Hoxe expoñemos nunha das vitrinas da sala de lectura novos títulos adquiridos recentemente para a especialidade de pintura, espero que vos gusten.
Alice Neel : las personas primero / Kelly Baum y Randall Griffey ; con textos de Meredith A. Brown, Julia Bryan-Wilson y Susana V. Temkin.-- Bilbao : Guggenheim Bilbao, D.L. 2021
Alice Neel (1900–1984) é unha das artistas máis radicais do século XX. Gran defensora da xustiza social, do humanismo e da dignidade das persoas, considerábase a si mesma como unha “coleccionista de almas”. As súas obras reflicten o espírito dunha época, a intrahistoria de Nova York, centrándose en quen experimentou a inxustiza como resultado do sexismo, o racismo e o capitalismo, así como naqueles que a combatían. Os turbulentos acontecementos do século XX, entre eles a Gran Depresión, as sucesivas guerras, o ascenso do comunismo e os movementos feminista e dos dereitos civís, asoman na súa obra das máis diversas maneiras. Este libro é o catálogo da exposición organizada por The Metropolitan Museum of Art en colaboración co Museo Guggenheim Bilbao e The Fine Arts Museums of San Francisco
Helene Schjerfbeck.-- London : Royal Academy of Arts, cop. 2019
Aínda que pouco coñecida fóra do seu país natal, Helene Schjerfbeck (1862-1946) é unha das artistas máis queridas de Finlandia. A súa carreira, que se estendeu desde finais da década de 1870 ata o final da Segunda Guerra Mundial, abarcou tanto o impresionismo como o modernismo. Naceu en 1862 e morreu en 1946, e durante os 83 anos que durou a súa vida construíu unha obra prolífica e intensa. As décadas que seguiron á súa morte convertérona no secreto mellor gardado ata que, ao fin, os últimos anos situárona no lugar que sempre mereceu. Desde a súa primeira gran pintura, realizada aos 18 anos, Soldado ferido na neve (1880), unha postal bélica e sensible e un tema que é moi estraño velo en artistas mulleres, ata os últimos autorretratos na súa vellez, onde prima unha abstracción escura e introspectiva, a obra de Schjerfbeck forma unha curva abismal que a fai parecer varias artistas nunha soa.
La pintura como campo experimental = Painting as an experimental field, 1948-1958 / Lygia Clark ; [comisariada por Geaninne Gutiérrez-Guimarães].-- Bilbao : Guggenheim Bilbao / La Fábrica, D.L. 2020
Pioneira da abstracción, Lygia Clark ( Belo Horizonte, Brasil, 1920 - Río de Janeiro, Brasil, 1988) foi unha artista fundamental da segunda metade do século XX. Este volume acompaña á exposición no Museo Guggenhaim de Bilbao (6 de marzo - 31 de maio de 2020) e explora a produción artística de Lygia Clark durante a primeira década da súa carreira, na que dedicouse á creación de pequenas pinturas en branco e negro e de esculturas, constantemente experimentando con novas técnicas, grazas ao que chegou a ser unha importante figura da vangarda brasileira. O seu traballo durante estes anos oscila entre a figuración e a abstracción xeométrica, creando unha linguaxe visual no que se adiviña a súa futura evolución cara a unha dimensión máis social e participativa.
Genovés : resistencia / textos = texts, David Campany... [et al.] ; traducción = translations, art in Translation, Miguel Marqués (David Campany).-- Madrid : La Fábrica, D.L. 2019
Juan Genovés (1930-2020) é recoñecido polo seu cadro de 1976 O abrazo, que se converteu no seu símbolo da resistencia antifranquista. Esta poderosa imaxe chegaría a erixirse en 2003 nunha escultura en Madrid que homenaxea aos avogados de Atocha, asasinados en 1977.
Juan Genovés : ciudadano y pintor / Mariano Navarro, Armando Montesinos, Alicia Murría.-- Madrid: Turner, 2021
Este ensaio é resultado do traballo de “taller” que os tres autores desenvolveron, non sen dificultade, tras a recompilación de materiais de arquivo, publicacións, declaracións, e sobre todo de entrevistas e conversacións co propio pintor, a súa familia e a súa contorna. Esta biografía reivindica o seu papel transformador e combativo tanto na arte como na política, cunha incansable dedicación ao seu traballo como “obreiro do seu oficio”, guiado polas súas profundas conviccións democráticas e a súa conciencia cidadá.
La pintura y el mal : cartas a Nicolás Sánchez Durá / Miguel Ángel Campano; [edición y notas a cargo de Nicolás Sánchez Durá].-- Madrid : La Fábrica, D.L. 2020
Este libro é un epistolario inusual, que recolle as cartas
que o pintor Miguel Ángel Campano, Premio Nacional de Artes Plásticas
en 1996, enviou durante máis de corenta anos ao catedrático de Filosofía
Nicolás Sánchez Durá, entre 1971 e 2012. Delas emerxe o espírito impetuoso
do artista, que percorre a súa biografía mentres dá conta das súas
ideas sobre a pintura, as súas reflexións desde a psicanálise ou a súa
paixón pola arte ou a literatura. Un volume que dá fe do seu carácter a
intres sombrío, a intres eufórico "sempre magnético" e que é mostra
dunha amizade, en palabras de Sánchez Durá, "tan radical como amorosa, esixente en extremo e espléndida".
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!