Manuel Rilo Pardo |
Danza do gremio de labradores de Betanzos. 1902 |
Das súas actuacións na contorna betanceira existe abondosa información na prensa local. Durante toda a década do 1890 amenizou as festas de Santo Antón Abade, o que fai pensar que Rilo posuía un dos contratos vitalicios que adoitaban asinarse cos gaiteiros. A festa duraba dous ou tres días durante os que Rilo tocaba animando paseos, xantares e
funcións relixiosas. Era tradición nesta festividade o sorteo dun porco criado durante o ano pola veciñanza ao que se lle permitía camiñar ceibo polas rúas da vila. Rilo amenizaba todo o cerimonial da rifa do porco, acompañando a súa entrega en procesión até o fogar da familia agraciada. O vello Rilo debeu empregarse tamén como gaiteiro das tradicionais danzas gremiais celebradas durante as festas patronais de San Roque. De feito aparece xunto aos bailadores da danza do gremio de labradores nunha fotografía do ano 1902.
No derradeiro terzo do século XIX proliferaron os certames de gaiteiros nas principais vilas e cidades galegas. A dotación económica destes concursos atraía a presenza dos mellores gaiteiros e espallaba a súa sona por todo o país. Nestes certames é constante a presenza de Rilo que, como el mesmo fachendeaba, chegou a gañar até vinte e sete. Antes de gañar o vinteseteavo certame en Compostela, o propio Rilo dirixíalle esta copla ao xurado: "Gañei vintaséis premios, viña por outro máis, si o merezo, señores,o xurado o dirá".
Xan Míguez, "O Ventosela" |
Existe noticia da súa vitoria no 1882 nun certame en Betanzos. Outro no 1885 en Compostela. No 1886 venceu en Pontevedra nun concurso convocado polo semanario O Galiciano. O seu triunfo mais soado aconteceu no 25 de xullo do 1893 en Compostela, onde se impuxo ao seu habitual rival nestes certames Xan Míguez "O Ventosela", que foi segundo. Rilo interpretou a muiñeira de Piadela, peza da súa autoría. Cóntase que adicou o premio, a importante cantidade de cen pesetas, á compra dun boi. Venceu outro certame en xullo de 1896, esta vez na Coruña, derrotando de novo a Ventosela e a Roxelio Rodríguez "O Carballiño". No ano 1900 en Compostela tivo que conformarse co segundo posto.
Nestas competencias entre gaiteiros, Rilo representaba para a crítica da época a tradición. O seu estilo clásico en repertorio e indumentaria, opoñíase ao de gaiteiros mais innovadores. Estes gaiteiros ían abandonando xa a vestimenta tradicional, motivo polo
que nalgúns certames esixíase acudir co "enxebre traxe do país, calzón, chaqueta e monteira". Tamén ampliaban o seu repertorio coas novas músicas de moda, nun tempo no que o baile solto deixaba aos poucos paso ao agarrado e no que as incipientes bandas de música comezaban a desprazar aos gaiteiros dos torreiros das festas.
O gaiteiro "innovador" por antonomasia era Xan Míguez "O Ventosela". Criticadísimo polos "tradicionalistas", Míguez chegaba ao extremo de empregar chaves no punteiro para acadar os tonos sostidos, a muda-la monteira por chapeus propios dun músico de banda e mesmo a introducir músicas foráneas no seu repertorio. No ano 1900, Alfonso Pérez Nieva, no seu libro "Por las Rias Bajas", comparaba o estilo dos dous gaiteiros rivais describindo a Rilo como "sobrio, sinxelo, con parco manexo dos dedos, sen as florituras, sen os verdadeiros prodixios que realiza Míguez".
Un artigo da revista Galicia Moderna do ano 1897: "los gaiteros en Galicia" laiase de "como vai desaparecendo o traxe, como se adulteran os costumes, como se impide pola forza bruta o honesto recreo nas romarías". Cítase no artigo aos gaiteiros de máis sona do momento aparecendo xunto ao Rilo de Betanzos, Xan Míguez "O Ventosela", Roxelio Rodríguez "O Carballiño" e Antonio Castiñeira "O fresco de Baio". Rilo é presentado no artigo como un garante da tradición, remiso a saír da súa comarca, inimigo das florituras e das innovacións alleas, que procura sempre o aplauso do entendido.
O vello Rilo a bordo dun barco no porto da Coruña cara o 1890. |
O vello Rilo finou no ano seguinte, o dezaseis de maio do 1907, en Salto, lugar do que era veciño, sendo soterrado no día seguinte a idade de setenta e oito anos.
O vello Rilo non tivo a fortuna doutros gaiteiros da súa época, caso de Manuel Castro de Penalta ou Xan Mella de Baio, que ficaron inmortalizados por Curros Enríquez e Enrique Labarta. Tan só un poeta da súa vila, Fernando García Acuña, foi quen de dedicarlle en vida un par de poemas en pequenas revistas da época.
A súa lembranza foise pois esvaendo aos poucos, mais nunca de todo, pois vinte anos despois da súa morte, o mestre betanceiro Xoán Díaz Fernández dedicáballe uns versos nunha publicación da emigración e pouco mais tarde o erudito Francisco Vales Villamarín un soneto en galego.
Unha fotografía súa, conservada no arquivo de Vales Villamarín, serviu de inspiración a outro artista betanceiro, Xosé Veiga Roel. Con ela realizou un debuxo a lapis do rostro do gaiteiro e un retrato de corpo enteiro. A forza deste coñecido retrato popularizouse e pasou a empregarse profusamente en carteis de festas, foliadas, romerías, discos,etc.. Mesmo existe unha escultura de corpo enteiro inspirada no retrato nas oficinas do concello de Ortigueira, lugar onde Rilo actuou por última vez.
Tamén o concello de Betanzos lle prestou unha pequena homenaxe ao poñer o seu nome a unha das aulas da Escola Municipal de Folclore (EMUF) no ano 2015.
No ano 1986, o gaiteiro Xoán Carlos Rilo, descendente do vello Rilo, publicou no Anuario da Gaita da Escola de gaitas da deputación de Ourense a partitura da muiñeira de Piadela. Esta peza do vello Rilo incorporouse ao repertorio popular, e conta hoxe con centos de versións de gaiteiros e grupos de todo o mundo. A peza foi empregada tamén no ano 2017 polos veciños de Samede, pequeno pobo mariñán do concello de Paderne, no proceso de recuperación do tradicional entroido da vila. Unha das tradicións da festividade consistía no baile dunha muiñeira cruzada, para a que dada a imposibilidade dos informantes de indicar a música utilizada optaron pola muiñeira do vello Rilo. Manuel Rilo deixou a transmisión doutra peza, unha muiñeira redonda, se ben actuando esta vez como informante, e a chamada "muiñeira do vello Rilo", que posibelmente sexa tamén obra súa.
Bibliografía
Xesús Torres Regueiro. Un lexendario gaiteiro da Mariñas: O Vello Rilo. Anuario Brigantino Nº 13. 1990
Noguerol Otero, Antonio (1983). "A rifa do porco, os serenos e o neno" (PDF). Anuario Brigantino
"#49 A rifa do porco de San Antón "Criou dous porcos Ramón/cando casou con Tomasa/un pra comeren na casa/e outro pra San Antón" 17 de Xaneiro.". Percusión Galega. 2019-01-17. Consultado o 2020-10-21.
Ferrol, Diario de. "El respeto y los pasos que nunca perdieron en Betanzos".
RTVE (1973). Danza de Labradores (Youtube).
"El Ciclón : periódico satírico". biblioteca.galiciana.gal. 01/08/1885.
Rilo, Xoan Carlos (1987). "Muiñeira de Piadela" (PDF). Anuario Brigantino .
"Programa de festas da Coruña". biblioteca.galiciana.gal. 1896.
Solá, Jaime (1925). Vida Gallega
"O gueiteiro, Manuel Curros Enr?uez". galicia.swred.com.
Galicia, Administración de (2016). "Galiciana: Arquivo Dixital de Galicia". arquivo.galiciana.gal. Consultado o 2020-10-25.
"Fotografia do gaiteiro Rilo de Betanzos".
"A recuperación do Entroido de Samede - VII Xornadas Entroido Sociedade Antropolóxica Galega".
"Muiñeira cruzada do entroido de Samede".
"A Redonda - Informante: Manuel Rilo Pardo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!