luns, 15 de febreiro de 2021

“O único santo memorable do deseño” [CERÁMICA]

 


O caso de Enzo Mari é quizá un dos máis rechamantes dentro do deseño industrial. Nacido en 1932, cursa os seus estudos na Academia de Belas Artes de Brera, en Milán, formándose en literatura e arte, profundando en temas de psicoloxía da percepción visual. Xa nos anos cincuenta ten unha intensa actividade artística, participando en movementos de vangarda. Intégrase ao grupo de Arte Cinética e alí coñece a Bruno Munari.

Entre os trazos característicos das súas obras está o seu afán pola investigación e a experimentación. Algúns dos seus traballos máis celebrados inclúen xogos e libros infantís, como 16 animais (1957): un conxunto de animais de madeira, ensamblados como un crebacabezas, pero que tamén se poden usar noutras disposicións.

En 1967 comezou a súa colaboración, que durou máis dunha década, coa empresa de cerámicas Gabbianelli: ante a solicitude de deseñar algunhas decoracións para os seus azulexos, Mari negouse a facer unha labor de mero deseño e embarcouse nunha investigación para revisar o concepto mesmo de decoración de paredes. Para os seus azulexos e cerámicas (as series "Elemental" de 1968, " Traccia" de 1978 e " Decorato a man" de 1981, entre as máis rechamantes), Mari recuperou tecnoloxías antigas e elaborou unha poética das formas e cores con signos elementais.

Ancián cascarrabias, fumador de puros, fustigador do mundo actual, politicamente radical e vitalmente espartano, Enzo Mari encarna a crítica do deseñador como intérprete de tendencias. "No meu traballo como deseñador ou, máis ben, como intelectual que contradi o estado actual das cousas, trato dentro da rede de comisións e proxectos de ' contrabandear' momentos de investigación e formas de crear o estímulo para liberarme do condicionamento ideolóxico, normas, comportamento e gusto estándar".

Enzo Mari, deixounos o 19 de novembro de 2020, vítima do coroa virus .





















Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!