xoves, 18 de febreiro de 2021

Madeleine Vionnet; a arquitecta dos deseñadores e vangardista empresaria [MODA]

Estes días, no curso de Extraordinario, rematamos a teoría dos padróns con drapeados. Se buscamos na RAE a definición de drapear atopámonos coa seguinte definición.

"Colocar ou pregar os panos da vestidura, e, máis especialmente, darlles a caída conveniente" 

Xa os gregos e os romanos utilizaban estas técnicas de pregaduras para a súa indumentaria. Os escravos romanos podían botar horas pregando as togas dos patricios, e cóntase que na antiga Roma chegaron a cruzarse denuncias por desfacer os drapeados da toga dun patricio.


Pero a deseñadora que deu sentido ó drapeado foi Madeleine Vionnet. Ela creou o corte ao través, e grazas a isto unha forma diferente de pregar a tea, dotándoa de movemento.


Pero...¿quén era Madeliene Vionnet?

Madeleine Vionnet (1876-1975) naceu en Francia e entrou como aprendiz de modista nun taller aos 12 anos. Aos 16 marcha a Londres onde traballa coa afamada modista, Katy Reilly. Aos 20 anos regresa a París e entra a traballar na casa de modas das irmás Callot. É entón cando Jacques Doucet a "ficha" para sua maison.
Fascinada pola bailarina Isadora Duncan, creadora da danza moderna, fai un desfile no que as modelos pasan descalzas e con vestidos de clara inspiración grecorromana.


Este desfile non lle gusta ao seu xefe, Doucet, e é cando Madeliene decide fundar a súa propia casa de modas, en 1912.


A Primeira Guerra Mundial provocou que Vionnet pechara o seu taller de París tan só dous anos despois da sua apertura. Entón trasladouse a Roma onde estudou a cultura da Antiga Roma.
Con todo este coñecemento adquirido, Vionnet basea a súa forma de entender a moda en 4 piares da arte:
  • Proporción: inspirase nas simetrías de Jay Hambidge (1867-1924, pintor estadounidense, estudante minucioso da arte clásica)
  • Balance: que ten que ver con teorías da antigüidade como a “sección de ouro”
  • Movemento: que estaba representado co corte ao través, facendo énfase na idea de que o vestido é unha segunda pel en movemento;
  • Verdade, unha simplicidade arquetípica, inspirada nos gregos.


Á súa volta a París, nos anos 20, consolidouse como deseñadora de renome.


Vionnet é considerada a Euclides da moda, pola súa precisión milimétrica e unha rigurosa xeometría. Creaba as súas pezas partindo de figuras xeométricas simples como o cadrado, o rectángulo, triángulo ou círculo. Houbo de encargar, para este tipo de confección, teas que medían dous metros máis de ancho do normal.
Sobre o seu maniquí empezou a ensaiar outro invento seu: o drapeado.




Madeleine Vionnet, ademais de dirixir o seu negocio como unha empresa moderna, coñecedora, desde os 12 anos, da dureza do traballo de costureira, sen buscar publicidade ningunha para si, mellorou as condicións de vida das súas traballadoras dun modo que a puxo á vangarda das conquistas sociais que reclamaba o feminismo da súa época. Os seus novos talleres, en seis pisos, gozaron de grandes ventás: aire e luz natural; amplas mesas de traballo, ferro eléctrico!, cadeiras en lugar de taburetes, calefacción, sanitarios… E máis: en sanidade, dentista e médico para as traballadoras e os seus fillos, gardería, con posibilidade de lactar aos nenos en tempo de traballo, permiso de maternidade e vacacións pagas… E máis: clases para aprender a ler, escribir e saber de contas. Esa foi a causa, nas grandes convulsións sociais do ano 36, pola que as súas traballadoras non foron á folga e si as de Chanel.




Unha gran muller que revolucionou, xunta con Chanel e Lanvin, o xeito de entender a moda a principios do século XX.

Fontes consultadas:

1 comentario:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!