xoves, 11 de xuño de 2020

XV Premio Castelao de Banda Deseñada [BIBLIOTECA]

Tendo en conta a significación do colectivo que traballa na creación en banda deseñada en Galicia, que é considerado o máis importante do panorama estatal, a Deputación da Coruña convoca o Premio "Castelao" de banda deseñada.

mércores, 10 de xuño de 2020

Corazón Verde [Coiro]

Dende o principio do confinamento foron moitas as propostas para agradecer o esforzo que fixeron moitos sectores para que neste parón a moitos non nos faltase nada, os sanitarios, farmacias, supermercados, corpos de seguridade, pero tamén transportes de mercadorías e de persoas, servizos de limpeza, servizos sociais, sector de alimentación e comercio, xestorías, bancos e moitos máis.
Durante o confinamento, cando eran as 20 horas saíamos ás fiestras e balcóns a aplaudir ós sanitarios nun principio, pero que ó final ía dedicado aos outros superheroes que non levan capa.

Falando de caixas: Cando a nosa aula ocupou o Museo Nacional Thyssen [TALLA E ESCULTURA]


BIG VALISE

Equipo Musaraña xunto á maleta "Big Valise" na sala 44 do Thyssen
Xa vai para tres anos que a aula de talla e escultura da  EMAO colocou unha obra na sala 44 do Museo Nacional Thyssen Bornemisza. Hoxe quero colgar este post como homenaxe aos meus alumnos que co seu esforzo e bo facer conseguen colocar a Escola de Artes e Oficios Municipal de Vigo en lugares tan destacados como un Museo Nacional.

"A finalidade en educación é mostrar á xente como aprender por si mesmos. O outro concepto da educación é adoutrinamento"
Noam chomsky

XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor” [BIBLIOTECA]



O Concello de Fene abre o prazo para participar no XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”. Trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia do martes 9 de xuño, o Concello de Fene informa da apertura do prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor. As persoas interesadas en participar, poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón Souto González, s/n, Fene) até o vindeiro 10 de xullo. 

Válvula reguladora de ar [CAIM GAITA]

Hai xa uns anos apareceron algúns artiluxios deseñados para facilitar a actividade gaiteiril. Un deles é a válvula de regulación de ar acoplable a ronco, ronqueta ou chillón.
Trátase dunha pequena válvula, que introducida na buxa correspondente permítenos regular a cantidade de ar que recibe o pallón, isto serve para varias cousas; por un lado podemos conseguir que o ronco e o punteiro comezen a soar ó mesmo tempo, evitando o son do ronco antes de comezar realmente a tocar, tamén axuda á estabilidade do son do ronco, sobre todo cando temos que facer algo máis de presión no fol para acceder ó requinteo. Pódese empregar tanto con pallóns de cana coma sintéticos, e o seu custe non é elevado.

Cerámica e Ceramistas: Miguel Vázquez [BIBLIOTECA]


Recentemente Antonio Vivas, editor da Revista Internacional de Cerámica, publicou un amplo artigo titulado "Cerámica e ceramistas" no que dedica un espazo ao noso mestre de cerámica artística, Miguel Vázquez. Percorre a súa traxectoria artística, desde os seus comezos ata a actualidade, lembra que xa son 27 ocasións nas que a revista se fixo eco da súa obra. 
En palabras de Antonio Vivas, "...Miguel Vázquez é un artista do seu tempo e sabe atopar o camiño que leva á vangarda da cerámica, por iso é tan respectado no mundo da arte e a cerámica".

martes, 9 de xuño de 2020

Ouro Branco [CERÁMICA ]


Meissen, unha pequena cidade fortificada á beira do río Elba, foi o escenario dunha das maiores aventuras artísticas de Occidente: o descubrimento da porcelana. Desexada ardentemente polos gobernantes da época e cobizada por toda a nobreza, a porcelana chinesa foi o foco dun intenso interese. A pesar do seu alto custo, a elite europea estaba desesperada por obtela.
Un desexo  apremiante de resolver o misterio da súa produción fíxose sentir cada vez máis no noso continente, especialmente en Alemaña. A principios do século  XVIII, mil anos despois de China, os europeos finalmente lograron descubrir o segredo deste material precioso, translúcido, inmaculado, resistente ao raiado polo aceiro e que posúe un aura incomparable.
Augusto II, coñecido como Augusto o Forte (1670-1733), Elector de  Saxonia e Rei de Polonia, reinou sobre unha das terras máis desenvolvidas artística e economicamente: O Sacro Imperio Romano. En 1700 comezou a coleccionar porcelana oriental e soñou con producir este «ouro branco» dentro do seu propio territorio. Desexaba acougar a súa propia «tolemia», aumentar o seu prestixio persoal e tamén por razóns comerciais, coa intención de atraer investimentos ao corazón mesmo do seu reino.

Gusti. Caderno de Ecuador [DEBUXO]

Gustavo Ariel Rosemffet, máis coñecido como Gusti, é un ilustrador nado na Arxentina e instalado desde o ano 1985 en Europa, primeiro en París e logo en Barcelona, onde reside actualmente. Desenvolve entre outras actividades, como a formativa, un marabilloso traballo como ilustrador infantil. Os seus libros teñen o recoñecemento tanto en España como en outros países, publicando en prestixosas editoriais como Gakken en Xapón, Hachette en Francia ou Océano en México.  Foi galardoado en 1990 co Premio Nacional de Ilustración, en 1991 co Premio Lazarillo. Recibiu galardóns tamén na Feria de Bologna e na de Bratislava. Podemos dicir que Gusti é un referente como ilustador da literatura infantil do noso país. Pero ademais Gusti foi cofundador da Asociación Windown, que desde as artes plásticas traballa por unha sociedade inclusiva, realizando obradoiros con persoas con discapacidade. Este é un tema que lle toca moi de preto e que relata moi ben no seu libro máis persoal, Malko y papá, premiado en Bologna no ano 2016.
Como di Gusti, este libro é "un caderno de emocións", porque ten que ver directamente coa súa familia.

MALKO Y PAPÁ. Ed. Oceano


Brocas de Canón. [CAIM GAITA]

brocas en espiral
Como sabedes,  no obradoiro da escola empregamos brocas normais de ferro para a perforación dos furados interiores das distintas pezas, o motivo disto é que as brocas específicas para madeira están pensadas para traballos típicos de carpintería ou ebanistería, e non nos ofrecen as características necesarias para traballos de certa precisión.

Recomendacións Para o Uso Responsable das Bibliotecas na Fase 3 da Desescalada [BIBLIOTECA]



A Dirección General del Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria, elaborou as seguintes recomendacións co obxectivo de facilitar os servizos bibliotecarios ao público. Onde se recollen as principais medidas de flexibilización e servizos autorizados nas bibliotecas situadas en territorios que pasan á Fase 3 de desescalada.

luns, 8 de xuño de 2020

Escultores hiperrealistas (parte 5): Gehard Demetz [TALLA E ESCULTURA]

Gehard Demetz


Resulta difícil unir a imaxe dun neno a unha imaxe dura, inquietante ou violenta cando falamos da infancia. Gehard Demetz utiliza xusto ese recurso estético para falarnos da problemática do mundo actual e a súa tendencia destrutiva a través dos poderes fácticos, a guerra, a relixión e a política; de como o mundo, e en representación deste a infancia e a mocidade, están inmersos en sociedades nas que se esquece o importante e o transcendente e a necesidade de entender e de coñecemento que se ten nestas etapas da vida. As súas figuras de nenos son frías e distantes, rodeadas de símbolos que cuestionan a súa existencia e transmítennos vulnerabilidade e incerteza. As súas esculturas tocan temas como a vulnerabilidade, a tristeza ou mesmo os malos tratos infantís, a través deses nenos de madeira tristes e sós rodeados de obxectos agresivos do mundo adulto substituíndo os seus xoguetes, provocándonos unha reflexión incómoda sobre como entendemos e tratamos a infancia na nosa sociedade.

Encaixe de palillos ou a liberdade do confinamento. Cap 32. LIEVE JERGER [ENCAIXE DE PALILLOS]

"A carruaxe do amor pérdido", un conto de fadas relatado a través dunha carruaxe. Poderiamos penetrar no conto da Cincenta desde a visión de dentro da carruaxe. A poética e a narrativa están moi presentes na obra de Lieve Jerger, non soamente por por da súa narrativa senón co tipo de material que traballa, o cobre.

Como podedes observar a súa técnica é o encaixe de palillos e o seu traballo desenvólveo cun material ríxido como é o cobre. Lieve está considerada unha das mellores encaixeiras da República Checa.

"The carriage of lost love", "A carruaxe do amor perdido" nunha exposición en Chiuaua, México

Lieve Jerger. foto realizada en 2014

Pulseiras [Coiro]

Aquí vos deixamos as pulseiras que fixeron os nosos alumnos a semana pasada, esperamos que vos gusten.
Lúa, Avanzado.

Debuxos desde o búnker IV [DEBUXO]

Hai persoas que nos sorprenden pola súa capacidade de expresión cando abordan o debuxo, a pintura ou calquera outra manifestación artística e sen saber por que as súas pezas nos chegan, tócannos a fibra. Polo xeral, pola miña experiencia, os ilustradores, debuxantes, pintores, son tamén grandes melómanos, existindo unha gran conexión entre a expresión plástica e a musical. Moitos deles son tamén músicos complementando en moitos casos as dúas facetas. O noso amigo Ramón Trigo, no inicio do seu cuarto carderno do confinamento, lévanos ás zonas pantanosas do negro sur con achegas musicais e debuxísticas propias... sinxelamente emocionantes, desas que nos chegan, porque son pequenos retallos cheos de verdade. Ramón fainos pensar que, como Robert Johnson, fixo un pacto co demo, e que é capaz de transmitir toda esa verdade porque ten unha axuda  divina.
Grazas Ramón.


DEBUXOS DESDE O BÚNKER IV

5 de Xuño. Monkey blues


A Biblioteca de Al-Qarawiyyin: A Biblioteca Máis Antiga do Mundo? [BIBLIOTECA]


A biblioteca Qarawiyyin forma parte do complexo educativo creado no ano 859 d. C. por Fátima al-Fihri, unha culta e adiñeirada muller que herdou unha gran fortuna do seu pai, Muhammad Al-Fihri, un rico mercador. Hai máis de 1200 anos, Muhammad al-Fihri e a súa familia trasladáronse de Qayrawan (actual Túnez) a Fez. Eran só un dos moitos inmigrantes que se trasladaban a través de África do Norte ás cidades máis prósperas de Marrocos. Os al-Fihris e outros "Qayrawaniyyins" formaron unha comunidade no distrito occidental da cidade. 
Fátima Al-Fihri empregou a súa herdanza na construción dunha mesquita e un centro de aprendizaxe onde a comunidade de Qayrawan podería glorificar o islam. Este complexo incluía unha mesquita, unha madrasa que evolucionou ata converterse en universidade e unha biblioteca. Segundo a Unesco, é a institución educativa máis antiga en funcionamento no mundo.