor*, instalación…  que presenten orixinais editables a través da técnica serigráfica.

Poderase participar en calquera das dúas categorías (Saber & Sabor) ou  nambas. O premio otorgarase a 1 participante por categoría.

Lingua Guapa. Colaboración coa Escola Municipal de Teatro [MODA E CONFECCIÓN]

Tivemos un ano completo, ademais de todos os traballos do curso ordinario (saias, pantalóns, abrigos, mostrario de tecidos...) embarcámonos nesta colaboración coa Escola Municipal de Teatro de Vigo.



Trátase da representación de Lingua Guapa, unha obra musical para público familiar baseada no libro de Fina Casalderrey e adaptada por Eva Vila e Antonia Céspedes. Representarase os próximos días 15 e 16 de xuño no Auditorio do Concello e conta coa colaboración da Escola Municipal de Música e a E-Trad (Escola Municipal de Música Tradicional).



O obradoiro de Moda e Confección traballou intensamente coa directora da obra para ofrecerlle uns deseños que representasen as esencias dos personaxes e o espírito da obra, ambientada nun mundo máxico, o mundo “ lingua Guapa” moi parecido a Galicia.



Por iso as cores utilizadas e as texturas teñen moito que ver co colorido dos nosos bosques, con tons terra, verdes, alaranxados, avermellados e azuis.


Tamén as texturas dos tecidos escollidos falan. Antelinas que simulan o musgo para os personaxes dos trasnos, tanto para os dous trasnos protagonistas como para o coro formado polos alumnos da Escola Municipal de Música.

 

luns, 5 de xuño de 2023

Venres da EMAO 9-6-2023. Entre Bastidores. 2ª Parte [CAIM ZANFONA]

 


"Entre bastidores, os previos dun proxecto" foi o título dunha primeira charla, na que os alumnos do curso avanzado, Esperanza, Emilio e Regis, explicáronnos as liñas de investigación e elaboración que estaban a seguir para levar a cabo os seus proxectos. Nesta segunda entrega, que de seguro será, cando menos, igual de boa que a primeira, compartirán con nós as conclusións técnicas e emocionais ás que chegaron logo de tan árduo traballo

Presentado por Xaime Rivas (mestre de CAIM Zanfona da EMAO)
Data: 9 de xuño de 2023
Hora: 19:00
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo

Fotos da Conferencia do Deseñador Cristobal Vidal [VENRES DA EMAO]


 

Resumo en Fotos das Actividades Culturais da Semana do 29 de maio ao 2 de Xuño na EMAO [OUTRAS NOVAS]

 

1-6-2023. Ás 18:00 horas. Presentación do libro "As que dormen entre o centeo" polas  coordinadoras da publicación: Carme López mestra de Canto da ETRAD e de Marina Vigo, gaitera de SonDeSeu, publicación editada pola AGG que pon en valor a obra de dezaséis gaiteiras galegas non mundo moi masculinizado.


 

1-6-2023. Ás 17:00 horas. Audición da aula de Acordeón Diatónica e Presentación do libro "De Botóns, un cancioneiro musical sobre o repertorio para Acordeón Diatónico" polo seu co-autor e mestre da ETRAD, Carlos Quintá.


 

31-5-2023. Presentación do libro "Alta Mar, Mar Aberta" de Alberto González-Garcés, coa participación de Xose Mª Álvarez Caccamo.


30-5-2023. Faladoiro "De aquelas loitas, estes dereitos: claves do movemento feminista" organizado polo Ateneo Atlántico, con Cristina Louzán e Priscila Retamozo.


 

xoves, 1 de xuño de 2023

Catálogo dixital da Exposición do Cerámista Miguel Vázquez no Espazo EMAO [ESPAZO EMAO]

Miguel Vázquez durante unha visita guiada

Hoxe subimos a o noso blogue o catálogo dixital da exposición "Os formatos aleatorios veñen dados polas sucesivas mutacións que sufriu o módulo", sobre a obra do ceramista contemporáneo Miguel Vázquez,  o noso estrañado mestre de cerámica. Esta mostra exhibiuse  desde o 21 de outubro ata o 23 de decembro de 2022 no Espazo EMAO.