En anteriores entradas realizadas neste blog abordamos o apaixoante tema do caderno de debuxo e caderno de viaxe. Coñecimos os cadernos de Ecuador de Gusti. Fixemos arqueoloxía cos cadernos atopados , cadernos de guerra, cadernos dalgún recoñecido artista ou descoñecido debuxante.
Hoxe mergullarémonos un chisco nos cadernos de ideas de ilustradores. O tema podería dar para un blog exclusivo que aborde o mundo plástico recollido nestes soportes por calquera artista, ben sexa pintor, escultor, ilustrador ou deseñador. No obradoiro de Serigrafía a mestra Alba xa realizou esta semana unha entrada deste mesmo tema titulado "O carderno de apuntes" desde unha óptica enfocada ao traballo individual do PFI, Producto Final Integrado do alumnado, poñendo exemplos de autores tan coñecidos como Picasso, Degás, Durero, Turner... Unha delicia que vos recomendo.
Caderno de Degas |
Desde o obradoiro de Debuxo darémoslle un enfoque que convive á perfección co aportado desde Serigrafía xa que estes cadernos son de autores actuais. Deixaremos uns cantos exemplos destes traballos de ilustradores coñecidos en España como Pablo Amargo, Isidro Ferrer ou o noso amigo Marc Taeger, que xa pasou polo obradoiro de Debuxo e Serigrafía, co que fixemos hai uns anos unha colaboración no seu libro "Elefante un guisante", e ilustradores non tan coñecidos para nós como o xaponés Hiroshi Kariya ou o americano John Hendrix. Todo este material saberanos a pouco porque repito, daría para un blogue exclusivo desta temática .
Todo o material desta entrada aparece recollido no libro de Richard Brereton "Cuadernos" editado por BLUME no ano 2009 e do que fixen unha selección gráfica que me pareceu adecuada.
Para entender a importancia do que representan estes cadernos de ideas para un ilustrador quédome co que di a ilustradora residente en NY, Lauren Simkin Berke: "Os meus cadernos de esbozos son o máis importante que poseo ou eso creo. Se houbera un incendio no meu edificio e dispuxera dun momento para coller algo antes de sair correndo, collería unha pequena maleta onde gardo os cadernos destes últimos anos". Sen dúbida os cadernos son ouro puro para un ilustrador ou para calquera debuxante porque neles recóllese a esencia do seu traballo.
Pretendo un achegamento a este traballo moi visual, deixando os enlaces dos autores para que podades seguir indagando no seu traballo.
Ilustradora neoiorquina que traballa para revistas como New York Times, Boston Globe, New York.
Deseñador e ilustrador brasileiro. Ten publicados numerosos libros infantís e traballa para revistas como New York Times, A Folha de Sao Paulo ou Playboy.
Esta ilustradora parisina traballa para Wallpaper, World of interiors, a Ópera Nacional de París, New York Times, Carolina Herrera...
Este ilustrador xaponés formouse en Tokio e en Londres. Confesa que para el debuxar é unha adición e traballa nos cadernos de debuxo en calquera parte e a todas horas como unha forma de relaxar e evadir.
Esta ilustradora nacida en Transilvania reside e traballa en NY onde tamén exerce de mestra. Comezou a debuxar en páxinas de libros onde según ela, os debuxos xogan ás agachadas. Logo comezou a utilizar os cadernos pequenos de Moleskine onde esboza todo o que ve.
É un dos grandes ilustradores deste país. En 2004 foi Premio Nacional de Ilustración e ten unha ampla carreira no mundo da publicidade e da ilustración de libros. A primeira idea xorde nestes cadernos e a diferencia doutros ilustradores os cadernos de Amargo están perfectamente ordenados.
Outro dos grandes ilustradores e deseñadores deste país. Premio Nacional de Ilustración no ano 2006. As suas ilustracións son moi escultóricas, traballa ca forma dos obxectos e percura similitudes que o conducen a novas linguaxes. Tiven a sorte de coñecelo no ano 2003 e recordo a paixón ca que falaba do seu mestre Peret . Isidro vive e traballa en Huesca. Invítovos a que vos mergulledes na súa obra porque é marabillosa.
Este ilustrador e deseñador inglés traballa en Londres no campo da publicidade. Irreverente e divertido os seus clientes son tan diversos como a BBC, Nike, Virgin, MTV, The Gardian...
Este ilustrador de Saint Louis estudou en NY e foi nesa cidade onde desenvolveu durante anos o seu traballo. Foi director artístico do New York Times. As súas obras aparecen en publicacións como New Yorker, Rolling Stone, Squire, e en editoras como Harpercollins, Randon House. Os seus debuxos de caderno comezounos precozmente, con dez ou once anos.
Este ilustrador Suizo que estudou en Alemaña e en Barcelona estableceuse en Bueu despois de traballar moitos anos na cidade catalá. Os seus cadernos son unha extensión de todo o seu traballo definitivo de ilustración, xa que Marc non diferencia entre esbozo e obra rematada, por eso as súas ilustracións son tan frescas, porque manteñen a primeira impronta da que gozan as libretas. Marc Traballou para El País, El Mundo, fixo anuncios como o do New Beatle... e moitos libros infantís que me parecen fantásticos como Garbanciño, Elefante comellón, A verdadeira historia de Carapuchiña vermella...
Podería falar doutros ilustradores marabillosos, dos seus cadernos de apuntes, de viaxe de vida e de obra. Polo de agora poderemos mergullarnos un chisco nestes autores e coñecer a través dese xermolo que son os cadernos como se desenvolve o seu posterior e traballo paralelo.
Moi interesante. E que bos, todos eles
ResponderEliminar