venres, 21 de maio de 2021

Cadernos de África [DEBUXO]

No ano 1988 o pintor maiorquín Miquel Barceló chega a Gao, cidade de Malí situada á beira do río Níger. "¿Qué he venido a hacer aquí?"... preguntárase.

Miquel Barceló era un mozo pintor de 31 anos que recibira o Premio Nacional de Artes Plásticas un ano antes e que namorara coa súa obra á crítica de medio mundo. Xa alumeaba coma unha estrela consolidada da pintura cando aínda estaba na década dos vinte. Esta estrela tamén mediática, necesitaba un retiro, un lugar onde parar, reflexionar, observar. Un lugar de inspiración e de luz. Barceló trasládase á cidade máis pobre dos países máis pobres do mundo. 

Sae nun barco "ateigado de árabes durmindo nos corredores, cheos de lixo e de vómitos". Fai travesía desde Alicante ata Orán. Comenza a súa viaxe a África.



A loita en África

En anteriores entradas vimos cadernos de diversos ilustradores e debuxantes de BD, cadernos como contedores de ideas. Vimos tamén cadernos de viaxes e cadernos de guerra que resultaban ser crónicas gráficas de vivencias persoais. Agora mostraremos outro tipo de caderno/diario onde os textos, en francés, catalán e castelán, conviven ou entrelázanse coas imaxes a modo de diario ilustrado. Vemos os cadernos dun pintor que traballa coa materia e que deixa que o xesto e a casualidade atopen sentido, xa que paralelos aos cadernos están os debuxos que describe neses textos ou mesmo acompaña, debuxos que mete nun baúl un encima doutro. Son expresión pura. Non representan o mundo africano desde unha óptica colonialista ... Son África en si mesmos. Nos debuxos vemos o vento  e como este move unha area pegañenta que se coa por todas partes, vemos os rostros desdebuxados da miseria. Pero tamén a luz e a cor africana. 


Non son canguros, son pequenos ratos.


Barceló describe Gao como un lugar seco, cheo de moscas grandes como pombas e cun vento que non para. Fala de como a area invade o aire e o espazo, que custa moito debuxar nesas condicións porque as pinturas rápidas, os debuxos sobre papel, levan ademais do pigmento e o aglutinante, area... moita area.  Pero Barceló non para, traballa obsesivamente. Segundo el non sabe facer outra cousa. Reflexiona sobre como chega a ser pintor "Soy incapaz de cualquier trabajo de responsabilidad... soy ocioso. Nunca me ha gustado trabajar". Bendita ociosidade e bendita irresponsabilidade. 

Cando o río seca aparecen osamentas de animais... "Lleno hojas y hojas de pinturas" 


Cando seca o río



Barceló estableceu un estudio en Gao nese ano 1988 pero nos anos seguintes moveuse por outras cidades de Malí como  Segu e Gogolí. O pintor ten tamén un estudio en París. O noso compañeiro Darío, mestre de pintura da EMAO, podería contar alguhas anecdotas dese estudio parisino que visitou asiduamente naqueles anos mozos, cando a pintura era a súa única vida. Conta Darío que nunha esquina dese estudio colgaba unha caveira. De cando en vez metíaa nun cubo de pintura branca, deixando que se impregnase ben desa pintura, logo a sacaba e a deixaba secar. A caveira íase deformando deixando rastros de estalactitas no espesor da materia.





Barceló tamén estivo un tempo en Nova York, buscando un lugar naqueles anos 80, un lugar onde inspirarse e pintar, pero a Gran Mazá non o atrapou. Logo foi a África. Os seus cadernos de África abarcan desde o ano 88 ata o 2000 e mostran a un Barceló namorado da decadencia e das duras condicións de vida, porque as descricións do que ten ao seu redor son dun mundo de supervivencia extrema, onde a vida non é un regalo, é unha loita, o día a día é unha loita contra as moscas, a disentería e a corrupción, como pouco.

Paciencia




Iso é o que fai Barceló en Malí, loitar cos seus fantasmas e dedicarse a producir obra, escribir e debuxar nos cadernos, conducir, escoitar música e ler... gústanme as referencias musicais que fai, Bach, Camarón, Chavela... imaxino a un mozo Barceló escoitando a Alan Vega con Suicide mentres unha araña negra de 25 cm colga do teito e unha serpe entra na casa polo váter. Toda unha acción musical posmoderna soando na antítese da posmodernidade. Gústanme tamén as referencias literarias.



Le a Mallarmé, un poema diario, a Dickens, a Camus ,a Rouseau. Colle libros da biblioteca católica de Gao. Posteriormente xa trae os seus propios libros de Barcelona. Debuxa algunhas veces cen papeis diarios sobre o chan. Pese a iso Barceló non traballa. Cando teña a sensación de estar traballando deixará de pintar. 

Barceló en Malí atopou un lugar onde o "traballo ocioso" ten sentido, tanto como os contrastes de África.



Tódolos cans de Bassan parecen da mesma familia


Cadernos de África fíxose libro no ano 2003 e paréceme moi recomendable. Barceló atopou un lugar onde non hai moito máis que facer que pintar. O que está claro é que en Nova York hai moitas distraccións, sobre todo se che gusta Suicide.





"Pintamos porque a vida non basta"

3 comentarios:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!