sábado, 19 de febreiro de 2022

81. Lee Krasner. Cor viva [PINTURA]

Lee Krasner (Nova York 1908-1984).
É unha das grandes figuras da arte moderna.
A través da pintura abstracta, ela, como os seus colegas, lidou coa modernidade, o Holocausto, a guerra nuclear, a perda e a alegría nun intenso compromiso de levar a pintura máis aló dos límites tradicionais.

Pioneira e participante nesa constelación de artistas do expresionismo abstracto norteamericano.
Está considerada, por críticos, historiadores e institucións, como o epítome de arte moderna na época da posguerra.

Naceu no barrio neoiorquino de Brooklyn nunha familia de inmigrantes rusos xudeus que non puxo grandes obstáculos á súa vocación artística, pero que tampouco a apoiou activamente.







Sendo adolescente empeñouse en asistir á Washington Irving High, única escola pública local que ofrecía cursos de arte para mozas, o que implicaba emprender a diario un traxecto de dúas horas.



Despois estudou bolseira na escola privada Cooper Union e na National Academy of Design (“un lugar de mediocridade conxelada”, definiuna), e pintou baixo o nome Lenore Krasner mentres se mantiña con traballos como camareira ou modelo doutros artistas.







En 1929 o MoMA de NY abre as súas portas, isto supón un acontecemento fundamental na súa formación: o descubrimento dos pintores posimpresionistas, e despois dos artistas europeos de vangarda como Matisse, Mondrian e Picasso, abríronlle camiños inesperados.
Moma 1929



Frustrada polas limitacións educativas (ao ser muller non se lle permitía acceder ás clases de debuxo de espido), logrou unha bolsa para estudar con Hans Hofmann (considerado o pai da abstracción americana), da que foi alumna avantaxada e que exerceu unha gran influencia sobre no seu traballo.


Hans Hofmann
A súa traxectoria cifrará un acto de determinación e liberdade que renovaba o seu amor pola práctica pictórica.







Con todo, o seu recoñecemento foi tardío e eclipsado polo fulgor das estrelas masculinas e de modo especial polo éxito da súa parella Jackson Pollock, con quen casaría en 1945.



A diferenza de moitos dos seus contemporáneos, Krasner negouse a crear unha “firma inconfundible”, algo que lle parecía “ríxido e nada vivo”.







Lee tiña ideas propias. Detestaba repetirse e crear a partir de fórmulas preestablecidas.
Por iso a súa obra foi cambiando tanto ao longo do tempo, quizais contra os seus propios intereses comerciais.


Ao traballar en ciclos de obras, buscou continuamente novos medios para alcanzar unha expresión auténtica, mesmo nas súas épocas máis turbulentas, debidas á inestabilidade emocional de Pollock e á súa morte de súpeto nun accidente de automóbil en 1956.



O formidable espírito de Krasner percíbese a través do conxunto de obras que creou no seu estudo ao longo de máis de cincuenta anos.



A sua obra, suxire unha reinvención perpetua e ininterrompida que reúne retratos, debuxos, colaxes, ensamblaxes e pinturas abstractas a gran escala.



Krasner descubriu a súa liberdade ao dedicarse á pintura expresionista e corporal, como muller ao mando dun espazo infinito a través dos xestos e os ritmos, que danzaba ata as profundidades da súa pena e os cumes do seu incomparable pracer coa cor.



2 comentarios:

  1. Grazas pola info e por adicar contidos a mulleres artistas, menos coñecidas e nomeadas cos homes da sua época.

    ResponderEliminar
  2. Gran artigo! Ben interesante esta artista.

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!