Hoxe quero presentarvos a Biblioteca Forney de París,
salvando as distancias un espello no que mirarnos e un exemplo para
seguir. A súa orixe é moi similar ao da nosa Escola de Artes e Oficios.
A Biblioteca Forney foi inaugurada en 1886, o mesmo ano que se inuguró a Escola de Artes e Oficios de Vigo. Fundada grazas a un legado feito á cidade de París por un industrial, Aimé-Samuel Forney, que desexaba mellorar a situación dos oficios artísticos franceses a fins do século XIX e que lle deu o nome. Do mesmo xeito que a nosa biblioteca leva o nome de Garcia Barbón, a persoa que doou os actuais edificios da Escola, ademais dunha importante cantidade de diñeiro para a posta en marcha da biblioteca.
A Forney nun principio estivo situada no corazón de Faubourg Saint-Antoine, o distrito artesanal de París, alí acudian a traballar debuxantes, broncistas, ebanistas... que podían levar libros e modelos en préstamo. Do mesmo xeito que a nosa escola da rúa do Circo, o local pronto quedou pequeno. En 1929, decidiuse trasladar a biblioteca ao Hôtel de Sens, aínda que o traslado dos seus fondos non se fixo ata 1961.
A Biblioteca Forney está especializada en belas artes,
artes decorativas, artes gráficas, os oficios artesáns e as súas
técnicas, así como en moda, publicidade e deseño. É unha das grandes
bibliotecas patrimoniais da cidade de París que destaca pola diversidade
dos seus documentos: libros e revistas, catálogos de exposicións e
museos, etc. Reúne algúns dos fondos máis ricos de Francia en carteis
publicitarios, papeis pintados, mostras de teas, catálogos de casas
comerciais, postais. Tamén conserva debuxos orixinais, modelos e arquivos
de profesionais e unha considerable colección de documentos
publicitarios.
Destaca a variedade dos seus fondos:
- Libros: 230.000 volumes, que inclúen repertorios de ornamentación, manuais técnicos do século XIX, etc. A Forney posúe numerosas obras estranxeiras, especialmente anglosaxoas, italianas, eslavas e asiáticas.
- Catálogos de arte: máis de 50,000 catálogos para exposicións temporais e museos, catálogos de vendas de arte desde 1750 ata a actualidade, catálogos comerciais de fabricantes e distribuidores desde o século XIX (Le Bon Marche, A Redoute, Manufrance, etc.), os catálogos das principais feiras de arte francesas e as de exposicións universais francesas e estranxeiras.
- Revistas antigas e actuais: consérvanse 4.000 títulos (dos cales 300 son "títulos vivos", é dicir, aqueles cuxa subscrición aínda está en curso), principalmente de arquitectura, deseño, caricatura, moda e mercado da arte. Ademais dunha interesante colección de almanaques desde o século XVIII ata os nosos días.
- Coleccións iconográficas notables: unha colección de carteis publicitarios desde 1880 ata a actualidade, unha das catro máis grandes de Francia, unha colección de 9,000 mostras de papel pintado, lámina impresas dos séculos XVIII e principios do XIX, mostras de teas e encaixes, deseños orixinais de mobles e decoracións (Fourdinois, Villeneuve, Maubert), unha impresionante colección de postais, imaxes populares ( cromolitografías, imaxes de Epinal ...) e documentos publicitarios e comerciais ( etiquetas, menús, xogos ...).
- A colección da Biblioteca de Artes Gráficas: foi creada grazas á doazón do editor, Edmond Morin, en 1929. Quería ofrecer documentación técnica e profesional aos traballadores do libros (impresores, tipógrafos, correctores, etc.) Estes fondos datan dos séculos XIX e XX, e o período 1900-1930 está particularmente ben representado.
A Biblioteca Forney tamén está presente nas redes sociais
Moi interesante, grazas María Jesús ;D
ResponderEliminar