A Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV), asociación cultural fundada no ano 2012, presenta hoxe na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios a primeira tradución ao galego da obra de Verne "Unha fantasía do doutor Ox", nunha edición conxunta e sen ánimo de lucro publicada en colaboración coa Sociedad Hispánica Jules Verne e o seu selo editorial "Ediciones Paganel".
A tradución é obra de Tamara Aymerich Correa, quen asumiu o reto de abordar este relato a partir da versión orixinal en francés de Verne de 1872, nunca antes traducida ao galego, e que só contaba cunha versión en castelán, publicada no século XIX, completamente adulterada con respecto ao orixinal.
"Unha fantasía do doutor Ox" é unha das historias máis singulares de Jules Verne (1928-1905) e agora os lectores poden por fin desfrutar en galego por primeira vez dunha obra que tivo enorme repercusión nos medios de comunicación entre todas as historias vernianas, malia que poida ser hoxe menos coñecida polo gran público.
O texto clásico utilizado é a edición francesa orixinal de 1872 do Musée de Familles e a publicada por Hetzel en 1874.
O volume que se presenta é froito da colaboración coa Sociedade Hispánica Jules Verne, organización internacional coa que a Sociedade Jules Verne de Vigo mantén proxectos conxuntos e lazos culturais moi estreitos, no seu obxectivo común de poñer en valor a obra de Verne e, no caso vigués, a súa relación coa cidade que visitou dúas veces, en 1878 e 1884, ademais de traer ao xa mítico submarino "Nautilus" do capitán Nemo ata esta ría nun capítulo da súa obra "20.000 leguas baixo dos mares".
Por mor do protocolo COVID, o aforo é limitado. Rógase aos interesados en asistir á presentación que o comuniquen á SJVV no correo info@vigoverne.com.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!